Xoves 25 Abril 2024

A soidade incrementa nun 30% o risco de enfermidades cerebrais e cardíacas

A ansiedade e a presión laboral poden estar detrás dos ataques de corazón ou os derrames cerebrais. A esta lista únese agora a falta de afecto. Unha investigación engade como factores de risco para estas enfermidades a soidade e unha mala socialización.

Os autores do estudo publicado en Heart conclúen que os efectos do illamento social e afectivo incrementan ata un 30% a posibilidade de sufrir un accidente cerebrovascular ou padecer unha enfermidade coronaria. Esta porcentaxe é similar ao derivado doutros aspectos psicosociais, como a tensión.

Publicidade

“O noso traballo indica que o tratamento da soidade e o illamento social pode ter un papel importante na prevención de dúas das principais causas de mortalidade nos países desenvolvidos”, aseguran os autores do traballo, da Universidade Brigham Young de Utah (Estados Unidos).

Unha socialización positiva está directamente relacionada cun estilo de vida saudable

Os resultados extráense da análise a máis de 181.000 persoas, seleccionadas desde 16 bases de datos de estudos previos. Os investigadores monitoraron entre tres e 21 anos como a nutrición ou as horas de soño afectaban as súas relacións sociais.

Moitas destas persoas presentaban coincidencias coas que establecer un perfil de paciente: home, de 55 anos, con hipertensión provocada por unha situación persoal complicada unida ao aumento da graxa corporal polo consumo de alimentos de baixa calidade fóra de casa. Desta forma, os expertos infiren que unha socialización positiva está directamente relacionada cun estilo de vida saudable.

Durante a análise, detectaron 4.628 complicacións coronarias –ataques ao corazón, anxinas de peito e mesmo a morte- e 3.002 derrames cerebrais. Estes datos supoñen un risco do 29 e 32 por cento, respectivamente.

A pesar destas evidencias, os autores advirten que non se pode establecer unha relación causa-efecto, xa que non se deben excluír o impacto de factores non analizados. Ademais, destacan que a “causalidade inversa”, persoas con poucas redes afectivas pero sen trastorno algún, incrementa a marxe de erro dos resultados.

O cambio tan rápido nas formas de interacción interpersoal require de estudos que aborden cuestións coma se a socialización a través de internet pode substituír o cara a cara e se altera as habilidade sociais, afirman os investigadores.

Un dos maiores desafíos será impulsar as relacións sociais fóra das tabletas e smartphones

Por iso, os científicos consideran que tendo en conta que, no futuro, o sentimento de soidade entre europeos e norteamericanos irá en aumento, “a ciencia médica ten que abordar directamente que consecuencias terá na saúde física“.

Un dos maiores desafíos será, á luz destes resultados, deseñar políticas eficaces que impulsen as relacións sociais fora das nosas tabletas e smartphones. As accións, segundo os autores deste estudo, deben completarse con novos servizos sanitarios.

“Do mesmo xeito que ocorre cos cardiólogos que denuncian o pernicioso que é, por exemplo, fumar ou as dietas altas en graxas saturadas para o corazón, necesítase axuntar esforzos para concienciar sobre os efectos dos aspectos psicosociais”. A soidade xa se relacionou con outros problemas de saúde graves, como carencias no sistema inmunitario, presión arterial alta e en última instancia, a morte prematura.

“Décadas de investigación documentaron unha influencia inequívoca da socialización na lonxevidade”, conclúen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Menos actividade e máis rutina: así é o noso estilo de vida

Un estudo confirma que o patrón mundial cambiou dende a década de 1960 cara a unha forma de vivir cada vez menos dinámica

Un robot para previr o illamento na aula dos nenos con doenzas graves

Un consorcio internacional no que participa a USC proba un sistema de telepresenza na aula para cativos en períodos de convalecencia

Afecta o illamento ao noso cerebro?

Está demostrado que o illamento social ten consecuencias para a nosa saúde tanto física como mental e que afecta distinto a diferentes idades

Un novo aliado para gañarlle a carreira contra o reloxo ao ictus

Científicos do IDIS de Santiago acadan un millón de euros para desenvolver un fármaco que poida aplicarse ante os primeiros síntomas do problema