Sábado 20 Abril 2024

O sector pesqueiro galego xa percibe os efectos do cambio climático

Un grupo de investigación da UVigo identifica estratexias de adaptación e alerta sobre as implicacións da redistribución de especies

O proxecto Clock: Adaptación á redistribución dos stocks pesqueiros chega o seu fin logo de seis anos de actividade, nos que o grupo de investigación Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo (UVigo), dirixido por Elena Ojea, afondou no coñecemento científico sobre a adaptación da pesca aos impactos do cambio climático desde unha perspectiva socio-ecolóxica. “O balance é moi positivo, xa que Clock, ademais de que nos permitiu fundar o noso propio grupo de investigación, Future Oceans Lab, tamén fixo posible que desenvolvésemos casos de estudo en profundidade, como a adaptación do sector pesqueiro artesanal en Galicia e en Nayarit (México), ou do sector de túnidos tropicais do País Vasco”, explica Elena Ojea.

O proxecto do Consello Europeo de Investigación (ERC) identificou ao longo destes anos rutas de adaptación, maladaptación (ou malas prácticas) e proporcionou información sólida para a toma de decisións. Os principais resultados de Clock amosan que o sector xa percibe os efectos do cambio climático en Galicia, que está a ameazar o funcionamento dos ecosistemas mariños, onde aparecen novas especies ou cambios nos hábitats. “Isto impacta na actividade pesqueira, producindo cambios nas capturas, maiores riscos no mar, maior custo da actividade”, detalla a investigadora de Future Oceans Lab, que tamén destaca que estes impactos chegan aos sistemas sociais en forma de incremento da vulnerabilidade do sector, así como perda no capital social e na tradición

Publicidade

Un sector que segue “un camiño de adaptación” 

As investigacións realizadas ao abeiro do proxecto Clock, que nalgúns casos foron lideradas por alumnado de doutoramento, permitiron chegar a outras conclusións como que de maneira xeral, ante os impactos negativos nas capturas, a meirande parte dos pescadores e pescadoras, así como das mariscadoras, seguen “un camiño de adaptación” no que pasan de adaptarse a transformarse e abandonar o sector conforme os impactos aumentan. “Nestes casos, a maior parte dos pescadores escollen estratexias de diversificación de recursos e de artes. Cómpre destacar tamén que a maior parte das persoas dedicadas ao sector pesqueiro están orgullosas do seu traballo e senten unha gran responsabilidade para traballar pola conservación do medio mariño e na sostibilidade do recurso”, razón pola que, segundo Elena Ojea, reclaman da administración e dos científicos accións que lles permitan continuar co seu traballo.

“Propoñemos un novo marco de traballo para o estudo da adaptación da pesca ao cambio climático dende unha perspectiva socio-ecolóxica”

ELENA OJEA, directora do grupo Future Oceans Lab

Aínda que a pandemia obrigou a cambiar unha das zonas de estudo e pedir un prórroga dun ano para facer a investigación prevista en Nayarit, “que está sendo un éxito”, o proxecto cumpriu cos obxectivos fixados inicialmente. “Propoñemos un novo marco de traballo para o estudo da adaptación da pesca ao cambio climático dende unha perspectiva socio-ecolóxica”, sinala Elena Ojea, que tamén destaca o impacto acadado polo proxecto na toma de decisións, tanto a nivel nacional, como internacional, como a participación no informe do IPC sobre cambio climático e en iniciativas como o Panel de Alto Nivel para a Economía Sostible dos Océanos.

Boa disposición das institucións galegas e vascas e transferencia de resultados

Dado que o proxecto pretendía desenvolver un marco de traballo conceptual para a adaptación da pesca aos impactos do cambio climático, escolléronse diferentes sistemas de pesca, que permitiran unha perspectiva rexional e global: un sistema artesanal, que é o caso de Galicia e Nayarit e un sistema de pesca industrial, como o dos túnidos tropicais do País Vasco.

“Temos que agradecer a boa dispoñibilidade ofrecida polas institucións galegas e vascas. Cando contactamos con elas sempre se mostraron dispostas a axudar e facilitar o noso traballo na medida do posible. No caso do País Vasco fixemos un libro divulgativo que se lles regalou aos participantes e nos outros dous escenarios fixemos obradoiros presenciais onde Diego Salgueiro, en Galicia, e Xochitl Elías, en México, presentaron aos pescadores os nosos resultados e recolleron o sentir do sector”, detalla a responsable de Future Oceans Lab, que considera esta unha fase especialmente gratificante.

O pasado venres foi celebrada a presentación dos resultados do proxecto Clock evento na Federación Galega de Cofradías, acto no que tamén participaron representantes da Xunta de Galicia. Ademais, o proxecto tamén tranferirá os seus resultados a través dunha proba concepto, na que xa se está a traballar, que permitirá trasladar os resultados científicos á sociedade.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático