Venres 29 Marzo 2024

Onde están os vagalumes?

Se falasemos nunha escala de tempo a nivel evolutivo, houbo que agardar ata hai unhas horas – século XIX – para que o ser humano puidese xerar e controlar a luz eléctrica. Para cando Edison, Tesla e compañía acadaron os seus grandes avances, algúns organismos da natureza xa levaban millóns de anos xerando luz eléctrica co seu propio corpo e a química como únicas armas. Uns destes animais, os vagalumes, deixaron coa boca aberta a xentes de todas as épocas. Esta abraiante aptitude forma parte do seu ritual de apareamento, no que as femias chaman á atención dos machos grazas ao seu brillante abdome.

En Galicia, a súa pegada na cultura popular é inxente. Abonda con repasar as ducias de sinónimos que ofrece a nosa lingua. Por exemplo: bicho do lume, cociñeiro, coco de luz, lucecú, meiga, vella, vella do caldo, vella dos valados, vella facendo as papas, vella facendo o caldo, vella sen dentes, velliña da cea, verme canteiro, verme carpinteiro, verme da luz ou verme de luz.

Publicidade

José Ramón Guzmán Álvarez e Raphaël De Cock, creadores de Gusanos de Luz. Imaxe: gusanosdeluz.com.

Mais algo aconteceu nos últimos decenios. Dise que xa non se ven, que practicamente desapareceron. Hai, como en moitos casos semellantes, un sospeitoso principal: o ser humano e o seu avance imparable. A contaminación luminosa e o uso de herbicidas e praguicidas parecen ser algúns dos responsables.

É difícil coñecer a situación real dos vagalumes en Galicia e no resto da península Ibérica. A pesar da súa sona, chama á atención a ausencia de estudos e investigacións sobre a presenza e distribución das súas poboacións. Con todo, en España xurdiron algúns proxectos interesantes, como Gusanos de Luz, impulsado por José Ramón Guzmán, un andaluz enxeñeiro agrónomo e de montes e experto naturalista, e Raphäel de Cock, un investigador belga que percorreu lugares como as Montañas Rocosas, Siberia ou Australia buscando lucecús.

Hai moi poucos estudos sobre a situación dos lucecús na Península

En 2009, Guzmán fíxose a mesma pregunta que outra moita xente se fixera antes: Onde están os vagalumes? Parecía que desapareceran, porque cando Ramón era cativo, podía velos sempre que saía ao campo. Comezou a investigar, e viu que había moi poucas referencias en España sobre o tema. No Reino Unido existía Glow Worms, un proxecto participativo onde os investigadores e amantes da natureza podían contribuír cos seus avistamentos á recolección de datos sobre os vermes de luz. “Aquelo iluminou, literalmente, o meu destino”, conta Guzmán. Contactou co autor da web, Robin Scagell, e con John Tyler, autor dun libro de referencia sobre os vagalumes. Ambos remitírono a Raphäel de Cock, que naquel momento estaba investigando vagalumes en Portugal.

“O obxectivo de Gusanos de Luz é claro: que cando alguén desexe saber algo sobre os vagalumes, dispoña dun lugar que lle aporte información”, conta Guzmán. E ao mesmo tempo, a información vaise xerando a partir das aportacións dos observadores, algunhas delas en Galicia. “Grazas a isto, fomos crecendo en coñecemento. Fixemos contribucións en congresos e revistas científicas para validar parte deste coñecemento”.

A situación actual

Debido á ausencia de estudos en profundidade, é difícil facer unha estimación sobre a presenza dos vagalumes en Galicia. Non en tanto, José Ramón Guzmán sinala que “Galicia é unha das rexións onde é posible atopar hábitats propicios para avistalos”. Adoitan moverse en zonas húmidas e cálidas, polo que no noso territorio, o verán (especialmente as noites de xullo e a primeira quincena de agosto) é o mellor momento para saír a buscalas.

A contaminación lumínica e os produtos químicos nocivos diminúen a súa presenza

As probabilidades de velos débense, en parte, a un paradoxo: “Nos lugares con moita presenza de vagalumes, é difícil ver como se iluminan”, explica o experto andaluz. “As femias ilumínanse para que os machos as localicen, de xeito que se hai moitos machos á procura de femias, van tardar pouco en atopalas, e a luz vai brillar durante moi pouco tempo“.

