Venres 19 Abril 2024

Estas son as primeiras imaxes dun tiburón branco en Galicia

Os expertos confirman que o exemplar avistado este mércores en Punta Langosteira, no porto exterior da Coruña, é un "Carcharodon carcharias"

O avistamento foi tan sorprendente que, nas primeiras horas, houbo moitas dúbidas sobre a veracidade das imaxes. Pero acabou por confirmarse e, por tanto, as fotografías tomadas a primeira hora da tarde do mércores 29 de setembro en Punta Langosteira, dentro da dársena do porto exterior da Coruña, supoñen o primeiro rexistro en foto e vídeo do emblemático tiburón branco (Carcharodon carcharias) nas costas galegas.

Nas últimas horas, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) confirmou a presenza do animal en Punta Langosteira despois de conversar co autor das imaxes, José María Méndez Lanza, e analizar a morfoloxía do exemplar con expertos como Gonzalo Mucientes e Gorka Ocio.

Publicidade

O tiburón branco da Coruña convértese, deste xeito, no primeiro avistamento confirmado e rexistrado no litoral de Galicia. Segundo lembra Toño Maño, autor do blog especializado Tiburones en Galicia, “ata agora non había rexistros, máis alá dunha mención sobre seis exemplares que se levaron á lonxa da Coruña, pero sen ningún tipo de imaxe, ou das testemuñas, tampouco confirmadas, de pescadores que os observaron no mar”. Maño engade que, en moitas ocasións -como volveu acontecer este mércores- o parecido entre o tiburón branco e o tiburón peregrino (Cetorhinus maximus), cunha presenza máis habitual nas costas de Galicia, leva á confusión.

Nun artigo publicado en 2012 no seu blog, Toño Maño abordou a posible presenza da especie en Galicia. Aínda que esta parte do Atlántico atópase dentro da súa área de distribución, alude á cita publicada na Guía dos Peixes de Galicia en 1983, advertindo de que non hai imaxes nin mostras das quenllas da lonxa coruñesa. E expón, igualmente, a posibilidade de que no caso de ser tiburóns brancos, poderían proceder dunha captura realizada lonxe das costas galegas.

O propio Maño recoñece que tivo que rectificar sobre o avistamento, que xerou un importante debate nas redes. “Todas as semanas empezan a circular imaxes que acaban resultando falsas, e por iso a primeira impresión e a de dubidar e agardar a ter evidencias máis sólidas”, explica. Así, despois de comprobar varias das imaxes e vídeos de persoas que presenciaron os movementos da quenlla por Langosteira, puido confirmarse o primeiro avistamento da especie en Galicia.

https://twitter.com/EloyTP/status/1443510740539805696

Desde a CEMMA, a través dun comunicado difundido nas redes, confirman igualmente o rexistro. “A nosa primeira impresión foi pensar nunha quenlla branca, pero preferimos confirmalo con persoas que coñezan mellor estas especies”. Posteriormente, “quedábanos confirmar que as fotos se fixeran onte e no lugar que indicaban, xa que por exemplo nese mesmo porto todos os anos hai avistamentos de momos/quenlla peregrina, e non fose a ser que o avistamento non tivese que ver coa foto. Este ano nós recibimos múltiples fotografías falsas e montaxes de avistamentos de candorcas en Galicia que resultaron ser falsas“.

Finalmente, tras contactar co propio autor, desde a CEMMA dan veracidade ao avistamento. “Esta mañán logramos falar co autor das fotografías, José María Méndez Lanza, que nos autorizou a dar o seu nome”, confirmando “que as fotografías son de onte, e o seu relato e os detalles que deu a nós convéncennos”, conclúe a entidade.

Na tarde do mércores, a Autoridade Portuaria da Coruña xa difundira imaxes do animal, duns cinco metros de longo. Ao día seguinte, no serán do xoves, desde a mesma conta confirmaron a autenticidade das imaxes e que se trataba dun tiburón branco, segundo constataron desde a CEMMA e o Institut de Ciències del Mar de Barcelona.

https://twitter.com/PuertoACoruna/status/1443586312271904778

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España