Xoves 25 Abril 2024

As UCIs de Galicia quedan con só cinco ingresados por Covid-19

O Ministerio de Sanidad informa do diagnóstico de tres novos positivos na xornada de onte, coa ocupación nos hospitais a niveis do 16 de marzo

Á espera de que a nova estratexia e diagnóstico, vixilancia e control da Covid-19 ordenada polo Ministerio de Sanidad supere as “discrepancias” nos datos recollidos nos últimos días, e ofrezan unha imaxe actualizada das cifras da pandemia, o Goberno español informou este mércores de que en Galicia se diagnosticaron no día previo dous novos casos. Segundo a Consellería de Sanidade (que dá conta dos casos activos, pero non dos novos diagnósticos), en Galicia estase seguindo actualmente a 823 persoas afectadas pola Covid-19, 11 menos ca onte.

En España, os cambios na notificación de datos están alterando a cifra de falecementos global e, sobre todo, a de mortes rexistradas nos últimos sete días, que segundo o novo criterio foron 39. As distorsións débense, segundo insistiu Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias (CCAES), á revisión dos casos sospeitosos e/ou duplicados, debido ao seguimento individualizado que se está facendo de cada un dos novos positivos. Sobre o exceso de mortalidade dunhas 43.000 persoas por riba do agardado que aflorou este mércores, Simón insistiu en que, ademais dos falecementos debidos posiblemente á Covid-19, parte desta cifra de óbitos debéronse ás mortes indirectas polo agravamento doutras patoloxías non atendidas en ‘condicións normais’ polos servizos sanitarios.

Publicidade

Baixa incidencia acumulada en Galicia

O novo criterio na difusión dos datos por parte de Sanidad fai aflorar tamén que Galicia é unha das comunidades con menor incidencia acumulada nas últimas dúas semanas (3,30 casos diagnosticados nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes, fronte aos 14,59 da media de España). Nestas dúas semanas, Galicia confirmou 89 novos casos, aínda que só 16 deles iniciaron síntomas neste rango de tempo. Se o tempo se cingue aos últimos sete días, as cifras son de 44 novos diagnósticos e só 3 persoas con inicio de síntomas na última semana.

En atención a estas cifras, Galicia rexistra unha das menores incidencias acumuladas desde comezos de maio. É a sétima comunidade con menor taxa de novos positivos nos dous períodos de referencia.

Nova notificación de casos

Segundo a nova estratexia de seguimento, como aclara a información que difunde o Ministerio de Sanidad, a partir do 11 de maio considérase caso novo o confirmado por proba PCR ou ben mediante test serolóxico (non rápido) que confirme a presenza de anticorpos IgM (os que aparecen en fases máis temperás da infección) en persoas con “sintomatoloxía compatible” coa Covid-19. Ata o 10 de maio só se contabilizaban nesta táboa os casos confirmados mediante a técnica PCR, que detecta o ARN do virus no organismo.

A revisión de casos e as conseguintes discrepancias tamén afectan ao total de positivos confirmados por esta vía en Galicia e ao número de falecementos. Os casos detectados mediante PCR e IgM soben a 9.113. Dos 615 óbitos dos que informa a Xunta, Sanidad expón 608 falecementos (seis deles na última semana), aínda que os datos seguen suxeitos a revisión. O Ministerio adianta que as discrepancias que aparecen nas cifras deste mércores “poderían persistir varios días“, ao ter que completar a revisión da información que se recibe desde as comunidades autónomas e ir corrixíndoa de forma individualizada.

Casos activos

No que corresponde aos casos activos, hai 823 segundo a última información de Sanidade. 205 están na área da Coruña-Cee, 54 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 107 na de Ourense-Verín-O Barco, 38 na de Pontevedra-Salnés, 254 na área de Vigo, 143 na de Santiago-Barbanza e 22 na de Ferrol. Así evolucionou a situación desde finais de abril:

En canto á situación nos hospitais, actualmente hai cinco persoas na UCI e 49 noutras unidades, (54 en total). No domicilio están sendo seguidas 769 persoas (máis do 93% do total). A ocupación hospitalaria pola doenza xa é menor que o 16 de marzo, dous días despois da declaración do estado de alarma.

En canto á evolución do total de casos detectados ata o momento, o cambio na información do Ministerio de Sanidad altera a serie de positivos confirmados por PCR, pero non muda o total de positivos notificados. Son 11.236 en Galicia. Deles, 9.113 detectáronse mediante PCR e/ou positivo por anticorpos IgM con síntomas compatibles, polo que os restantes 2.123 teríanse diagnosticado a través das probas de anticorpos, pero non terían por que ser infeccións activas no momento do diagnóstico. Con todo, estes números sempre se corresponden co cumio da pirámide de persoas afectadas, é dicir, óbvianse aquelas persoas que puideron ter pasada a infección pero non lles foi realizada unha análise para confirmalo. A cifra de 11.236 persoas extráese da suma dos 823 casos activos dos que informa a Consellería de Sanidade, as 9.798 altas (xa son máis do 87% do total de infeccións) e os 615 falecementos (que o Ministerio de Sanidad reduce a 608).

Nas residencias de maiores e centros de discapacidade, están activos 127 casos (68 usuarios e 59 profesionais). Ata o momento faleceron 272 usuarios destas instalacións (132 deles nas propias residencias e 140, nas chamadas residencias ‘integradas’ ou nos hospitais.

En canto á realización de probas PCR, a Xunta de Galicia informou de 137.544 ata este luns 25. As cifras do Ministerio de Sanidad, actualizadas semanalmente, e que recollen os datos ata o pasado 21 de maio, elevan o número a 145.843. En canto aos tests de anticorpos, Galicia tería realizado, segundo Sanidad, 139.056 análises.


No web do Ministerio de Sanidad pode consultarse a nova estratexia de diagnóstico, vixilancia e control da Covid-19 que determina os cambios na notificación de casos (ver PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses