Venres 29 Marzo 2024

Test de autodiagnóstico da Covid-19: o que tes que saber para evitar ‘sorpresas’

Desde este xoves poderán adquirirse as probas de autodiagnóstico contra a Covid-19: estas son as súas características e limitacións

No medio da nova onda da Covid-19, cunha elevada transmisión concentrada nos grupos de idade aínda non vacinados, a poboación poderá dispoñer a partir deste xoves dunha nova ferramenta para o control da pandemia: o test de autodiagnóstico para detectar posibles casos de coronavirus. Así o acordou o Consello de Ministros do Goberno español, modificando un Real Decreto no que inclúe as probas da Covid-19 nas excepcións xa contempladas para outras cuestións, como as probas de embarazo, determinación de glucemia ou VIH.

Que test de autodiagnóstico haberá nas farmacias?

Permítese a comercialización de dous tipos de probas de detección, que teñen importantes diferenzas entre si:

Publicidade

  • Antíxeno: permiten detectar unha infección activa, pois confirman a presenza dunha molécula que forma parte da estrutura do SARS-CoV-2.
  • Anticorpos: detectan a reacción específica do organismo fronte ao SARS-CoV-2. Isto é, as defensas contra o virus. Non se consideran probas diagnósticas de infección activa, xa que só confirman que estivemos expostos ao virus e o noso corpo desenvolveu este tipo de ‘protección’ fronte a el, pero non cando.

Por norma xeral, as probas de antíxeno requiren dunha mostra nasal, nasofarínxea ou de cuspe (que ten menor precisión) cun bastonciño que se inclúe no kit que se poderá adquirir na farmacia. As de anticorpos adoitan requirir dunha mostra de sangue. Esta é a listaxe de test de autodiagnóstico de antíxenos que amosa a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS).

Listaxe de test de antíxeno de SARS-CoV-2 comercializados en España. Fonte: AEMPS.
Listaxe de test de antíxeno de SARS-CoV-2 comercializados en España. Fonte: AEMPS.

Antíxenos non é igual a anticorpos

Cómpre ter moi en conta as diferenzas entre un e outro test de autodiagnóstico á hora de compralos na farmacia, e aclarar as posibles dúbidas cos profesionais farmacéuticos ou médicos. A vantaxe dos dous tipos de probas é que amosan un resultado rápido (menos de 20-30 minutos), pero cada unha ten a súa aplicación.

Por exemplo, unha proba de antíxeno é eficaz á hora de detectar infeccións activas (non tan precisas como as PCR, como se explicará despois), mais ten unha xanela de tempo máis limitada. Segundo os documentos técnicos da OMS, as probas de antíxenos funcionan ben en pacientes que teñen unha carga viral elevada, normalmente de 1 a 3 días antes da aparición dos síntomas. Pero, por isto mesmo, a precisión é menor cando non aparecen síntomas.

No caso dos anticorpos, hai diversos tipos de probas dentro desta categoría. Porén, como a reacción do organismo é posterior á chegada do virus, tardan algúns días en dar resultados positivos. Algunhas detectan os anticorpos totais, sen distinción, e outras distinguen entre dous tipos distintos: os IgM (máis ‘temperáns’) e os IgG (posteriores). Con todo, e pola dificultade da súa interpretación (ningunha delas garantiza protección contra o virus, nin sequera despois da vacinación), están desaconselladas como probas de diagnóstico.

Antíxenos non é igual a PCR

Actualmente, segundo a estratexia de detección, vixilancia e control da Covid-19 en España, existen dous tipos de probas de diagnóstico de infección activa, coas que se confirman os casos de coronavirus no territorio estatal: as de antíxenos e as PCR. Cada unha está indicada para determinadas circunstancias que lles confiren vantaxes e desvantaxes:

  • A proba de antíxenos é máis rápida, polo que permite a realización dun maior número de análises, e non precisa de persoal de laboratorio. Porén, ten unha probabilidade de falsos negativos porque o mínimo de carga viral que pode detectar é maior có da PCR, o que pode estar correlacionado coa ausencia de síntomas. Por exemplo, existe a posibilidade, escasa pero real, de que unha persoa sen síntomas e cunha proba de antíxenos negativa poida contaxiar. Do mesmo xeito, é recomendable realizala nos sete primeiros días trala infección ou nos cinco primeiros días con síntomas, polo que non é acaída para confirmar, por exemplo, a superación da infección despois de dar positivo.
  • A proba PCR procésase con equipamento especializado nun laboratorio, require de técnicas moleculares de alta precisión e, por tanto, o procedemento dura varias horas. Deste xeito hai unha maior probabilidade de detectar, por exemplo, infeccións asintomáticas. Considérase a proba preferente a realizar no contexto da pandemia. Con elas non é posible, por tanto, facer un test de autodiagnóstico. Pola contra, a súa elevada precisión pode xerar illamentos máis prolongados ou innecesarios, xa que é posible que ofreza un resultado positivo despois de que unha persoa superase o seu período de contaxiosidade.

