Diversas cores de fogos de artificio.

Diversas cores de fogos de artificio.

As sete fórmulas que dan cor aos fogos artificiais

A combinación de diversos elementos da táboa periódica provoca que os pirotécnicos poidan crear diferentes tonalidades

O verán é tempo de romarías e festas patronais. Moitas delas rematan cunha xenerosa sesión de fogos artificiais. Ao mirar ao ceo da noite, vemos como, ao estourar, o estourido da pólvora dá lugar a diferentes cores. Pero como é posible isto? Que pasa no interior dos artefactos? O xornal Bussiness Insider recolle nun artigo a explicación dun experto pirotécnico, o enxeñeiro Mick Tockstein, no que detalla as mesturas de elementos químicos, reaccións, cantidades e dispositivos que xeran a ampla gama de cores deste espectáculo de luz.

“A cor dos fogos artificiais depende do tipo de elementos que levan, e que poden ir desde metais máis comúns ata minerais raros, e sobre todo sales“, explica Tockstein. Os artefactos levan no seu interior unha mestura de pólvora, oxidantes (para axudar á combustión), metais e unha especie de pegamento. Todo isto provoca que o dispositivo poida voar durante un tempo antes de estourar e espallarse.

A clave é, como en moitas explosións, a pólvora: un material formado por nitrato de potasio (75%), carbón (15%) e xofre (10%). O enxeñeiro estadounidense explica deste xeito as diferentes fórmulas que dan lugar as cores dos fogos:

Amarelo

O sodio é o elemento clave. Ao acadar temperaturas elevadas e entrar en combustión, desprende unha cor amarela.  O nitrato de sodio, o oxalato de sodio ou a criolita son algúns dos sales que se producen para estas combustións.

Vermello

O segredo está no estroncio, un metal alcalinotérreo que se empregou durante moito tempo para facer as pantallas das televisións. En condicións normais a súa cor está entre agrisada e amarelada, pero ao arder, convértese en vermello. Para facilitar a reacción do artefacto, introdúcese nitrato de estroncio, carbonato de estroncio ou sulfato de estroncio.

Verde

A maioría dos fogos artificiais desta cor están feitos con bario. Porén, as sales deste composto adoitan ser tóxicas se se inhalan, polo que non adoita usarse en moitas ocasións. As máis habituais, con todo, son o carbonato de bario,o cloruro de bario ou o clorato de bario.

Azul

Esta cor, que se obtén mediante o cobre, é un dos maiores desafíos para os pirotécnicos. “É case como atopar un unicornio”, di, con humor, Mick Tockstein. “A temperatura da chama ten que ser moi precisa e as combinacións moi exactas para conseguilo. Para iso, créase cloruro de cobre, carbonato de cobre e óxido de cobre.

Branco

Grazas ao magnesio, o titanio ou o aluminio, é posible obter reaccións moi brillantes. Por isto, estes materiais adoitan empregarse tamén para producir os habituais fogos de faíscas.

Púrpura

Mesturando cobre e estroncio é posible obter matices violetas ou púrpuras.

Dourado

Algunhas das estelas douradas que tamén se adoitan ver nos fogos conséguense introducindo máis carbono na reacción.

Tockstein apunta tamén que existen máis mesturas que poden dar lugar a diversos matices e efectos. Menciona, por exemplo, o efecto pantasma, que vemos moitas veces cando os fogos se moven a toda velocidade e emiten ruído.

Unha resposta a “As sete fórmulas que dan cor aos fogos artificiais”

  1. Antonio

    Eu lembrome de facer experimentos con diferentes compostos e obter cores do mais variado con algodon e o composto disuelto en auga. O que si lembro é que as sales de cobre daban un tono verde, non azul pero posiblemente o agua tivese sodio ou o sulfato de cobre (era o de sulfatar viñass) non fose puro e tuviese trazas de sodio que fai con pouca cantidade o color amarelo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.