Con motivo do día de San Alberto Magno, patrón das ciencias, este luns 15 de novembro dá comezo a Semana da Ciencia nos Museos Científicos Coruñeses que, até o 21, contempla a gratuidade da entrada á Casa das Ciencias, Domus e o Aquarium Finisterrae.
Para facilitar o acceso mais, especialmente, en previsión dunha importante afluencia de público, é recomendábel a reserva previa das entradas, que poderá facerse cun máximo de tres días de antelación. Sen a mesma, o acceso estará permitido unicamente se o aforamento do museo nese momento non está completo. No que respecta ás sesións do Planetario, as invitacións dispoñíbeis entregaranse media hora antes de cada sesión.
Programación dos Museos
Entre as exposicións que se poderán visitar, a Casa das Ciencias conta con “Ceos Galegos”, unha colección de fotografías do ceo nocturno e diúrno, ou “Arriba e máis aló”, a mostra instalada no espazo exterior que repasa algúns dos fitos da astronomía.
Na Domus, “Bocados” explora a nutrición e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da ONU, mentres que “Xogo de neuronas. Pezas da intelixencia humana” é unha exposición na que se exploran a anatomía e o funcionamento do cerebro.
Xa no Aquarium Finisterrae, a Sala Humboldt acolle “Sexo azul”, unha exposición interactiva que trata sobre a reprodución sexual dos seres vivos que viven na auga, se ben o gabinete do capitán Nemo na Sala Nautilus segue sendo a máis espectacular.
Outros actos
Xunto a gratuidade dos museos, a programación da Semana Científica complétase con varios actos. O sábado 20 de novembro, o salón de plenos do Concello da Coruña será o escenario da Entrega dos XXXIV Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica. Así mesmo, a Domus acollerá a HispaCón, a convención anual organizada pola Asociación Española de Fantasía, Ciencia Ficción e Terror. No marco deste evento terán lugar as charlas «Conversación con Conchi Regueiro», autora de galega de ciencia ficción, ás 16.00 horas, e «Crónicas (científicas) marcianas», cos divulgadores Borja Tosar, Uxía Vales e Estíbaliz Espinosa, ás 17.00. Para poder asistir a ambas, o reparto de invitacións até completar o aforo comezará unha media hora antes. Finalmente, o Aquarium Finisterrae e a contorna da Casa das Ciencias son os lugares escollidos para o Festival Cecía Fest, que contará con danzas e actuacións de numerosos coros.
Acceso libre
Desde o 29 de outubro, o acceso á Casa das Ciencias, Domus ou Aquarium Finisterrae, que recuperaron o aforamento do 100%, pode facerse directamente, abonando a entrada correspondente e sempre que o museo non estea completo. Con todo, a reserva previa de entradas mantense, permitindo a quen desexe asegurar o seu acceso.