Venres 29 Marzo 2024

A beleza está na uva

bandera-galiciaEspañol bandera-ukEnglish

Casualidades da vida: do mellor da natureza pódese obter o máis apropiado para a beleza. É a idea da que parte CosmetInnova, un consorcio formado por cinco empresas galegas, de pequeno tamaño pero alta capacidade tecnolóxica, para mellorar as propiedades da cosmética natural, un sector en auxe e de notable valor engadido. Iniciaron o seu traballo en outubro de 2013 e encaran xa a fase final do proxecto cuns avances que cualifican de espectaculares. Coa colaboración das Universidades de Vigo e A Coruña, a investigación disponse a completar o traxecto que separa produtos como cogomelos, aceite de oliva ou uva de albariño do pequeno tarro de cremas faciais, contorno de ollos ou lapis de labios.

A investigación desenrolará lapis de labios, contorno de ollos ou cremas faciais

A investigación consiste en purificar e extraer os compoñentes activos presentes na natureza para ofrecer novos ingredientes ao sector da cosmética natural. Avánzase así na preparación de materiais que permiten filtrar os extractos e purificalos nos compostos que enriquecerán as moléculas. “O que facemos é promover as propiedades beneficiosas aos produtos cosméticos con aditivos procedentes de elementos naturais; principalmente cos de Galicia, que son cos que nós queremos traballar”, relata José Manuel Vilariño, secretario técnico do proxecto e socio de Glecex, unha das cinco empresas integradas.

Publicidade

Os produtos galegos son a base dos seus experimentos. A materia prima natural da que se nutre CosmetInnova está formada por bagazo de uva albariño -fronte ao uso máis estendido do de viño tinto-, cogomelos e aceite de oliva autóctonos, pero Glecex tamén tiña coñecemento das propiedades para a medicina tradicional africana de plantas de Senegal e Sudáfrica, e ata alí desprazáronse para ampliar a base da materia prima. E a intuición estase a confirmar no traballo do laboratorio. “Pensamos que os resultados poderían ser moi bos e é xusto o que está acontecendo”, puntualiza Vilariño.

Reunion Proyecto CosmetInnova
Representantes do proxecto CosmetInnova, nunha recente reunión de coordinación.

CosmetInnova púxose en marcha como unha actividade acollida á convocatoria Conecta Peme, da Consellería de Economía e Industria. Cun investimento próximo a 700.000 euros, sufragado nun 60% pola Axencia Galega de Innovación, o proxecto avanza coa coordinación de cinco empresas complementarias entre si: Iuvenor Lab, CarOi’Line Cosmética, Hifas da Terra, Organistry e Glecex. A Universidade de Vigo colabora co centro de investigación EQ2 de enxeñaría química e a da Coruña, co grupo de Polímeros.

En contra do que é costume neste tipo de investigacións, o obxectivo non consiste en lograr unha patente, senón en desenvolver un coñecemento aplicable polas propias empresas do sector da cosmética implicadas no proxecto –Iuvenor Lab, CarOi’Line Cosmética– ou por outras a que se poidan incorporar despois, mentres que Glecex Organistry quedan cun coñecemento de química sintética aplicable e exportable a outras moitas empresas do sector. Hifas da Terra engade ademais unha nova liña de negocio ao propio, que é o da micoloxía.

O proxecto pasa por extraer activos naturais para ofrecerllos ao sector

“Se fosemos a pola patente, as investigacións serían públicas, e os laboratorios de grandes empresas como L’Oréal ou Nivea non terían inconveniente en asumilas rapidamente. O axeitado é quedarnos co know how para poder utilizalo durante máis tempo. E ademais cun produto diferenciado e de calidade”, explica o secretario técnico do proxecto. O seu principal obxectivo é o de abrir o mercado exterior a través da participación en feiras internacionais. E unha das súas grandes bazas, a orixe vexetal dos compoñentes activos, fronte ao máis habitual e problemático da animal.

Para incrementar o valor engadido, os seus obxectivos non están en leites corporais ou xampús que se comercializan en botes de gran tamaño, senón en concentrados de maior valor engadido. De aí que as catro liñas principais do traballo consistan en cremas faciais, lapis de labios, contorno de ollos e soros hidratantes ou sérum.

Unha engrenaxe

Durante o proceso percorrido polo proxecto caracterizáronse os produtos de partida, para determinar as moléculas que se enriquecen e potenciar os seus beneficios. Agora trátase de preparar o produto final para avaliar as súas propiedades, e comprobar así se, como xa se enxerga, se cumpren os niveis de calidade pretendidos. E polo camiño, “explorar a complementariedade das empresas e abrir novas colaboracións” resume Andrea Vázquez, directora de CosmetInnova. “Estamos facendo algo parecido a unha engrenaxe do que sairán non só estas liñas polas que avanzamos, senón novos produtos paralelos e novas ferramentas tecnolóxicas”.

Non é pouco para un sector no que hai empresas que non pasan dos dous empregados, como algunhas das que forman parte deste proxecto, e que teñen que disputarse o mercado con xigantes multinacionais e o seu aparataje en I+D. “Pero non queda máis remedio que investigar e innovar”, continúa Vázquez. “Para que as pequenas poidamos vender fóra debemos conseguir produtos novidosos, diferentes. En tempos difíciles sempre custa apostar polo I+D, pero todos os que estamos aquí sabemos que é a única opción”. A opción de innovar para converter en beleza os produtos da natureza.

Un grupo, cinco empresas

O consorcio CosmetInnova está composto polas seguintes compañías:

  • Iuvenor Lab, empresa mediana do sector da produción cosmética.
  • CarOi´Line Cosmética, , pequena empresa con experiencia na elaboración de extractos naturais para o sector da cosmética.
  • Hifas da Terra, empresa dedicada á micoloxía, incluíndo diferentes liñas de extractos así como produtos de cosmética.
  • Glecex, nova empresa de base tecnolóxica que traballa para obter moléculas activas a partir de extractos naturais.
  • Organistry, pequena empresa de base tecnolóxica dedicada á química sintética orgánica.

 

logo_MINECO_FECYT_Web

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta destina 16 millóns para retomar a actividade económica na ‘nova normalidade’

O Goberno autonómico facilitará a compra de equipos de protección e a adaptación de locais en sectores como o comercio, o turismo e outros servizos

Dairylac: como dar valor aos lácteos e apostar pola economía circular

A empresa, baseada en Melide, transforma as materias primas e investiga para obter bioplásticos a partir dos seus subprodutos

Crean na UVigo un dispositivo que captura e almacena CO2

Un dispositivo capaz de capturar e almacenar CO2 en poscombustión ou...

A Xunta avaliará cada cinco anos aos investigadores de elite que contrate

Un comité de expertos examinará o seu traballo e se captaron fondos públicos ou privados