Xoves 28 Marzo 2024

Experiencia e innovación para fortalecer o liderado da acuicultura galega

bandera-galiciaEspañol bandera-ukEnglish

A biotecnoloxía aplicada á acuicultura está destinada a ser un campo clave no desenvolvemento dun sector estratéxico para Galicia. Tanto é así, que a Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 para Galicia —deseñada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) para orientar as políticas de innovación durante o período 2014-2020, cun presuposto de 1.600 millóns de euros— outorga prioridade á modernización da acuicultura co obxectivo de xerar novos produtos e servizos a través da aplicación da biotecnoloxía. Non en van, Galicia lidera a produción acuícola española, con case o 90% do total estatal, segundo datos do informe 2014 da Asociación Nacional de Acuicultura Nacional (Esacua) e o Observatorio Español de Acuicultura.

Experiencia e innovación foron e serán claves para o progreso deste sector. Dous valores que encarnan, por un lado, o Grupo de Acuicultura e Biotecnoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), con catro décadas de experiencia, e por outro, a empresa de base tecnolóxica QualDIMUS, enraizada no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo e recén chegada ó sector. Son a veteranía e a novidade da biotecnoloxía aplicada á acuicultura en Galicia, unha área multidisciplinar que, apunta Ana María Otero Casal, da USC, “é moi cara e necesita un grande investimento de diñeiro” para o seu desenvolvemento.

Publicidade

Catro décadas de experiencia na USC

Grupo de Acuicultura y Biotecnología de la Universidad de Santiago de Compostela
Grupo de Acuicultura e Biotecnoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Foi hai catro décadas cando naceu o grupo de investigación de Acuicultura e Biotecnoloxía do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, fundado polo profesor Jaime Fábregas. Con el comezaba en España a investigación en biotecnoloxía de microalgas, converténdose co paso dos anos nun dos equipos máis destacados no mundo no estudo das aplicacións das microalgas, tanto mariñas como de auga doce. Este grupo traballa dende entón na mellora dos sistemas de cultivo de algas microscópicas, que son a base do desenvolvemento do cultivo de rodaballo, ostras, ameixas, etc. “Temos moito coñecemento sobre como traballalos, como mellorar o seu perfil bioquímico para que sexan mellor alimento tanto para nutrición animal en acuicultura coma para nutrición humana; algúns úsanse, por exemplo, para obter os famosos ácidos graxos omega 3, que agora están en todos os sitios, e cuxa fonte primaria son as microalgas,” explica Ana María Otero, unha dos tres investigadores principais do grupo, xunto con Fábregas e o profesor Buenaventura Cabezas.

Dende hai case unha década esas microalgas teñen un interese renovado polo auxe do biodiésel. “Os enxeñeiros fixeron as contas e aseguran que probablemente é unha fonte máis interesante de biodiésel que os aceites de orixe vexetal”, apunta Otero. Grazas á ampla experiencia do grupo galego neste campo, son varias as empresas españolas e internacionais ás que están a ofrecer asesoría en cultivo, selección de especies, etc. “Son proxectos de investigación enfocados á transferencia de resultados”, aclara a profesora e investigadora da USC.

A pericia dos investigadores da USC tamén está a ser aproveitada no proxecto europeo Byefouling, que busca solucións environment-friendly á bioincrustación nos cascos dos barcos, que xera anualmente millóns de euros en perdas ós armadores polo enorme gasto en tarefas de limpeza e consumo de combustible que leva consigo. “Unha das vías que estamos a traballar neste proxecto, xa que temos experiencia en microalgas, é comprobar se algunha das algas que se cultivan normalmente teñen actividade de inhibición de biofilm, algo que xa está descrito na bibliografía que era así. Isto, por exemplo, permitiría valorizar toda a biomasa que se está a producir para o biodiésel. Hai moitas empresas no mundo usando microalgas para tentar producir lípido, pero tes un montón de biomasa á que extraes o lípido e… que fas co residuo? Se podes utilizalo para extraer unha substancia que metes nunha pintura e evitas con iso que se produza o fouling, pois estás a valorizar o residuo”, detalla Ana María Otero.

“O máis importante en acuicultura en Galicia é o mexillón. E o maior problema que temos aí é o das toxinas”

Aínda que Otero reivindica a acuicultura como un “sector estratéxico dos máis importantes” para Galicia, considera que existe unha percepción xeneralizada “un chisco nesgada polo que difunden os medios de comunicación”, critica. “Parece que en acuicultura o máis importante en Galicia é o rodaballo e fálase moito das plantas de Pescanova… Pero o máis importante da acuicultura en Galicia é o mexillón. Somos os segundos produtores no mundo despois de China e primeiros en Europa; un sector que move moito traballo e diñeiro, con tecnoloxía punta desenvolvida en Galicia e que exportamos. E o maior problema que temos aí agora, no mexillón, é o das toxinas, para o cal se necesitan desenvolvementos biotecnolóxicos importantes. De feito, presentamos un proxecto sobre desenvolvementos biotecnolóxicos para as toxinas no mexillón, que, por certo, non nos concederon. Hai moito campo de aplicación biotecnolóxica aí”, avisa a investigadora.

“Estamos traballando na diminución do impacto medioambiental das instalacións acuícolas”

O grupo da USC tamén está a traballar na acuicultura multitrófica integrada, conscientes de que “un problema do sector, en Europa en xeral, son as restricións para instalar plantas acuícolas en determinados sitios por consideracións de impacto ambiental e controis de calidade da auga que verten”. O grupo acaba de presentar un proxecto para tentar aproveitar a auga das plantas de rodaballo, con altas cargas de nitróxeno e fósforo, e que se poida reutilizar para cultivar microalgas, capaces de eliminar o fósforo e nitróxeno. “Ademais, esas microalgas pódense usar para cultivar moluscos, por exemplo sementes de ameixa. Dese xeito aseguras que a auga que vai ó mar estea limpa e valorizas os residuos, xa que es capaz de aproveitar o nitróxeno e fósforo dos excrementos dos peixes para producir semente de ameixa, da que hai moita necesidade nas confrarías, que non teñen sementes para os seus parques. Este é o último proxecto que acabamos de presentar en acuicultura e é unha das liñas prioritarias da UE: a diminución do impacto ambiental das instalacións de acuicultura”, argúe Ana María Otero Casal.

Se falamos en particular de peixes, “o maior problema é sanitario”, continúa Otero, quen alerta de que “os produtores están totalmente indefensos cando aparece calquera brote de bacterias nas súas plantas”.

É por todo iso que a profesora da USC reivindica o labor de investigación e a tecnoloxía que se está a desenvolver en Galicia e envorca agora a responsabilidade nas empresas: “Tras as probas de concepto, sabemos que a nosa tecnoloxía funciona e está suficientemente protexida e patentada. O traballo está moi avanzado. Agora son as empresas as que teñen que tomar o relevo”, esgrime.

QualDIMUS

Qualdimus
Tania Ballesteros, Andrea Landeira e Maruxa Álvarez, de QualDIMUS.

A faciana máis novidosa da biotecnoloxía aplicada á acuicultura en Galicia encárnaa QualDIMUS. Cando apenas estrearan o local que lles corresponde en Citexvi (Parque Científico e Tecnolóxico da Universidade de Vigo) como gañadoras do Concurso de Preincubadoras do Campus do Mar, as fundadoras desta empresa de base tecnolóxica recibiron o primeiro premio do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Real Academia Galega de Ciencias.

QualDIMUS naceu no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo (UVigo) da man de Maruxa ÁlvarezAndrea Landeira e Tania Ballesteros. O seu proxecto foi un dos catro gañadores da primeira edición do certame do Campus do Mar, xunto con dúas empresas da Universidade de Santiago de Compostela e unha da Coruña.

O traballo de QualDIMUS céntrase na piscicultura sostible

O campo de acción de QualDIMUS é a piscicultura sostible. O seu obxectivo é transferir o coñecemento científico xerado no Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da UVigo a un plano máis aplicado. “Queríamos ofrecer á sociedade uns servizos baseados no noso coñecemento e poder xerar emprego no propio ámbito universitario, favorecendo o desenvolvemento económico e social de Galicia”, explica a profesora Maruxa Álvarez.

QualDIMUS está orientada “á prevención de enfermidades e ó asesoramento no desenvolvemento de pensos funcionais para o sector da acuicultura de peixes”, explican as súas promotoras. O seu traballo céntrase na “redución no uso de químicos, como vacinas e antibióticos, e na diminución de animais sacrificados para a súa análise, pero sobre todo na innovación e investigación específica sobre o uso de pensos funcionais que melloren a supervivencia dos peixes”, comentan.

A empresa viguesa asesora para reducir a mortalidade dos peixes e mellorar a produtividade

As investigadoras empregan o mucus cutáneo dos peixes como indicador temperán do seu estado, ofrecendo unha gran vantaxe sobre a análise invasora doutros tecidos, xa que o mucus se rexenera de xeito continuo e a unha taxa elevada de produción. A empresa ofrece ademais un servizo de asesoramento sobre a composición do penso máis efectiva para determinadas especies e estadios do ciclo de vida dos peixes, co obxectivo de reducir o seu risco a contraer infeccións. A súa intención é ofrecer á industria acuícola servizos innovadores de asesoramento que permitan ás granxas de cultivo reducir a mortalidade dos peixes e mellorar a súa produtividade. Para iso, QualDIMUS ofrece ás piscifactorías un servizo de diagnose do estado dos peixes e asesoramento sobre o novo concepto de alimentación funcional, que axuda a previr brotes de infeccións de orixe microbiolóxica. “Este servizo de prevención de enfermidades realízase coa aplicación dun método único que integra tres aspectos básicos que afectan á supervivencia dos peixes: a dieta, a capa mucosa que os recobre e a susceptibilidade a contraer infeccións,” precisa Álvarez.

Agora esperan poder empezar a comercializar algúns servizos a partir da próxima primavera e xa traballan na procura de financiamento, aínda que de momento a prioridade é a experimentación. “Estamos a testar as hipóteses de valor imprescindibles para poder arrancar”, conclúe Álvarez.

logo_MINECO_FECYT_Web

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Só o 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos cre que as disciplinas científicas buscan a verdade, fronte ao 90,2% da poboación maior de 65 anos

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

As ‘Cantigas de Santa María’, traducidas por vez primeira ao galego actual

A versión realizada polo Grupo de Románicas da USC estará dispoñible na páxina web do Centro Ramón Piñeiro

O uso (e abuso) de pantallas pode resecar seriamente a túa vista: isto é o que podes facer para evitalo

Estar pegados a unha pantalla é unha condición case inesquivable da vida moderna que dificulta a adecuada lubricación dos nosos ollos