Situación dos testículos (laranxa) e riles (azul) na foca, o cabalo e o elefante. Fonte: Lehmann & Eberhardt/ Senckenberg - Instituto Max Planck.

Situación dos testículos (laranxa) e riles (azul) na foca, o cabalo e o elefante. Fonte: Lehmann & Eberhardt/ Senckenberg - Instituto Max Planck.

Así se puxeron os testículos no seu sitio

Científicos explican como a evolución fixo que na maioría dos casos descenderan ata o escroto, mentres o grupo dos elefantes consérvaos no interior do corpo

Como chegaron os testículos ata o seu lugar actual? A maioría dos mamíferos ten os seus órganos produtores de espermatozoides no escroto, onde estas células poden conservarse a unha temperatura algo inferior á do resto do corpo. Só os afroterios, como os elefantes, conservan aínda as gónadas masculinas no interior do abdome. Este grupo, ao que tamén pertencen os manatís e varios pequenos insectívoros, pareceron seguir un camiño evolutivo distinto ao do resto dos mamíferos. A través do rastrexo de xenes antigos, un grupo de investigadores alemáns conseguiu achegar luz sobre como tivo lugar este proceso.

O estudo, publicado na revista PLOS Biology, explica que os testículos do devanceiro dos mamíferos placentarios indican que esta parte do corpo descendeu durante o desenvolvemento evolutivo do grupo. Porén, nos afroterios, producíronse cambios xenéticos específicos tardíos que os mantiveron no interior do abdome.

Un cambio xenético tardío provocou que a ubicación dos testículos nos afroterios mudase respecto a outros mamíferos

Sinalan os investigadores que é difícil saber como era a situación nos chanzos previos da escala evolutiva, xa que os testículos, ao seren tecidos brandos, non se conservan no rexistro fósil. “Os vestixios moleculares ofrecen unha estratexia alternativa. En lugar de investigar directamente unha estrutura de tecido brando, pódese rastrexar a evolución dos xenes que son cruciais para o desenvolvemento desta estrutura”, explica Michael Hiller, científico do Instituto Max Planck de Dresde (Alemaña) e coautor da investigación.

Para explorar esta cuestión, o equipo liderado polo Instituto Max Planck analizou os xenomas de 71 especies placentarias de mamíferos, centrándose en dous xenes crave ( RXFP2 e INSL3) que se sabe que inducen o desenvolvemento do gobernáculo, uns pregamentos que axudan a empuxar aos testículos cara ao exterior. Este traballo revela que os dous xenes están completamente inoperantes en catro especies de afroterianos: tenrec, musaraña elefante do Cabo, topo dourado do Cabo e manatí. As perdas de xenes ocorreron despois de que o grupo afroteriano separásese do mamífero placentario ancestral, hai uns 100 millóns de anos. Ademais, as mutacións que existen nestes catro liñaxes evolutivos suxiren que as causas moleculares polas que retiveron os testículos son aínda máis recentes (entre 20 e 80 millóns de anos) e independentes nas catro especies. “Máis aló de resolver un enigma específico na evolución dos mamíferos, o exame dos vestixios xenéticos dos tecidos brandos pode ter aplicacións para reconstruír os cambios nas partes do corpo e os procesos de desenvolvemento ao longo da historia evolutiva”, conclúe Hiller.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.