Xoves 28 Marzo 2024

O futuro do río Anllóns: sensorizado e sen flora invasora

A Deputación de Coruña prevé a boa conservación da súa contorna co control e análise da súas augas e a eliminación de especies impropias da zona

A detección de verquidos ou anomalías a través da sensorización, a eliminación da flora invasora ou a recuperación do ecosistema da barra. Así quere protexer a Deputación de Coruña o río Anllóns, cuxo caudal percorre cinco municipios da Costa da Morte desde o seu nacemento na parroquia de Soandres: A Laracha, Cerceda, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños. Esta é a outra cara das actuacións previstas sobre a contorna do río dentro dos Plans de Sostibilidade Turística, que ademais buscan revalorizar a gastronomía local a través da creación dunha marca propia.

Ao longo dos 50 quilómetros de curso do río colocaranse en diferentes tramos distribuídos entre os cinco concellos sensores de contaminación, que avaliarán o estado da calidade da auga en tempo real e trasladarán automáticamente os datos a uns monitores que a poboación local e os visitantes poderán consultar en vivo. “Pero, sobre todo, pretendemos que teña a virtualidade de que detecten un posible verquido para poñer barreiras o antes posible e non se traslade á totalidade do cauce”, apunta Xosé Regueira, deputado de Turismo. Esta actuación pensada para a transición dixital será determinante na boa conservación do río e na detección de anomalías.

Publicidade

A proposta inicial é a implantación de tres sensores por concello. Esto daría como resultado un mínimo de 15 sensores; estímase que a cantidade final oscilará entre este valor e os 20. Tamén se persegue sensorizar a zona marisqueira do esteiro do Anllóns. “Imos a buscar que se nos transmitan datos da calidade e a salinidade da auga, amais do estado de mantemento da barreira, e coidar que se protexa a zona de marisqueo do mar aberto”, sostén o ademais vicepresidente da Deputación da Coruña.

“A barra, cando se abre demasiado, mata o cultivo de berberecho e ameixa e é sobre todo un prexuízo económico”

XOSÉ REGUEIRA, vicepresidenta de Deputación da Coruña e deputado de Turismo

O inverno de 1994 rachou coa barra do Anllóns, unha barreira de area que protexe o esteiro do río, no que se creou un burato de máis de 100 metros, segundo informaron os medios de comunicación naquel momento. “A barra, cando se abre demasiado, mata o cultivo de berberecho e ameixa e é sobre todo un prexuízo económico. Hai outras cuestións coas zonas inundables coas localidades que están ao redor do esteiro, pero xa son moito menores”. A Deputación de Coruña non ten as competencias para actuar directamente sobre esta situación —pertencen á Xunta e ao Estado—, pero si para realizar unha análise de propostas de intervención para a súa rexeneración ou favorecer á implementación de tecnoloxía de detección temperá e permanente.

Tratarase de poñer fin á invasión no ecosistema de Anllóns por parte de diversas especies de flora non pertencentes ao lugar, o que alterou os ciclos biolóxicos da contorna. Por iso, o obxectivo é erradicar todas aquelas que irromperan no cauce do río ou no mesmo sendeiro. Esta é a “famosa” herba da pampa ou outras plantas impropias do territorio, “que chegaron a través de obras en estradas e logo chegaron ao río e instaláronse alí”, sinala Regueira. Tamén arbustos e árbores que entren dentro da traza do proxecto, incluído o eucalipto. En canto á fauna, aínda están a espera de estudar as especies do río, pero a intención é a de colonizar con fauna autóctona.

Área recreativa de Gabenlle. Crédito: Turismo de Costa da Morte

Ao carón do Anllóns, un dos principais atractivos de Bergantiños son as praias fluviais de Gabenlle, Verdes ou Coristanco, entre outras. Aplicarase unha estratexia de recuperación, centrada na súa posta en valor, que actuará sobre a infraestrutura “para facilitar unha maior accesibilidade e goce do turista, así como sobre o equipamento específico”, segundo recolle o Plan.

Igual que sucederá nas Fragas de Eume cunha medida idéntica, promoverase a mobilidade sostible a través da habilitación de aparcadoiros disuasorios co fin de que os visitantes opten por outros medios de transporte como bicicletas ou transporte público. De forma complementaria, buscarase poñer en valor o sendeiro para a promoción da mobilidade peonil en Bergantiños, o que implicará a súa homologación coa Federación Galega de Montaña. Así se pretende construír unha contorna do Anllóns igual de sostible que de desfrutable.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia lanza un proxecto audiovisual para divulgar a historia do Reino de Galicia

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais en YouTube e TikTok

A Vía Verde de Compostela recupera o pasado das estacións ferroviariais

A Deputación de Coruña impulsa a recuperación do patrimonio industrial espallado ao longo da ruta a través da realidade virtual

Fogóns de Anllóns: unha marca propia coa gastronomía local en primeira liña

A Deputación da Coruña pretende potenciar a cociña propia a través dun selo para os restaurantes dos concellos que percorre o río

A riqueza de Cabo Ortegal, a tan só un paso de converterse en Xeoparque

A Deputación da Coruña, en colaboración con sete concellos, promoveron a iniciativa, que se pode certificar esta mesma primavera