O eucalipto é unha peza básica na alimentación dos koalas. Foto: Rennett Stowe - CC BY 2.0.

O eucalipto é unha peza básica na alimentación dos koalas. Foto: Rennett Stowe - CC BY 2.0.

Por que os koalas poden comer eucalipto?

Científicos australianos secuencian o xenoma do célebre mamífero, que explica a súa dieta e podería axudar á conservación

Os koalas (Phascolarctos cinereus) son unha das especies máis emblemáticas de Australia, e coñecidos en todo o mundo. O seu illamento respecto ao resto do planeta provocou especial interese por parte dos científicos para estudar a súa singularidade biolóxica. Son os únicos representantes vivos da familia marsupial dos fascolárctidos. E isto fai que teñan propiedades ben curiosas. Por exemplo, a de alimentarse de follas de eucalipto, que resultan tóxicas para a maioría dos mamíferos. Científicos australianos acaban de publicar un artigo en Nature Genetics no que explican a secuenciación do seu xenoma.

O traballo vai contribuír ademais, segundo explican os investigadores, á conservación da especie, que actualmente se atopa nunha situación complicada debido aos depredadores, a perda do seu hábitat, as enfermidades, a baixa diversidade xenética e o cambio climático. Os cálculos din que a poboación de koalas podería diminuír ata nun 50% nas tres próximas xeracións; é dicir, nos vindeiros 20 anos.

Ao poder comer as follas de eucalipto, tiñan acceso a un alimento con pouca competencia

Os eucaliptos son a casa dos koalas. Viven subidos a eles e aliméntanse das súas follas. Pero como é posible que poidan dixerir as súas follas, con alta presenza de fenólicos, compostos tóxicos para outros mamíferos? A secuenciación do xenoma achega respostas. Así, os koalas teñen unha expansión nunha familia de xenes relacionados coas enzimas desintoxicantes, o que lles permite dixerir estas follas sen que o seu organismo sufra danos.

Os xenes relacionados con este proceso exprésanse en moitos tecidos dos koalas, especialmente no fígado. Isto indica que teñen, por tanto, unha importante función nos procesos de desintoxicación. A científica Rebecca Johnson, directora do Instituto de Investigación do Museo Australiano, sinala que “isto axudou aos koalas a atopar o seu nicho de subsistencia para sobrevivir, xa que non podían contar cunha fonte de alimentos que tería menos competencia doutras especies que non poderían desintoxicarse tan eficazmente”.

Os científicos tamén identificaron grupos de xenes relacionados co sistema inmune que potenciarán o estudo da infección por clamidia, unha doenza que afecta bastante aos koalas, causándolles infertilidade e cegueira.

O consorcio puxo os datos da secuenciación a disposición de científicos de todo o mundo

Os koalas tamén padecen outra infección importante: o retrovirus KoRV, do que aínda se descoñecen moitos datos. “O xenoma completo é fundamental para amosar como un só koala pode ter máis de cen insercións de KoRV. A secuenciación poderá determinar cales son as cepas de retrovirus máis perigosas, para atopar unha vacina eficaz”, conta Peter Timms, da universidade de Sunshine Coast.

“Foi unha viaxe ambiciosa que nos brinda unha gran comprensión das compoñentes xenética que conforman este animal”, sinala Rebecca Johnson. O consorcio, liderado por científicos australianos, e no que participan investigadores doutros sete países e 29 institucións, conseguiu secuenciar máis de 3.400 millóns de pares de bases e 26.000 xenes dos koalas. O consorcio fixo públicos todos os datos da secuenciación para que poidan ser utilizados por científicos de todo o mundo.

O xenoma dos koalas

O proceso de secuenciación desenvolveuse no Ramaciotti Centre for Genomics da universidade de Nova Gales do Sur, utilizando novas tecnoloxías para este procedemento. “Armamos o xenoma con superordenadores, o que permitiu ao consorcio estudar mais de 20.000 xenes”, explica Mark Wilkins, do Centro Ramaciotti.

Outro achado importante foi a caracterizacións dos compoñentes da leite dos koalas. Como todos os marsupiais, pasan a maior parte do seu desenvolvemento (arredor de seis meses) na bolsa. Ao nacer teñen o tamaño dun feixón e pesan 0,5 gramos, polo que comprender a súa alimentación é clave para estudar o crecemento.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.