Neste gráfico pode verse, de forma simplificada, a capacidade de detección de cada unha das probas diagnósticas dispoñibles:

Esquema da capacidade de detección das probas diagnósticas do SARS-CoV-2. Fonte: Vicente Soriano/The Conversation.
Esquema da capacidade de detección das probas diagnósticas do SARS-CoV-2. Fonte: Vicente Soriano/The Conversation.

Hai, con todo, un vivo debate científico sobre a conveniencia do uso dos tests de antíxeno e/ou PCR en función das circunstancias. Onde algúns expertos ven os tests de antíxenos como unha gran axuda para cortar a transmisión ou na realización de cribados, outros ven un risco de falsos negativos por unha deficiente toma de mostras que xeraría unha falsa sensación de seguridade e contribuiría á aparición de novos brotes. Estas diverxencias provocaron que cada país fose tomando o seu propio camiño. Así, por exemplo, en Reino Unido pódense solicitar de balde nas farmacias probas de autodiagnóstico de antíxeno desde comezos de ano, mentres que España e outros países non o autorizaron ata agora.

Fronte a estes debates, no que hai consenso é na necesidade de manter as medidas non farmacolóxicas (máscara, distancia e hixiene) e non baixar nunca a garda con elas.

Os test de autodiagnóstico deberán confirmarse nun centro sanitario

A comercialización dos diversos tipos de test de autodiagnóstico supoñen, por tanto, unha ferramenta complementaria, pero non única, para axudar ao control da transmisión do SARS-CoV-2. Esta decisión enmárcase nun contexto internacional de volta gradual á actividade cotiá en rexións, como a Unión Europea, cunha importante cobertura vacinal. Ampliar a capacidade diagnóstica, evitando unha maior saturación dos servizos de atención primaria, contribuirá a dispoñer de máis ferramentas de prevención fronte a brotes.

infografía

Tal e como se ve sobre estas liñas, o test de autodiagnóstico, no caso de ser positivo, debe ser notificado ao centro sanitario de referencia para a persoa. E, de acordo ás medidas de prevención, o positivo debe illarse inmediatamente para evitar o contaxio a outras persoas. Segundo os criterios do Ministerio de Sanidad, os resultados positivos do test de autodiagnóstico serán considerados casos sospeitosos ata que se confirme con outra proba diagnóstica de infección activa (ben unha PCR ou ben unha de antíxenos de uso indicado para profesionais médicos).

A importancia de seguir as recomendacións e as limitacións

Como o seu nome indica, o test de autodiagnóstico permite que unha persoa poida realizar a proba para comprobar se está infectada. Mais, ao mesmo tempo, a falta de supervisión por parte de profesionais pode levar a un uso incorrecto da proba e, por tanto, a resultados ou interpretacións erróneas da mesma. Así, cómpre seguir de forma estrita as indicacións de uso do fabricante para garantir a calidade das mostras recollidas. Pero, con todo, tal e como advirte a AEMPS, a “falta de experiencia en comparación co persoal sanitario pode afectar ao rendemento das probas”.

Na mesma liña, a estratexia fronte á Covid-19 do Ministerio de Sanidad advirte que, no caso das probas de autodiagnóstico, “é moi importante reforzar a mensaxe de que un resultado negativo non exclúe a infección nin exime do cumprimento nas medidas de control recomendadas“.

Poden facerse PCR nas farmacias ou acudir a cribados?

Si. Alén da venda dos test de autodiagnóstico, en Galicia existen outras opcións para as persoas que desexen someterse a unha proba PCR. Os colexios farmacéuticos das catro provincias galegas acordaron co Servizo Galego de Saúde a posibilidade de que calquera cidadán de entre 12 e 64 anos (e que cumpra con determinados requisitos) se someta a unha proba PCR en cuspe.

Do mesmo xeito, na páxina web do Sergas é posible inscribirse nos cribados poboacionais que se están a realizar en todas as áreas sanitarias para conter a transmisión do SARS-CoV-2. Cada un deles ten diversas limitacións de idade ou ámbito xeográfico, entre outras, que deben consultarse no formulario.

1 comentario

  1. O PCR e o antíxenos no son probas para decirte que teñes ningún virus xa que os núcleotidos maximo 200 que aparecen en el test y son partes del sars son tanbien parte de otros virus y bacterias de más de 40 mil núcleotidos de composición como la gripe , clamidia , sifilis o H1N1 y más de 40 coronavirus que son inofensivos al humano. Incluso , el test te puede mostrar material genético inerte o que hayas pasado el virus hace 2 años . El nivel de falso positivo en ambos tests es de 70-90% . Tienes más acierto tirando una moneda al aire. En conclusión, ningún de los test sirven para diagnosticar ninguna infección ni enfermedad del COVID . Es solo puro y duro capitalismo farmafioso .

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos