Venres 29 Marzo 2024

Un traballo do CiQUS consegue liberar anticorpos na célula sen danar a membrana

Unha investigación do laboratorio de Javier Montenegro, desenvolvida pola científica Marta Pazo, abre novas oportunidades coas biomoléculas de grandes dimensións

Científicos da USC a través do seu Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) publican na revista RSC Chemical Biology (que recolle o avance na súa portada) un artigo no que describen a creación dun vehículo que permite a liberación de anticorpos no interior celular sen provocar danos na súa membrana. Na nova estrutura helicoidal, segundo explican desde o CiQUS, o vehículo forma unha sorte de buraco selectivo denominado nanoporo a través do cal pode pasar o anticorpo terapéutico e chegar ao seu obxectivo. A investigación demostra, por tanto, a eficacia competitiva deste medio de transporte en comparación con outros sistemas moleculares peptídicos descritos ata o momento. Esta achega constitúe un avance para os novos tratamentos terapéuticos con biomoléculas de gran dimensión, a diferenza dos tradicionais que utilizan moléculas pequenas.

A investigación dirixida por Javier Montenegro, foi desenvolvida pola investigadora Marta Pazo coa colaboración de Giulia Salluce, Irene Lostalé-Seijo, Marisa Juanes, Francisco González e Rebeca García-Fandiño. Segundo os investigadores, o novo vehículo “abre as portas a estes novos fármacos e ademais non provoca danos no recubrimento externo celular, o que implica baixa toxicidade”. Asemade, puideron demostrar “o potencial con tres proteínas e dous anticorpos diferentes e a súa eficacia en comparación con outros transportadores descubertos ata o momento”, tal e como afirma Javier Montenegro.

Publicidade

O avance “abre as portas a estes novos fármacos e ademais non provoca danos no recubrimento externo celular, o que implica baixa toxicidade”, segundo os seus autores

No estudo sinálase que os fármacos de nova xeración baséanse en principios distintos aos que se viñan usando ata o momento, sendo o tamaño destes novos fármacos una das diferenzas máis importantes. Os novos tratamentos respecto das terapias tradicionais, usan biomoléculas de gran volume como as proteínas, os anticorpos ou os ácidos nucleicos como o ADN ou o ARN, os cales presentan importantes vantaxes en canto á eficacia e selectividade para o tratamento dun problema concreto de forma específica e localizada.

Con todo, estas proteínas ou anticorpos teñen un gran tamaño, o que dificulta o seu acceso ao interior das células, así como aos lugares onde deben actuar, por iso necesítase dun  transportador que permita cruzar a membrana. Na maioría dos casos o vehículo e o fármaco son rodeados e quedan atrapados na capa que envolve a célula, impedíndolle chegar ao seu destino final e cumprir a súa misión. O novo transportador deseñado polo grupo de investigación da USC adquire unha disposición tridimensional en forma de hélice dependendo da súa contorna. Desta forma, cando o transportador e os anticorpos entran na célula e quedan atrapados, o vehículo adopta unha estrutura  tridimensional ordenada en forma de hélice, que se acaba autoensamblando para terminar formando buracos de tamaño nanométrico, os denominados nanoporos, a través dos cales se liberan os anticorpos no interior da célula onde poden recoñecer o seu target específico.


Referencia: Short oligoalanine helical peptides for supramolecular nanopore assembly and protein cytosolic delivery (Publicado en RSC Chemical Biology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

A USC desenvolve un novo método para a entrega directa de fármacos no interior celular

O novo nanotransportador é capaz de fusionarse coa membrana plasmática e liberar moléculas bioactivas no citosol

A USC busca mellorar a eficacia dos tratamentos con células CAR-T en tumores sólidos

Marisa Juanes e Alberto Fuertes encargaranse de desenvolver o sistema de transporte que permita introducir ácidos nucleicos en linfocitos T