Fragas do Eume: o gran bosque atlántico baixo a ameaza do eucalipto

Cando se cumpren 25 anos da súa declaración como Parque Natural, o espazo fai fronte a desafíos como as especies invasoras, os incendios e a deforestación

As Fragas do Eume agochan un gran bosque atlántico, de gran valor e importancia ecolóxica

O 12 de agosto de 1997, as Fragas do Eume foron declaradas Parque Natural, o quinto de Galicia. Este 2022 cúmprese o 25 aniversario dunha data de referencia no que é considerado o bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa. Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, este 5 de xuño non está de máis revisar a importancia e tamén as ameazas que acechan nun ecosistema tan especial e sensible.

En total, o Parque Natural abarca 9.125 hectáreas, sendo en extensión o segundo máis grande de Galicia despois do Xurés, en Ourense, de case 30.000 hectáreas. Como indica a páxina web de Turismo de Galicia, na súa amplitude viven un total de 500 habitantes, o que significa que se trata dun espazo virxe, de valiosos bosques que seguen o curso do río Eume, de ata 100 kilómetros de lonxitude. O parque, en forma de triángulo, sitúa os seus vértices nas vilas de As Pontes, Monfero e Pontedeume, pertencentes á provincia da Coruña.

Trátase dun bosque atlántico termófilo, que constitúe un pequeno exemplo do verdor boscoso típico do noroeste da Península que habitaba en Galicia antes da progresiva introdución de especies invasoras como o eucalipto, dos diversos incendios que sufriu e dunha cada vez maior deforestación organizada. Esta situación de gravidade fixo reaccionar a distintas organizacións e colectivos ecoloxistas, que denuncian o maltrato e a degradación que sufre o espazo natural e reclaman medidas efectivas para a súa conservación.

Unha fraga con especial encanto

A Real Academia da Lingua Galega define o termo ‘fraga’ como “extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, poboado de distintas especies caducifolias, de herbas, mofos e liques e na que convive así mesmo unha gran diversidade de fauna”, citando como exemplo ás Fragas do Eume.

É o certo é que este espazo natural conta cunha gran variedade de especies de fauna e flora, que o converte nunha mostra exeplar da biodiversidade galega. Entre estas especies de notable interese atópanse o carballo, o castiñeiro, os fentos e ata 20 especies diferentes de anfibios e réptiles. Ademais, o bosque de ribeira destaca pola estrutura de árbores en forma de ponte situada ao longo da beira do Eume. En xeral, o Parque Natural tamén é de suma importancia para a saúde de todos, xa que limpa o aire, produce osíxeno e purifica a auga.

Entre a vexetación levántase o Mosteiro de Caaveiro, antigo cenobio con máis de dez séculos de historia

A páxina de turismo da Xunta indica aos seus potenciais visitantes que a mellor forma de coñecer este parque é percorrendo a pé os seus camiños. O motivo radica en que a rede de carreiros que marcan as frondosas árbores da fraga, semella un entorno de ensoño, típico de contos de fadas. Ademais, esta vexetación, sombría e húmida durante todo o ano, convirte este espazo no idóneo para visitar durante os meses máis cálidos do ano, debido a súa capacidade reguladora da temperatura do ambiente. Aparte das árbores, o bosque agocha varias augas, fontes e fervenzas, que completan a composición desta paisaxe natural.

Entre a vexetación do parque, atópase un edificio emblemático e de alto valor histórico: o mosteiro de Caaveiro, antigo cenobio con máis de dez séculos de historia. A Xunta o cualifica como punto clave para poder apreciar unha completa panorámica das Fragas. Pódese acceder a el dende Pontedeume, seguindo o río, a través do coto pesqueiro de Ombre. Ademais deste mosteiro, tamén está o de Monfero, na parroquia de San Fíz, de orixe románico, que agocha unha igrexa barroca cunha fachada axadrezada composta por lousa. Ambas construcións son dous exemplos claros da repercusión que tivo o descubrimento do sepulcro do Apóstolo Santiago ao traer ás principais ordes monásticas, quenes deixaron a súa pegada neste tipo de edificacións.

A eucaliptización: a principal ameaza do Parque Natural

Dende o momento en que foi declarado Parque Natural e tras recibir a distinción de Rede Natura, as Fragas do Eume pasaron a estar baixo protección oficial. Porén, ao longo destes 25 anos, varios colectivos ecoloxistas como ADEGA e asociacións como a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), reivindicaron unha maior atención a esta área natural, que se está vendo afectada pola degradación progresiva do seu espazo debido aos distintos cambios no seu solo.

Ao longo destes anos o Parque Natural experimentou diversas plantacións de eucalipto, aumentando a súa poboación en case un 200% no ano 2003 e a diminución dos seus bosques, ata o 30% da súa área total. Así o indica un estudo realizado por investigadores da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid. “Fai 12 anos xa notaran o gravísimo problema da eucaliptización das Fragas do Eume. Hai evidencias claras de que non se está facendo suficiente por conservar este espazo natural”, reivindica Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). “Non chega con declarar sobre o papel que é un Parque Natural, hai que sacar medidas efectivas de xestión, actuar en consecuencia e conseguir o cariño e a complicidade cos cidadáns que viven alí”, engade.

A primeira medida para frear a degradación do bosque sería eliminar as especies que non son naturais dese ecosistema

Pola súa parte ADEGA expuxo nunha recente nota de prensa o seu descontento ante a situación que están a vivir as Fragas debido á eucaliptización do val do Eume e a “ausencia” de compromisos significativos na súa conservación. Explican que a plantación intensiva de eucaliptos está degradando as poucas e importantes mostras do bosque atlántico termófilo, un tipo de formación escasa a nivel mundial e de especial importancia para Galicia.

“A carencia de toda iniciativa de conservación ao longo dos últimos 25 anos está provocando que parte dos seus valores diminúan. Se de verdade é un bo sistema forestal atlántico, deberíase pór o foco de alarma sobre este Parque Natural”, explica o director da SGHN e propón que a primeira medida para frear a degradación do bosque sería eliminar as especies que non son naturais dese ecosistema. “Empezando polos eucaliptos e continuando polas restantes especies exóticas e invasoras que poidan estar presentes neste espazo”, conclúe.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.