Así, os vagalumes que adoitan avistarse son “as últimas femias, as que emerxen cando xa non hai machos activos, e pasan as noites subidas a un pao, a unha pedra ou a un muro agardando á súa parella”.

Existen máis de 2.000 especies de lampíridos. En Galicia están presentes o vagalume europeo (Lampyris noctiluca) e ibérico (Lampyris iberica), “aínda que tamén hai citas da especie mediterránea (Nyctophila reichi) e debe de haber tamén Lampyris raymondi“, sinala Guzmán.

É certo que hai menos vagalumes?

Alén da contaminación luminosa e o uso de produtos químicos nocivos, José Ramón Guzmán engade outro factor para explicar que xa non se vexan tantos vagalumes: “Non hai que descartar que non esteamos prestando a mesma atención á natureza que hai uns decenios. Cambiamos os nosos hábitos nocturnos. Nos veráns xa non se sae tanto a camiñar de noite, facemos menos percorridos a pé, e cando saímos, imos con lanternas, ou por lugares excesivamente iluminados. En definitiva, facemos menos vida de ‘localizadores’ de vagalumes”.

Con todo, Guzmán asume que as condicións de hoxe en día, debido ao factor humano, son peores para estes insectos. “Amais do uso de produtos químicos, malgastamos demasiada luz, e iso os vagalumes nótano. En moitos lugares onde de cativos as podiamos ver foron transformados”.

Mais os vagalumes seguen existindo aí fóra, e seguen alumeando as noites de verán. “A primeira recomendación é ir buscalas“, sinala o experto. “Hai que buscar lugares húmidos e pouco iluminados, apagar a lanterna o maior tempo posible e camiñar con coidado, en silencio”.

Por que brillan os vagalumes?

A bioluminescencia é un fenómeno presente nos vagalumes, pero tamén en animais mariños, como as medusas e moitas especies abisais, ou en fungos como o Panellus stipticus. No caso dos lucecús, estes teñen na zona do abdome unha molécula chamada luciferina. Ao entrar en contacto co osíxeno do aire, prodúcese unha reacción química nesta zona, acelerada por unha enzima chamada luciferasa. Tras esta reacción, a luciferina pasa a un estado inestable, de maior excitación enerxética, e tende a volver á situación estable a través da emisión de luz. Dáse a curiosidade de que esta enerxía luminosa ten unha gran eficiencia enerxética, xa que se desprende moi pouca enerxía en forma de calor.

13 COMENTÁRIOS

  1. Vivo nas aforas de Vigo, e este ano, despois de levar xa una anos sen velas, poidemos ver unhas cuántas, sobre unha sucia. Pero a verdade e que se ven moi poucas comparando cuns dez anos atrás.

  2. Precisamente falaba esta semana coa miña filla sobre eles. De pequeno era raro o vrao que non vía algún, pero, aparte dun que vin o ano pasado, fai anos que non os vexo.

  3. Muitos vagalumens no nosso sitio perto da Cidade do Panamá. Belo espetaculo, nosso neto os chama “lucecinhas do bosque”

  4. Habia moitos anos que non via ningún este ano a primeiros de agosto vin dous na beira dun camiño cerca da casa (no concello de Trabada)

  5. Nos arredores da miña casa leva una 10 anos vendose tres. Sempre nos mesmos sitios, non sendo este ano que de momento so vin un, e nun sitio distinto, ainda que cerca donde aparecia un cada ano.
    Todolos anos estou agardando a velos

  6. Parece que também os desmatamentos ou roças necanizadas também os prejudicam. Em Portugal e em algumha zona da Galiza também som “lucecús”

  7. Onde vivo sempre había muitas velhas do caldo,agora quase esterninasaa por insecticidas e máquinas que arrasam cuando limpar de maneira agressiva e nom selectiva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As microalgas do mar de ardora en Galicia, visibles desde o espazo

Os satélites Sentinel-2 capturan os afloramentos de "Noctiluca scintillans", que xeran bioluminescencia e durante o día tinguen o mar dunha cor avermellada

Un baño no mar de ardora coa Vía Láctea de compañeira en Corme

O fotógrafo Drew Corme conseguiu captar o fenómeno da bioluminescencia na ría de Corme e Laxe na madrugada do mércores ao xoves