Xoves 25 Abril 2024

O solo pelviano, a musculatura esquecida: “Non somos conscientes de como se contrae”

A incontinencia urinaria ou a dor nas relacións sexuais son algúns dos síntomas derivados de non fortalecer esta parte do corpo

Cando os músculos non están fortalecidos, chegados a unha idade podemos sufrir patoloxías que merman a nosa calidade de vida, impedíndonos realizar determinadas actividades físicas e condicionando o noso benestar diario. Isto é o que ocorre co solo pélvico, denominado tamén para os expertos na materia como “a muscultura esquecida”. Non prestarlle atención pode provocar incontinencia urinaria, prolapsos e disfuncións sexuais. Ollo, que tampouco se pode traballar “sen máis”, xa que pode existir algunha alteración e necesitarse un tratamento individualizado. É necesaria unha valoración dun fisioterapeuta, porque podemos ter contracturas e podemos facelo peor para un conxunto de músculos que debería traballarse de maneira involuntaria.

Por distintos motivos, esta activación muscular pode deixar de producirse e asóciase co embarazo. “Non se ensina a traballar o solo pelviano. Non somos conscientes de como se contrae”, explica a investigadora da Universidade de Vigo, Iria Da Cuña, que participou nun proxecto que demostrou que o tratamento de fisioterapia mellora a incontinencia. O solo pélvico está constituído por un conxunto de músculos situados na parte baixa da pelvis. A pelvis é a área que contén os ósos das cadeiras, a vexiga e o recto, e nas mulleres, tamén a vaxina, o colo do útero, o útero, as trompas de Falopio e os ovarios. Nos homes, a próstata e as vesículas seminais. Neste senso, xorde a seguinte pregunta: se é un músculo, por que non o fortalecemos como podemos facer cos bíceps?

Publicidade

O solo pélvico non traballa en solitario, senón con toda a musculatura da cavidade abdomino-pélvica. “É como unha caixa na que todo ten que funcionar correctamente para que se produzan unha xestións de presións adecuadas”, explica Iria Da Cuña. Hai varios factores que poden debilitar ou danar o solo pélvico. Por exemplo, o estrinximento crónico, xa que coa defecación se produce unha forza que implica un gran esforzo para o solo pélvico; o embarazo, parto, posparto e menopausia; e tamén con deportes de alto impacto, como ximnasia, voleibol, futbol, tenis… onde hai ata un 60% de prevalencia de sufrir incontinencia urinaria. Por iso os especialistas recomendan facer traballo de prevención para mellorar a calidade de vida futura, principalmente nas persoas que se adican ao deporte.

“O parto vai influír en todo”

IRIA DA CUÑA, investigadora na Universidade de Vigo

Durante o embarazo prodúcese unha alteración biomecánica moi importante a nivel abdominal polo aumento da distancia entre rectos, e a disposicións dos músculos tamén se modifica porque teñen que albergar ao bebé. Ademais, o solo pelviano cos cambios hormonais produce máis distensión da musculatura así como dos órganos de soporte. “O parto vai influír en todo, máis especificamente se é vaxinal. Se hai unha episiotomía hai unha rotura na integridade da musculatura. “Xa sexa cunha debilidade ou cunha hipertonía — esas cicatrices producirán dores no posparto — hai múltiples factores que poden afectar no embarazo e no posparto relacionado co solo pelviano”, indica.

Os sinais de alarma

O prolapso pélvico prodúcese pola caída da vexiga, uretra, útero e o recto que exerce presión sobre a vaxina. Os síntomas son: pesadez, dor, sensación de vulto, incontinencia urinaria e molestias durante relacións sexuais. Hai diferentes niveis de prolapsos, os máis leves pódense abordar dende a fisioterapia e os máis graves mediante cirurxía. Iria Da Cuña explica que, antes de exercitar, hai que estudar o caso particular da persoa. “Hai xente que está facendo exercicios e non os está facendo ben, ou non lles fai falta facelos”, postula. A incontinencia urinaria é un dos síntomas máis fáciles de identificar. Consiste na perda involuntaria de orina ao realizar esforzos que aumenten a presión intraabdominal. Como esbirrar, tusir, coller peso, erguerse ou correr.

“Perder orina, aínda que sexa por un momento, non é normal, é patolóxico e un sinal de alarma”, explica. En canto ás disfuncións sexuais, pódense destacar a dispareumia, que é a dor nas relacións sexuais; vaxinismo, imposibilidade de penetración na vaxina; ou anorgasmia, que é a imposibilidade de chegar ao orgasmo. No caso dos homes, aparece a exaculación precoz e a disfunción eréctil. Para traballar toda esta sintomatoloxía, os expertos recomendan un plan individualizado de tratamento terapéutico de solo pélvico con contraccións da musculatura, exercicios abdominais ou tratamento de texidos blandos con técnicas manuais ou instrumentais.

Nun artículo publicado en The Conversation, as investigadoras Eva María Lantarón Caeiro, Iria Da Cuña Carrera e María Mercedes Soto González explican que o solo pélvico pode traballarse dende a casa. A contracción da musculatura realízase activando a zona perineal. As mulleres, por exemplo, poden imaxinarse que apretan cara fóra un tampón ou un dedo situado na vaxina e, posteriormente, o contraen de novo para levalo cara fóra “coma se non quixesen deixalo caer”. No caso dos homes, hai estudos que demostran que as secuelas despois do cancro de próstata melloran co tratamento da musculatura do solo pélvico. Para obter estes beneficios aconséllase elevar os testículos para facer o “movemento muscular axeitado. Polo contrario, cortar o chorro de orina está completamente desaconsellado para a contracción do solo pélvico”, explican.

Proximamente, o grupo FS1 Fisioterapia Clínica da Universidade de Vigo, que pertence ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, presentará os resultados dun estudo que pretende atopar o exercicio máis axeitado para a redución da distancia entre rectos do abdome no período posparto. É a chamada diástase abdominal, que é a separación dos músculos rectos do abdome que se produce polos cambios que xera no corpo o crecemento do bebé. É unha gran distensión na parede abdominal e o grupo de traballo da facultade colabora co Sergas para poder captar participantes e traballar coas matronas. Existe evidencia científica que atopou melloras co exercicio mais aínda está por descubrir cal é a mellor práctica, por exemplo, a través dos hipopresivos, polo que o grupo de fisioterapeutas da UVigo será pioneiro en atopar unha terapia física para as mulleres afectadas pola diástase abdominal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Os pediatras aconsellan vacinar as embarazadas para evitar casos graves de tosferina

A inmunización das nais xestantes proporciona unha elevada protección aos bebés ata que reciben a súa primeira dose aos dous meses de idade

Interveñen con éxito un tumor nunha bebé que aínda estaba en período de xestación

Un equipo do Hospital La Fe de Valencia salva a vida da pequena, de 28 semanas, e da súa nai, nunha intervención pioneira en España