Venres 29 Marzo 2024

O Vindel volve ver a luz da ría de Vigo

Por un período de dous minutos e baixo unha luz moi tenue, o Pergamiño Vindel amosouse por primeira vez en Vigo. Tras dous días de aclimatación nunha sala especialmente deseñada para acollelo, o manuscrito, que chegou á cidade procedente da Morgan Library&Museum de Nova York, abandonou a urna que o contén no Museo do Mar de Galicia para ser mostrado aos medios de comunicación, case dúas semanas antes da inauguración da exposición Un tesouro en sete cantigas, na que será a peza central.

Foi baixo a atenta mirada do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director do Museo do Mar de Galicia, Vicente Caramés e o comisario da exposición, Francisco Singul. Frank Trujillo, o técnico de conservación da Morgan Library, propietaria desde 1977 do pergamiño que recolle as sete cantigas de amigo do trobador Martin Codax, foi o encargado de retirar e volver depositar o manuscrito na urna que o albergará ata o mes de marzo de 2018, cando abandonará Galicia para regresar a Nova York.

Publicidade

O pergamiño amosarase ao público a partir de outubro no Museo do Mar de Galicia. Foto: Duvi.
O pergamiño amosarase ao público a partir d0 10 de outubro no Museo do Mar de Galicia. Foto: Duvi.

“Xa temos o Pergamiño Vindel xunto ás ondas que o viron nacer na ría de Vigo”, dixo o reitor da Universidade de Vigo, que amosou a súa satisfacción pola expectación que o manuscrito, que contén a obra de Martin Codax, está a espertar desde a súa chegada á cidade o pasado martes. Mato tamén aproveitou a súa comparecencia ante os medios para animar ás galegas e galegos a visitar “esta xoia que ten un valor enorme, porque tras el está o sentimento de todo un pobo e toda unha cultura que é Galicia”, na exposición que o 10 de outubro inaugurará o Rei emérito Juan Carlos I, e que porá o broche de ouro ás xestións que a Universidade de Vigo iniciou hai dous anos coa Morgan Library para acadar o regreso do Pergamiño Vindel a Vigo.

Pola súa banda o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destacou a importancia dun documento que na súa orixe “estivo vinculado ás elites e agora a maior parte das galegas e galegos poderán coñecer”. Román Rodríguez referiuse ao Pergamiño Vindel como un motivo de orgullo para a lingua e a cultura e como “ a clave de bóveda do sentir do noso pobo”.

O director do Museo do Mar de Galicia foi o encargado de explicar os detalles do proceso de adecuación do espazo para poder mostrar o Pergamiño, que permitiu crear “un pequeno museo dentro doutro museo”. Vicente Caramés, que cualificou o Museo do Mar como “un continente marabilloso”, explicou que a exposición do manuscrito esixiu que se habilitase un espazo onde poder controlar as condicións de iluminación e humidade e que fose fácil de vixiar. “A obra realizouse nun espazo de 206 metros cadrados e unha bendición porque é un investimento de futuro para o museo e moito mellor que o resto do museo”, dixo Caramés que cifrou en preto de 200.000 euros o investimento realizado para expor o un documento, que asegurou “aguantou moi ben o paso do tempo” e que foi restaurado en varias ocasións “e tratado con cariño”.

“Vai ser o evento cultural máis importante de 2017 en Galicia”, dixo Román Rodríguez

Sobre o contido da exposición, na que o Pergamiño Vindel será a peza central, o seu comisario, Francisco Singul, reiterou que as sete cantigas de Martin Codax son a inspiración da mostra “na que haberá obras da cultura galega do século XIII, que as contextualicen e achegas da cultura contemporánea viguesa e galega”.

Na primeira presentación público da obra de Codax tralo seu regreso a Galicia, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria referiuse a exposición na que o Pergamiño Vindel será o epicentro, como “o evento cultural máis importante de 2017 e dos primeiros meses do 2018 en Galicia”. Román Rodríguez asegurou que máis aló das cifras de futuros visitantes o importante é o valor que o manuscrito ten para “unha cultura milenaria da que debemos sentir san orgullo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Este mapa amosa as conexións entre autores da lírica galego-portuguesa

A investigadora da USC Déborah González crea un portal con información literaria, histórica e biográfica de trobadores e xograres
00:03:12

L de Lírica: ‘morrer de amor’ e insultar con elegancia no Reino de Galicia

As cantigas e os seus variados xéneros estendéronse no século XII e sentaron as bases da poesía que se cultivará posteriormente na Europa occidental

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos