Venres 29 Marzo 2024

Sentinel do Norte: un misterio científico e un dilema ético

A illa de Sentinel do Norte, no arquipélago de Andamán e Nicobar, que pertence á India, vai ser probablemente un dos últimos exemplos que veremos no planeta dunha poboación que se mantén case no Neolítico, e que ata agora apenas tivo contacto co exterior. A morte dun mozo misioneiro estadounidense, John Allen Chau, que quixo ir predicar á illa, despois de ser levado ilegalmente por varios pescadores, púxoa no foco mundial debido ao peculiar da súa situación. É un misterio apaixonante para a ciencia, e tamén un dilema ético importante.

Como é a illa de Sentinel do Norte?

Ubicación de Sentinel do Norte.
Ubicación de Sentinel do Norte.

Ten algo máis de 70 quilómetros cadrados e está rodeada por arrecifes que fan difícil a navegación arredor dela. O goberno indio fixo o século pasado algún censo mediante fotos aéreas e desde o mar, polo que calculou que poden chegar a vivir algo máis de 100 persoas. Porén, o tsunami que golpeou a zona en 2004 afectou tamén á illa, e é posible que morreran parte dos seus habitantes. Un novo censo, en 2011, calculou que había polo menos 20 habitantes.

Publicidade

Os habitantes de Sentinel son cazadores recolectores, teñen o seu propio idioma e rexeitaron ata agora calquera contacto voluntario co exterior. Crese que proceden de grupos que chegaron desde África a esta zona do Índico hai máis de 60.000 anos.

Intentou alguén contactar?

Os colonizadores británicos capturaron a finais do século XIX a algúns membros da tribu, que segundo algunhas fontes, morreron pouco despois debido a contacto con doenzas contra as que non tiñan preparado o seu sistema inmune. Este é un dos problemas éticos que presenta un contacto: pode que, de interactuar con outras comunidades, poidan ser vítimas dunha doenza causada por algún patóxeno contra o que non poidan reaccionar.

Este é un dos problemas, ademais do risco para a propia vida, ao que se enfrontan as autoridades indias para rescatar o corpo do misioneiro. Temen que algún contacto poida transmitir unha pandemia que acabe coa tribo de Sentinel.

Nos anos 60, o goberno indio intentou facer algunha expedición. En 1974, un equipo de National Geographic gravou un documental, e deixáronlles na praia algúns alimentos que os habitantes de Sentinel recolleron, pero mostráronse igualmente hostís. Este é o vídeo:

Posteriormente, en 2006, uns pescadores que naufragaron preto da illa foron asasinados cando intentaban poñerse a salvo.

Están protexidos?

Nos anos 70, a república de India proclamou a illa de Sentinel do Norte como parte do seu territorio. Desde entón, está prohibido achegarse sen permiso ao lugar, baixo a propia responsabilidade de quen a incumpra. Así, a xustiza india non abriu cargos contra os sentineleses, senón que investiga xa por homicidio por imprudencia aos pescadores que levaron ata o lugar a John Allen Chau.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descobren a árbore xenealóxica máis antiga do mundo

Un equipo internacional de arqueólogos e xenetistas analizou o ADN das persoas enterradas nunha tumba de case 6.000 anos de antigüidade, revelando unha liñaxe de cinco xeracións

Laxe dos Bolos: un petróglifo “fóra de serie” no noroeste peninsular

Presentan os resultados dun estudo promovido polo Concello de Caldas de Reis en colaboración co Incipit, que pon en valor a singularidade deste gravado rupestre

A machada neolítica que saíu dos Alpes, pasou por Bretaña e chegou a Vilalba

Investigadores da USC reconstrúen o percorrido dunha peza atopada no concello lugués no século XIX, cunha rocha presente no Piamonte

O estourido da pandemia na India leva á Covid-19 ao pico de casos diarios no mundo

O segundo país máis poboado do planeta acumula case a metade dos novos positivos diarios, con 350.000 nun só día, e sofre colapso nos hospitais