Tiburons azuis listos para a súa poxa no porto de Vigo. Foto: Wikimedia.

Tiburons azuis listos para a súa poxa no porto de Vigo. Foto: Wikimedia.

‘Machaca’: o tiburón da NASA que rematou en Vigo vendido para sopa

Este escualo azul tiña nome e foi seguido por satélite pero acabou capturado por un pesqueiro na maior lonxa de Galicia

Cada ano chegan ao porto de Vigo milleiros de tiburóns azuis (Prionace glauca). Tamén coñecidos como ‘quenllas’ ou ‘tintoreiras’, preto de tres mil toneladas desta especie son subastadas na lonxa viguesa cada tempada. Case todo o peixe ten unha saída comercial, aínda que a súa parte máis prezada é a aleta, coa que en Asia se prepara a sofisticada sopa de aleta de tiburón.

Como é obvio, todas estas quenllas sempre foron anónimas. Chegan a Vigo sen nome nas adegas dos pesqueiros dende o Atlántico Norte. Todas… agás unha. Porque ‘Machaca‘ foi a excepción. Falamos dun tiburón azul que tiña nome, que foi capturado no medio do océano e subastado na lonxa do Berbés. E ao que aínda están a buscar nos Estados Unidos, onde a organización OCEARCH, coa axuda da NASA, baliza e segue aos tiburóns por augas de todo o mundo. Malia realizar múltiples chamamentos para localizar ao desaparecido tiburón ‘Machaca‘, a realidade é que foi subastado en Vigo e hai tempo que rematou nunha sopa.

O periplo de Machaca, controlado por satélite ata Vigo.

O periplo de Machaca, controlado por satélite ata Vigo.

A curiosa historia de Machaca comeza o 25 de agosto de 2016. Ese día, é capturado en augas de Massachussets polo capitán Willy Hacht, do buque MV Machaca, ao que lle debe o seu nome. Este barco levaba a bordo investigadores da Woods Hole Oceanographic Institution, unha organización científica que colabora con OCEARCH. Machaca foi pesado e medido e resultou ser un tiburón notable: 2,5 metros de longo e pouco máis de 100 kg de peso. Tras colocarlle unha pequena baliza, cunha tecnoloxía que conta coa colaboración da NASA, a quenlla foi de novo soltada á altura de Cape Cod, o histórico cabo situado moi preto de Nantucket, a vila dos arpoeiros da novela ‘Moby Dick’.

Nos meses que seguiron, Machaca tivo unha activa vida de viaxes. Grazas á baliza e á localización polo satélite da NASA, sabemos que percorreu unha distancia de máis de 9.000 km polo Atlántico Norte. O malo é que non todos os fixo nadando… e nin sequera con vida.

Machaca, cando foi capturado e balizado.

Machaca, cando foi capturado e balizado.

Porque, en decembro de 2016, o mapa co seguimento do tiburón Machaca comeza a amosar unhas estrañas liñas rectas. Cando dende o verán se movía dun xeito case errático, suponse que na procura de presas, de repente comeza a percorrer longas distancias en liñas que semellan trazadas cun grafo. Por se quedaba algúnha dúbida, o 27 de decembro de 2016, ás 3.59 A.M., a nosa quenlla queda parada exactamente nun punto na outra beira do océano Atlántico: no porto de Vigo. Algo tan raro só tiña unha explicación posible: Machaca fora capturado por un pesqueiro e descargado na maior lonxa pesqueira de Galicia, sempre coa súa baliza por satélite pegada á súa aleta.

Como en Vigo se descargan cada ano unhas 3.000 Tm de tintoreira (e o seu peso medio está entre os 80 e 100 kg), Machaca foi aquel inverno un máis entre os 40.000 tiburóns anónimos que son descargados e subastados na lonxa cada ano. O singular do caso é que esta quenlla tiña nome. E tamén tivo os seus días de gloria nas redes sociais.

Porque OCEARCH fixo público un comunicado que desatou ducias de comentarios e mostras de indignación. A organización amosábase sorprendida porque Machaca “foi capturado por palangreiros en aguas internacionais e a súa baliza atópase agora Vigo”.

“Estamos tristes por este sucesso: a morte de Machaca salienta o destino de aproximadamente 400.000 tiburóns azuis que son capturados cada ano no Atlántico Norte”, dicía OCEARCH, sinalando buques de España, Xapón, Portugal, Estados Unidos e Vwnezuela. “A morte de Machaca é un recordatorio da importancia de conservar esta especie”, mentres pedían datos para atopar o tiburón azul que rematou na lonxa de Vigo.

O comunicado provocou setenta comentarios, con insultos como ‘miserables españois’ ou chamamentos a prohibir ou limitar a pesca no Atlántico. Tamén había notas emotivas como a dunha avoa estadounidense que narraba o desgusto para o seu neto, que seguía as evolucións de Machaca a través da web de OCEARCH.

Aquí, nunha vivenda de Castrelos en Vigo, rematou a baliza de Machaca o 6 de xaneiro de 2017.

Aquí, nunha vivenda de Castrelos en Vigo, rematou a baliza de Machaca o 6 de xaneiro de 2017.

A baliza de Machaca deixou de emitir o día 6 de xaneiro de 2017. A súa pista pérdese nun edificio de vivendas na avenida de Castrelos de Vigo, probablemente a residencia dun armador ou tripulante do pesqueiro que o capturou. Ou seica dun operario da lonxa de Vigo. O certo é que ahí, en terra firme, remata o periplo do noso tiburón azul.

Así é a historia de Machaca, unha quenlla que nadaba por augas de Nantucket, fronte a costa de Massachussets. E que rematou nunha poxa vendido para sopa na lonxa de Vigo.

2 respostas a “‘Machaca’: o tiburón da NASA que rematou en Vigo vendido para sopa”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.