Venres 19 Abril 2024

“É extraordinario que tantas baleas aparezan na costa”

A Cemma leva rexistrados no último vez cinco varamentos destes cetáceos no litoral galego; o último deles o mércores en Muxía

Tiña apenas dous días de vida, aínda que xa medía seis metros e pesaba arredor de 1.500 quilos. Chegou aínda con folgos á area da praia de Nemiña, pero nada se puido facer para salvala. O cachorro de balea común (Balaenoptera physalus) aparecido o mércores en Muxía súmase así a un número “extraordinario” de varamentos que se están a producir desde finais de decembro na costa galega, segundo explica Alfredo López, biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma).

Aínda que é entre xaneiro e marzo cando máis exemplares de cetáceos e outros animais mariños acaban nas costas galegas, as cifras de baleas de este ano están por riba do habitual. “Os números adoitan subir ou baixar, dependendo se hai sucesión de temporais no mar, e este ano apenas está habendo, pero si que é extraordinario que tantas baleas aparezan na costa, subliña López.

Publicidade

Todo apunta a que o exemplar de Nemiña “perdeuse da nai, e ficou desorientado”, polo que acabou no areal muxián. Aínda que varias persoas que estaban no lugar deron aviso inmediatamente á Cemma, as dimensións do cachorro fixeron imposible salvalo.

Explican desde a Cemma que debido á súa curta idade, o animal é “totalmente dependente da nai” e “aínda tiña o embigo sen cicatrizar, as aletas caudal e dorsal parcialmente plegadas, e estaba moi delgada”. Nesta situación, “a reintroducción non é posible, e a única opción valorada polo equipo de veterinarios e biólogos de CEMMA foi a da eutanasia, realizada seguindo protocolos aprobados internacionalmente”.

Nunha primeira necropsia, os investigadores sinalaron que “non se atopou nada estraño macroscopicamente, quedando á espera da futura análise histopatolóxica das mostras recollidas”.

A Cemma agradeceu nun comunicado a axuda de todas as persoas que se mobilizaron para intentar salvar ao animal, desde veciños ata Protección Civil, Policía Local e Seprona, así como o Adrisa Centro Veterinario de Cee, que estiveron en contacto coa unidade móbil da Cemma mentres viaxaban desde Nigrán a Muxía.


Deste xeito, o cachorro varado na Costa da Morte é o terceiro das últimas semanas. Ademais, outros dous exemplares adultos apareceron desde decembro. O primeiro deles, na ría de Pontevedra, entre Marín e Bueu, tiña evidencias dun choque cun barco, xa que a columna presentaba unha fractura. Foi remolcada e rescatada, e posteriormente incinerada, como se adoita facer nestes casos.

Poucos días despois, en Oia, outra balea común adulta apareceu morta no litoral. Estaba nunha zona de difícil acceso tanto por terra como con marea alta e baixa, polo que a súa retirada é técnicamente imposible. Alí segue, descompoñéndose, e xerando unha notable afluencia de curiosos. Tamén preto de Galicia, en Aveiro, un exemplar de 19 metros apareceu en novembro.

Ademais dos grandes cetáceos, a Cemma leva rexistrados desde comezos de ano un total de entre 15 e 18 varamentos, sobre todo golfiños comúns, e algunha tartaruga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos
00:00:25

Un lobo mariño na Coruña: "A chegada dunha femia adulta ás costas é inusual"

A Cemma segue a ruta deste exemplar dende o 30 de decembro, cando foi avistada en Burela