Xoves 18 Abril 2024

Veterinarios 4.0 para un leite de 10

Unha empresa de Boqueixón tira de I+D para analizar e controlar o benestar animal nas explotacións como garantía da calidade alimentaria

En Boqueixón, non moi lonxe de Santiago, un pequeno comando de veterinarias aliáronse coas novas tecnoloxías cun obxectivo claro: mellorar a calidade do leite que bebemos a través do benestar animal.  Teñen o seu cuartel xeral en Psvet, no polígono industrial de Segurde, e adicaron os sete últimos anos a introducir o I+D no sector lácteo cun obxectivo ben afinado: “A nosa proposta de valor é mellorar a seguridade alimentaria do leite”, e contribuír así a mellorar un sector cun gran peso específico en primario galego. 

“Desde 2015 traballamos na mellora continua do leite. Garantimos un produto de consumo seguro a través de sistemas de produción responsables e eficientes. Empregamos tecnoloxía avanzada con xestión de datos a tempo real, o que nos permite ser máis precisas na toma de decisións e anticipar os problemas”, explica Iván Cid, director xeral de PSVet. Na meirande parte das explotacións agrogandeiras  galegas non hai nada que permita diferenciar o mellor leite daquel con menos calidade porque facelo suporía un investimento moi alto en dixitalización que non todos poderían asumir. 

Publicidade

Datos en tempo real

Un dos propósitos que deu pé á empresa pasaba, precisamente, pola necesidade de desenvolver un dispositivo para controlar todo o proceso de almacenaxe e conservación do leite nos tanques refrixerados das explotacións gandeiras a fin de garantir o control e a calidade antes da súa recollida e posterior traslado a fábrica nos camións cisterna.  

En Psvet buscaron o xeito de de rexistrar toda esa información na nube, monitorizala e tratala en tempo real dando lugar a un novo modelo de xestión do leite 4.0 que presta atención á saúde e ao benestar animal, tanto individual como da cabana, como fórmula de asegurar a calidade do produto. 

Desenvolveron un dispositivo para controlar o proceso de almacenaxe e conservación do leite

A compañía realiza a xestión dixitalizada de todos os datos que recollen en tempo real nas granxas e explotacións lácteas dos seus clientes a través dos chamados Grupos Operativos. Estes analizan os parámetros como a temperatura, a humidade, o lavado e hixienización do circuíto, funcionamento dos motores (en marcha ou non), para detectar as anomalías e anticiparse aos problema.  Toda esa información é recepcionada por un microcontrolador en orixe a través de distintos tipos de sensores que emiten os datos dos procesos industriais. Ao mesmo tempo, todo queda gravado nunha base de datos que se exporta a un almacén na nube e permite trazar a estatística de todo o proceso a través dunha aplicación de peto ou dunha aplicación no escritorio do computador que poden consultar os gandeiros e gandeiras, ademais da equipo veterinaria de Psvet.  

A creación destes Grupos Operativos foi unha das ferramentas clave na execución do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020 en materia de agricultura produtiva e sostible para impulsar a innovación no sector agroalimentario e forestal. O traballo de PSvet e a súa aposta por innovar en control e calidade no sector lácteo valeulles diversas axudas europeas en innovación e desenvolvemento agrícola rural a través dos Fondos Feader e Feder, de desenvolvemento rexional a través do InnovaPeme 2021, e contan co respaldo da Xunta de Galicia, a través do programa Principa, da Axencia Galega de Innovación. Ademais, forman parte do Conecta  hubs —proxectos colaborativos en innovación dixital—, e participan do proxecto MilkChain ou cadea láctea, de Certificación Dixital da Rastrexabilidade mediante ferramentas facilitadoras na cadea de valor da industria láctea, liderado por Grupo Leite Río.

1 comentario

  1. Lamentable titular, usando o xénero masculino, cando en realidade se trata de veterinarias, como queda esclarecido no texto xeral parabéns a quen redacta, que merece unha mellor dirección.

    Como supoño que non será, incluido este entre os comentarios, dareime de baixa nesta suscrición.

    Machismo penoso!!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que é necesario rexistrar os galiñeiros de autoconsumo?

O decano de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández, sostén que é unha medida necesaria para o control das enfermidades aviarias

Prevén o leite a deterioración cognitiva? Isto é o que suxire un novo estudo

Un ensaio en maiores de 65 anos identifica un compoñente da graxa láctea que podería ralentizar a perda de memoria asociada á idade

As vacas alimentadas con cáñamo ‘colócanse’ e producen leite con psicoactivos

Un equipo de científicos alemáns estuda os efectos do cáñamo sobre a alimentación do gando e o leite para consumo humano

“Un científico excepcional”: así foi o tributo a Juan Rof Codina

Galicia réndelle homenaxe ao pioneiro da veterinaria cun acto sobre a súa figura, un libro, unha revista e unha placa conmemorativa