Xoves 28 Marzo 2024

O sonar pode provocar tendencias suicidas nos cetáceos, di un estudo

Un traballo realizado nas Illas Canarias demostra que unha especie de zifio sufría varamentos con máis frecuencia cando os barcos usaban este sistema

Mentres os expertos seguen preguntándose cales son as causas da “extraordinaria” cifra de grandes cetáceos que apareceron mortos nas costas galegas nas últimas semanas, un estudo publicado en Proceedings of the Royal Society e realizado nas Illas Canarias pode botar luz na investigación dalgúns destes sucesos. O traballo, con datos tomados nas augas das Illas Canarias en 2017, suxire que o sonar utilizado na detección de submarinos pode provocar comportamentos suicidas no zifio de Cuvier (Ziphius cavirostris).

Non é unha hipótese nova, que xa leva tempo sendo estudada, pero os datos recabados nas costas canarias reforzan esta idea. O estudo lembra que no ano 2002, durante uns exercicios navais da OTAN nos que se usou o sonar, 14 zifios de Cuvier apareceron varados nas illas. E as necropsias confirmaron que 10 das baleas tiñan pequenas hemorraxias en vasos sanguíneos e órganos vitais, compatibles cun problema semellante ao que adoitan sufrir os mergulladores: a síndrome por descompresión.

Publicidade

Burbullas de gas no fígado dos zifios que apareceron varados en 2002. Fonte: Nature.
Burbullas de gas no fígado dos zifios que apareceron varados en 2002. Fonte: Nature.

Con estas evidencias, os investigadores preguntáronse que era o que acontecía para que os cetáceos sufrisen estes problemas, despois de millóns de anos de evolución nos que adaptaron perfectamente o seu organismo para situarse e moverse polo mar e localizar posibles alimentos ou presas. A resposta dos investigadores que publican este novo estudo é que estes zifios sofren unha especie de estrés cando detectan sinais de sonar.

“Cando senten un sonar estrésanse e afástanse rapidamente da fonte do son, cambiando o seu patrón de mergullo”, e provocando unha reacción suicida que acabaría coa súa morte, explica Yara Bernaldo de Quirós, autora principal da investigación e científica do Instituto de Salud Animal da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria. Así, “a resposta ante o estrés fai que os animais acumulen nitróxeno; como un xute de adrenalina”.

“É extraordinario que tantas baleas aparezan na costa”

Un tipo de sonar, máis daniño

Os achados revelan tamén que hai un tipo de sonar, o MFAS, usado hoxe en patrullas e exercicios navais pola OTAN e Estados Unidos, que é especialmente daniño. Entre 1960 e 2004 houbo 121 dos catalogados como varamentos en masa atípicos (AMSE, acrónimo en inglés), e 40 deles estaban vinculados claramente no espazo e o tempo coas actividades navais. No caso do episodio de 2002 en Canarias, Yara Bernaldo de Quirós lembra que “ás poucas horas de comezar a usar o sonar, os animais comezaron a aparecer na praia”.

As necropsias subliñaban tamén que os animais non tiñan sinais de enfermidade ou desnutrición, como adoita acontecer cos animais que aparecen nas costas galegas, por exemplo: tiñan un peso corporal normal, e tampouco había lesións ou infeccións na pel.

Porén, ao analizar o interior, os investigadores sorprendéronse. As veas e arterias estaban cheas de burbullas de nitróxeno e os cerebros estaban afectados por hemorraxias, ademais de danos na médula espinal ou no sistema nervioso.

Moratoria ao sonar en Canarias

Neste senso, e despois dun estudo publicado en Nature en 2003 sobre este suposto vínculo entre o sonar e as mortes dos zifios, España prohibiu estes exercicios navais nas Illas Canarias en 2004. E desde entón, sexa casualidade ou non, os varamentos en masa deixaron de producirse. Por tanto, os autores do estudo recomendan que esta moratoria se estenda a outras rexións con episodios semellantes, como algunhas rexións do mar Mediterráneo, e afondar nas investigacións que axuden a comprender mellor o impacto do sonar na saúde destes e outros cetáceos.

Referencias: Advances in research on the impacts of anti-submarine sonar on beaked whales, Proceedings of the Royal Society B. (10 de xaneiro de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos
00:00:25

Un lobo mariño na Coruña: "A chegada dunha femia adulta ás costas é inusual"

A Cemma segue a ruta deste exemplar dende o 30 de decembro, cando foi avistada en Burela

Galicia duplica o promedio anual de varamentos: “Non temos explicación”

Unha toniña no Grove eleva a máis de 520 os exemplares atopados. Os científicos están investigando os motivos deste aumento de casos

Restos de baleas atopados en Galicia corroboran a extinción de dúas especies do Atlántico

Unha investigación arqueolóxica reuniu mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII no maior estudo de Europa sobre estes cetáceos