Sábado 20 Abril 2024

Start-ups con ADN galego triunfan grazas á súa aposta pola ciencia e innovación

Indestia, Innogando, Neutron Insights, Diversa e Psico VR convértense en pouco tempo en referentes do emprendemento na comunidade 

Algunhas teñen xa varios anos de traxectoria e outras acaban de empezar ou están a piques de comercializar os seus produtos e solucións, pero o que teñen en común as cinco start-ups galegas das que se fala nesta reportaxe é o feito de elixir o camiño da investigación científica e da innovación como fórmula para acadar o éxito. Moitas veces non é a ruta máis fácil, pero sen dúbida que o resultado obtido paga a pena porque máis aló do retorno económico, estes proxectos empresariais amosan os bos resultados que se poden obter coa transferencia de tecnoloxía dende ás universidades e as empresas e tamén como fórmula para reter o talento formado en Galicia. 

As cinco empresas pertencen a sectores diversos —sanidade, gandaría, TICs—, pero todas elas están a demostrar as posibilidades de mellorar a vida das persoas e ofrecer solucións ás necesidades das empresas mediante a implementación de adiantos técnicos ou tecnolóxicos para crear novos produtos ou servizos. Innogando, por exemplo, utiliza as novas tecnoloxías para crear un dispositivo electrónico que permite xeolocalizar ao gando, entre outras cousas, e Psico VR aposta pola realidade virtual para crear ferramentas que axudan as persoas que padecen fobias ou aos pacientes que teñen que afrontar un tratamento contra o cancro. 

Publicidade

Hai empresas moi vinculadas á universidade xa dende o seu propio nacemento, como é o caso das spin-offs Indestia (UdC) ou Neutron Insights (USC) mentres que outras non foron incubadas nas universidades pero a formación recibida polos seus creadores foi clave, como acontece no caso de Psico VR ou Diversa. En todo caso todas elas son un bo exemplo de como as ideas nacidas dunha ou outra forma na universidade poden acabar dando lugar a empresas que desenvolven ideas baseadas na innovación e que cobren ocos de necesidades demandadas polo mercado. 

O dispositivo xeolocalizador Rumi é o principal proxecto desenvolvido por Innogando. Foto: Web Innogando

Un caso que empeza a ser moi habitual nas universidades galegas é o da empresa Indestia, unha spin-off do CITIC da Universidade da Coruña (UDC), que con apenas tres anos de vida xa está a obter importantes resultados coa súa ferramenta PhotoIlike. Trátase dun sistema desenvolvido mediante a Intelixencia Artificial (IA) que permite ordenar un conxunto de fotografías de inmobles para vender ou alugar, de xeito que as fotos que máis atraen ao público queden situadas na parte máis importante do anuncio e poidan atraer máis clientes. 

Juan Romero, socio fundador e responsable de Investigación da empresa, explica que PhotoIlike está a ser probado por varias empresas punteiras do sector inmobiliario e os clientes poden ver que o uso desta ferramenta incrementa ata un 20 % os leads e chamadas que reciben sobre os anuncios con fotografías ordenadas deste xeito. “Estamos a desenvolver tamén un sistema para mellorar as fotos de forma automática e agardamos un crecemento exponencial do negocio para este ano. Xa temos procesado máis de 22 millóns de imaxes dende os nosos inicios”, apunta Romero. 

Psico VR, as posibilidades da realidade virtual

A Intelixencia Artificial (IA) é tamén unha das tecnoloxías empregadas pola compañía pontevedresa Psico VR que comezou a súa andaina empresarial no ano 2018 e xa ten acadado importantes logros e premios en apenas seis anos de traxectoria. Lucia Maneiro e Rafael Tourón son os socios fundadores desta empresa que explora as posibilidades da realidade virtual para o tratamento das fobias ou os medos que os pacientes poden ter ante distintos tratamentos médicos. 

Curiosamente a súa actividade céntrase fóra de Galicia aínda que xa desenvolveron tamén un proxecto para o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Actualmente están a colaborar estreitamente cun dos mellores hospitais de España, o Vall de Hebrón de Barcelona, que está a desenvolver o primeiro centro de simulación sanitaria de Europa para aplicar en áreas moi diversas: cardioloxía, neonatos, urxencias, hemodiálise, etc.

Maneiro e Tourón explican con moita paixón os distintos proxectos en que están involucrados, como un simulador de ecografía moito máis avanzado que os que xa existen e que están a desenvolver en colaboración coa Universidade de Granada. “Cara ao futuro imos insistir máis en desenvolver os produtos que xa temos antes que desenvolver outros novos porque cremos que teñen moitas posibilidades de comercialización”, indica Maneiro.

Innogando, tecnoloxía de vangarda para a gandería

A innovación tecnolóxica tamén é a base dende a que se desenvolveu a start-up lucense Innogando, unha compañía que en moi pouco tempo foi quen de sacar ao mercado e comercializar con éxito o dispositivo Rumi, un xeolocalizador para o gando que ademais permite obter moitos datos sobre o comportamento dos animais que despois poden utilizarse para prever enfermidades ou tomar decisións para o seu benestar. A empresa foi creada en 2020 por dous amigos novos, Elio López e Daniel Pardo, que desenvolveron o seu proxecto no Campus de Lugo da USC. 

En 2023 a empresa xa conseguiu facturar un millón de euros e actualmente conta con 26 traballadores, distribuídos entre as oficinas de Lugo e Abadín. Rumi se está a comercializar en toda España, Portugal e algúns países de Latinoamérica e a idea e seguir internacionalizando as vendas e desenvolver outro tipo de dispositivos que poidan seguir axudando os agricultores e gandeiros. 

“A innovación é a base do noso proxecto e imos seguir investigando para desenvolver outros novos. Temos unha colaboración moi estreita coas universidades e tamén con centros tecnolóxicos como o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. Estamos nun sector que necesita deste tipo de iniciativas para que as novas xeracións vexan que pode haber futuro e queden no campo”, explica Elio López, que puido ver as necesidades dos gandeiros de primeira man na súa propia explotación familiar. Máis alá do mérito que ten desenvolver un proxecto innovador o caso de Innogando é un exemplo moi importante das posibilidades de evolución para o sector agrogandeiro en Galicia.

Diversa, nanotecnoloxía para fabricar novos medicamentos

Outro dos sectores que conta con distintas spin-offs e start-ups que están a desenvolver proxectos moi interesantes é o da biomedicina. Tamén da man da investigación que se está a facer nas universidades galegas empresas como Diversa (spin-off do IDIS de Santiago e do Sergas) están a comercializar novos fármacos e outro tipo de solucións innovadoras para aplicar en distintos campos da sanidade e sempre coa vista posta en poder mellorar a vida das persoas. 

Diversa, que apenas conta con dous anos de vida, traballa coa nanotecnoloxía e a edición xenética para desenvolver novos fármacos para os pacientes oncolóxicos, de enfermidades metabólicas ou de doenzas autoinmunes e inflamatorias. Maria de la Fuente, CEO e fundadora da empresa, conta con máis de vinte anos de experiencia no uso da nanotecnoloxía nos medicamentos e indica que Diversa xa está a comercializar a súa tecnoloxía en España e Europa e agarda poder facelo pronto en Estados Unidos. 

“Xa contamos con oito persoas traballando a tempo completo na empresa e ademais de desenvolver unha tecnoloxía que xa nos permitiu avanzar con dúas patentes estamos a comercializar kits para que outros investigadores poidan testar moléculas e avanzar para conseguir fármacos cada vez máis eficaces. O noso obxectivo é posicionarnos como unha empresa a nivel internacional e contribuír a mellorar a saúde global e a vida das persoas”, explica María de la Fuente. Sen dúbida os logros acadados en tan pouco tempo fan pensar que estes obxectivos poderán conseguirse. 

Neutron Insights desenvolve un dispositivo para facer radiografías mediante neutróns. Foto: Neutron Insights

Neutron Insights, avances tecnolóxicos para a industria

As posibilidades de aplicación dos avances tecnolóxicos e científicos poden atoparse en todos os sectores de actividade e tamén, por suposto, nas actividades que xa contan cun elevado nivel de tecnificación como é a industria. A spin-off Neutron Insights, xurdida do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), foi gañadora do programa Argos de emprendemento da USC e con menos dun ano de vida está comezando a comercializar un dispositivo que permite mellorar de forma substancial a precisión das radiografías que se fan no sector industrial. 

Pablo Cabanelas, fundador da empresa xunto a Yassid Ayyad, explica que o proxecto baséase na idea de utilizar a radiación mediante neutróns para obter unhas radiografías moito máis precisas das que se fan cos raios X. “Vemos o que os raios X non ven” é un dos lemas que utiliza esta nova empresa que está a desenvolver un produto con múltiples aplicacións no terreo industrial, dende a soldadura á impresión 3D. 

“Estamos comezando a captar clientes”, sinala Cabanelas, “e o obxectivo para este ano é conseguir o financiamento necesario e tamén terminar o desenvolvemento dun dispositivo portátil para poder realizar as radiografías in situ onde o cliente o necesita. Polo de agora estamos a traballar con clientes que nos envían as pezas para facer as radiografías no noso laboratorio”, indica. A idea que deu orixe a Neutron Insights é moi prometedora e contan cun equipo altamente cualificado para terminar de desenvolvela e comercializala tanto en España como no estranxeiro. 

Apoiar o emprendemento innovador

O panorama do emprendemento con base innovadora en Galicia é —como pode verse cos exemplos citados— moi interesante, pero iso non significa que non precisen máis apoios, ademais dos que están a obter das distintas administracións ou das propias universidades dos que na súa maioría proceden.  Inmaculada Rodríguez, directora xeral da sociedade de capital risco Unirisco, apunta que este tipo de proxectos empresariais precisan de moito apoio para terminar o seu desenvolvemento, tanto dende as compañías máis grandes, que acabarán por obter beneficios das innovacións destas compañías, como dende as distintas administracións. 

“As start-ups son bebés de empresa e polo tanto son moi fráxiles, precisan de moito apoio xa que necesitan, por así dicilo, empresarizarse e avanzar dende o punto de vista estratéxico, do márketing ou da internacionalización, por exemplo”, indica Rodríguez. Unirisco conta cunha ampla traxectoria neste sentido xa que dende o ano 2001 xa apoiou a máis de 30 proxectos empresariais xurdidos nas universidades galegas. 

Para Rodríguez resulta fundamental que as propias empresas que no futuro van poder beneficiarse das innovacións que aportan estas start-ups se encarguen de coidar este ecosistema empresarial innovador que se está a formar en Galicia. “En canto ao financiamento tamén hai dificultades porque aínda que existen instrumentos públicos e privados para axudar a estas empresas sempre resultan insuficientes. O que non pode ser é que algunhas destas compañías teñan que estar dous ou tres anos dando voltas para obter fondos para desenvolver os seus proxectos. É necesario darlles unha boa orientación sobre o tipo de financiamento que poden atopar”, engade a responsable de Unirisco. 

Rodríguez destaca a diversidade do ecosistema de emprendemento innovador en Galicia, con iniciativas en sectores tan diversos como o tecnolóxico, o agrogandeiro ou a biomedicina. “Creo que esa diversidade ven do coñecemento que se xera nas propias universidades e é moi bo que exista xa que sempre haberá máis opcións de desenvolvemento”, conclúe. 

En definitiva, Galicia conta cunha importante cantidade de empresas de pequeno tamaño que están a aportar solucións innovadoras en distintos sectores e están a xerar un valor engadido moi importante na economía galega. Coidar ese ecosistema e facilitar o seu desenvolvemento é un labor a desenvolver polo conxunto da sociedade galega xa que, finalmente, acaba por ser unha das maiores beneficiadas destas achegas que teñen a súa orixe nas investigacións realizadas nas nosas universidades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova iniciativa de Clúster TIC impulsa o emprendemento tecnolóxico galego

As propostas seleccionadas contarán co respaldo de socios da entidade para optimizar os seus modelos de negocio

Innovación, emprendemento e retos do sector alimentario, claves da V Edición de BFFood

A aceleradora busca proxectos innovadores de emprendemento que dean resposta ás novas demandas

A aceleradora do sector alimentario lanza a procura de 12 proxectos innovadores

A BFFood abre a súa cuarta edición para captar talento e apoiar iniciativas de emprendemento

Nanotecnoloxía á carta para empresas e investigadores

A nova spin-off aplica unha tecnoloxía que permitirá desenvolver medicamentos de oncoloxía, enfermidades metabólicas e doenzas autoinmunes