Xoves 28 Marzo 2024

O Sergas confirma 14 casos da cepa B.1.1.7, pero secuencia menos do 2% dos casos

As limitacións para detectar as mutacións das novas variantes dificultan o coñecemento da súa proporción real no número de novos casos

Ninguén pode aseguralo xa que non existen evidencias suficientes, e apenas serían conxecturas baseadas en poucos datos sólidos, pero cada vez parece máis claro que o estourido de casos de coronavirus que desembocaron na terceira onda na península ibérica teñen unha importante vinculación á cepa B.1.1.7, detectada en primeiro termo no Reino Unido. En Portugal, o país europeo máis golpeado por esta vaga da pandemia, cunha incidencia que segue por riba dos 1.600 casos/100.000 habitantes, a variante representa o 50% dos casos en Lisboa e Vale do Tejo, e estímase que a prevalencia xeral no país está na contorna do 30%, segundo as cifras achegadas pola ministra de Saúde e o INSA (Instituto Nacional de Saúde). En España, onde o Ministerio de Sanidad segue sen achegar estimacións oficiais, (aínda que Fernando Simón avanzou que a cepa acabaría sendo “dominante” nas vindeiras semanas), algunhas comunidades como Madrid ou Cantabria apuntan a que a proporción podería ser do 20% entre os novos casos.

Mais estas estimacións están limitadas pola capacidade de levar a cabo a secuenciación xenómica do SARS-CoV-2 e detectar as mutacións que conforman esta cepa. Segundo datos facilitados este luns polos servizos de Epidemioloxía da Consellería de Sanidade, confirmáronse ata o momento en Galicia 14 casos desta cepa, ademais doutro da coñecida como ‘variante surafricana’ (B.1.351). E segundo informou este mércores a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, hai arredor de 200 casos máis en estudo. Así, ante a falta de estimacións sobre a prevalencia real destas variantes máis contaxiosas, é difícil coñecer que proporción dos casos que emerxeron durante xaneiro conteñen este cambio que o virus desenvolveu para infectar con maior facilidade ao seu hóspede: ata o momento secuéncianse menos do 2% dos casos semanais detectados, aínda que o obxectivo “orientativo” en Galicia é acadar esa porcentaxe, segundo expoñen desde Sanidade.

Publicidade

Secuenciación “non sistemática”

A detección da variante require atopar as mutacións específicas no xene da proteína S, a espícula que o SARS-CoV-2 usa para entrar nas células en contacto co receptor ACE2. As investigacións constataron que estes cambios “relacionáronse con escapes inmunitarios en pacientes inmunodeprimidos e co aumento in vitro da infectividade viral”, segundo o documento do Ministerio de Sanidad sobre as novas variantes de risco.

Este cambio non pode distinguirse das outras variantes coa meirande parte das probas PCR realizadas nos laboratorios dos servizos sanitarios. Ademais, a elevada carga de traballo que estes grupos están soportando nas últimas semanas dificulta centrarse neste aspecto. Aínda que hai algúns procedementos que realizan PCR capaces de detectar a mutación da cepa B.1.1.7 (nos que xa están traballando algúns dos laboratorios do Sergas, como o do CHUVI), a meirande parte das veces é preciso secuenciar, un proceso que dura ata catro días e dunha complexidade técnica bastante maior.

Deste xeito, é probable que a presenza desta cepa en Galicia sexa notablemente maior á que indican os casos confirmados. O brote do hospital Meixoeiro de Vigo, que afectou a 86 persoas, tivo unha relación clara coa B.1.1.7: das seis mostras que se secuenciaron, as seis tiñan a mutación que a caracteriza. Precisamente neste hospital está o laboratorio de Microbioloxía no que se detectou tamén a primeira mostra da variante B.1.351, nunha persoa que regresou dunha viaxe laboral a Sudáfrica. Segundo o Sergas, este caso importado “non xerou casos secundarios”.

Variantes do coronavirus: entre a falta de resposta e o ruído (unha vez máis)

“Ás cegas” fronte a unha cepa de maior risco

A pesar de que foi o 14 de decembro cando o ministro de Sanidade do Reino Unido advertou da detección da nova cepa, coincidindo cunha explosión de casos en Gran Bretaña, apenas se puxeron en marcha mecanismos de prevención para conter a posible propagación por outros países. O relaxamento das medidas do Nadal puido contribuír, deste xeito, a que algunhas das primeiras persoas portadoras desta cepa noutras rexións actuasen como propagadores.

Non foi ata o 20 de xaneiro cando o Ministerio de Sanidad publicou a primeira avaliación de risco da B.1.1.7 e outras variantes de preocupación. O día 26, unha nova versión do documento xa advertía de que o risco de diseminación e o impacto da cepa podería ser “moi alto” no territorio español, pois pode “ocasionar un aumento na taxa de hospitalización e letalidade tanto pola maior taxa de incidencia como pola aparente maior gravidade”. Ata entón, segundo expoñen algúns investigadores expertos en secuenciación xenómica, estívose “ás cegas”, sen tomar as medidas precisas para conter esta cepa máis contaxiosa.

Así, 40 días despois de coñecer a existencia da variante no Reino Unido, establecéronse desde o Ministerio unha serie de recomendacións ás comunidades autónomas e decidiuse establecer un sistema para integrar a secuenciación xenómica na vixilancia do SARS-CoV-2. Segundo expoñen desde Sanidade, esta estratexia consta de dous eixos: “unha vixilancia sistemática e aleatoria sobre unha porcentaxe das mostras positivas que chegan ao laboratorio co obxectivo de identificación e seguimento das variantes circulantes”; e “o estudo de casos e situacións nas que se sospeite a presenza dunha variante de interese para a saúde pública”, realizando secuenciacións en casos concretos como “posibles reinfeccións, fallos vacinais, ou persoas que proveñen de territorios onde circulan outras variantes, entre outros”.

Segundo a Consellería de Sanidade, esta semana aínda “están a pecharse as cuestións técnicas cos laboratorios para a posta en marcha” deste sistema, co obxectivo de “alcanzar unha secuenciación do 2 % dos casos semanais”. Un valor que, segundo expoñen, “é orientativo, e trátase de ir aumentando a nosa capacidade de secuenciación de forma progresiva”.

Por agora, non se establecen datas para chegar a este nivel de secuenciación. “É pronto para poder predicir canto tardaremos en acadar este obxectivo do 2% xa que estamos aínda pendentes da coordinación co Centro Nacional de Microbiología que establecerá os requisitos técnicos necesarios”, expoñen desde Sanidade.

Para levar a cabo este traballo, en Galicia estableceranse “tres laboratorios de referencia, concretamente os dos hospitais CHUAC, CHUS e Álvaro Cunqueiro”, que “contan cos medios técnicos e o persoal adecuado para poder realizar esta actividade”.

Proxectos de investigación

Tanto en Galicia como en España hai proxectos científicos destinados a coñecer a epidemioloxía xenómica das variantes do SARS-CoV-2. En España, o CSIC coordina SeqCOVID, unha iniciativa que xa contribuíu a detectar no verán unha variante xurdida en España que logo se espallou a outros países europeos. E en Galicia constituíuse o consorcio Epicovigal, formado por 11 equipos de investigación dos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia e os sete servizos de microbioloxía das áreas sanitarias do Sergas, xunto a outras institucións. Epicovigal xa dispón de máis de 2.000 mostras para estudar as variantes do coronavirus en Galicia, e contribuíu á detección das dúas variantes de maior preocupación (B.1.1.7 e B1.351) nos laboratorios do CHUVI.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes