A Universidade da Coruña ofrece desde este curso dúas axudas de matrícula a refuxiados que proveñan de Siria ou de outras zonas declaradas pola ONU como zonas de conflito, que viron interrompidos os seus estudos universitarios por causas da guerra, conflitos ou desastres naturais, para que realicen a súa carreira universitaria nos campus da Coruña e Ferrol.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a presidenta provincial da Cruz Vermella, Mercedes Casanova, asinaron onte un convenio de colaboración, xunto coa vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, mediante o cal unha comisión creada ao efecto selecciona ás persoas beneficiarias de axudas de matrícula. Este programa permitiu xa a incorporación de dúas estudantes venezolanas que veñen de iniciar os seus estudos na Universidade da Coruña este curso. A Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC será a responsable de canalizar este programa de axudas xunto coa Cruz Vermella.
O acordo asinado ratifica o compromiso realizado este verán por parte da Universidade da Coruña de adherirse á rede portuguesa promovida polo expresidente de Portugal Jorge Sampaio para facilitar os estudos universitarios aos refuxiados, primeiro de Siria e despois extensivo a todas as zonas de conflito marcadas así pola ONU.
O reitor da UDC, Julio Abalde, asinou o pasado mes de xullo, xunto coa vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, o Programa de apoio da UDC a persoas refuxiadas e procedentes de zonas en conflito, promovido polo expresidente portugués Jorge Sampaio coa Plataforma Global para Estudantes Sirios co apoio de socios internacionais como o Consello de Europa, a Liga de Estados Árabes, a Organización para as Migracións, o Carnegie Corporation de Nueva York, a Fundación “la Caixa” ou o Instituto de Educación Internacional.
Esta plataforma creouse en 2013 para facilitar a refuxiados sirios a continuación dos seus estudos universitarios nos países de acollida. Neste ano deuse un paso máis para establecer un mecanismo de resposta rápida para Educación Superior en Emerxencias destinado a proporcionar apoio de emerxencia aos estudantes de calquera país cuxa educación foi interrompida por guerras, conflitos ou desastres naturais.