Sábado 20 Abril 2024

Dicionario da Galicia histórica, un reino do A ao Z

S de Suevos: adiviñas cal foi o primeiro reino medieval de Europa?

O historiador Pablo C. Díaz sinala que este pobo xermano foi "absolutamente ignorado" despois da conquista dos visigodos no ano 585

Os suevos, un pobo de orixe xermana, cruzaron o Rin no ano 406. Eran considerados bárbaros que estaban comprometendo o futuro do gran imperio romano, cunhas fronteiras xa permeables que auguraban a fin da súa etapa dourada. Os suevos conseguiron entrar na Galia sen dificultade e, de alí, desprazáronse sen apenas obstáculos á provincia romana da Gallaecia. Chegaron no 409 e fundaron o reino suevo, máis coñecido por ser o primeiro reino medieval de Europa. Pero a historia deste pobo xermano, do seu asentamento e do seu poder no que hoxe é Galicia, é unha historia chea de infortunios. O reino cae no ano 585 nas mans dos visigodos, outro pobo xermano que daquela dominaba case toda a península. “A poboación sueva pasou a ser absolutamente ignorada polos novos donos do territorio”, di Pablo C. Díaz, catedrático de Historia Antiga na Universidade de Salamanca (USAL) e un dos maiores estudosos da súa historia.

Miniatura medieval que representa a Martín de Braga con Miro, rei de Galicia. Foto: Wikipedia

No libro El reino suevo, publicado en 2011, o historiador defende precisamente a tese de que a historia deste pobo é, a todas luces, unha historia desafortunada. En primeiro lugar, porque nunca se considerou que esta etapa histórica merecese ser obxecto de estudo. “Simplemente foron ignorados. Cando a alguén se lle conquista, bórrase das listas. Xa non houbo máis suevos, tan só un pequeno recordatorio do reino de Galicia ou de Gallaecia como unha das unidades do reino visigodo, pero nunca lembrándoo como reino suevo”, matiza o investigador da USAL.

Publicidade

O silenciamento histórico deste pobo dificulta o achado de fontes fieis que transmitan con obxectividade o legado dos suevos no Reino de Galicia. A súa historia chega ao século XXI contada sempre dende unha perspectiva allea porque o pobo xermano desapareceu sen ser capaz de escribir a súa propia lenda. “Fronte aos visigodos, os suevos non atoparon a ninguén que escribise unha historia sobre o seu pasado, aínda que fose inventada. Cando os demais falaban deles describíanos como bárbaros, destrutores e inimigos. Non deron o paso a construír unha xenealoxía xustificante”, sostén Díaz. O exemplo máis claro deste silenciamento é a ocultación histórica da figura de Martín de Braga, un bispo que contribuíu enormemente a darlle estrutura ao reino suevo. Despois da conquista visigoda, as fontes dos gañadores nin sequera o nomean, ocultándoo premeditadamente.

“A historia dos suevos é unha historia desafortunada porque non contamos con fontes que nos permitan facer unha reconstrución minimamente detallada da historia sueva”, insiste Díaz. Moita da información que se conserva desta etapa histórica extráese dos testemuños escritos de Idacio, bispo de Chaves, que difunde unha imaxe moi negativa sobre este pobo xermano. “É un agraviado porque os suevos acaban de destruír todo o seu mundo. Acaban coa tranquilidade que el tiña como membro da aristrocracia da Gallaecia”, sinala o catedrático de Historia Antiga. Por iso, as palabras de Idacio sempre sinalan os suevos como herexes que contribuíron á desestruturación da Igrexa. A súa visión mostra o pobo xermano como “responsable de todos os males da Gallaecia”.

Segundo Díaz, a óptica do infortunio tamén se pode mirar dende outras perspectivas. Máis alá de ser os perdedores e da falta de fontes propias que relaten a súa historia, a percepción dos séculos posteriores non constribuíu a manter viva a súa lenda. “Mentres que no mundo da monarquía católica castelá e incluso no mundo catalán se buscou un pasado cos visigodos no que enraizarse, os galegos buscaron preferentemente o ancestral mundo celta“, indica o historiador. Segundo continúa explicando, tan só de forma ocasional unha parte da intelectualidade galega reclamou a historia do reino suevo como unha historia propia e fundacional da identidade de Galicia o que, segundo a óptica de Díaz, tamén prexudicou a lenda sueva.

Que se sabe realmente?

Dilucir a historia do reino suevo non é tarefa sinxela. A única forma de facelo, di o investigador da USAL, é tratando de entresacar o obxectivo do subxectivo, é dicir, desbotar as valoracións e centrarse nos feitos. O que se sabe a ciencia certa é que os suevos construíron un espazo de soberanía cun centro de poder en forma de triángulo. O espazo entre Porto, Tui e Braga era a zona na que máis e mellor se movían e, por extensión, tamén no que hoxe son Ourense e Lugo. Ademais, segundo relata Díaz, os suevos pactaron habitualmente coas aristocracias locais e gañaron contra elas, pero tamén perderon. “En realidade, o que sabemos é pouco. Sempre estamos intentando construír imaxes partindo de elementos negativos, nunca positivos”, lamenta o historiador.

Miniatura medieval do primeiro concilio de Braga que mostra o rei suevo Ariamiro, na dereita, cos bispos Lucrecio, Andrés e Martín de Dumio. Século X. Códex Vigilanus. Foto: Wikipedia

Outra das grandes certezas é que os suevos constituíron o primeiro reino xermano independente de Occidente. Cando se funda aínda existe, polo menos na teoría, o imperio romano. “Pensamos que foi un reino independente porque non hai constancia de que houbese un acordo de asentamento na zona ata cando, probablemente, xa levaban máis de 30 anos no territorio”, indica Díaz. Tamén é curioso que a principal fonte da que se extrae a información, os testemuños escritos do bispo Idacio, fai alusión a un Regnum Suevorum. É dicir, malia que o eclesiástico non lle daba ningún tipo de lexitimidade como reino, dado o agravio persoal que supoñía para a súa posición acomodada na Gallaecia, si que recoñece o reino suevo como unha entidade política independente de Roma.

Por que chegaron a Gallaecia?

O motivo polo que os suevos cruzaron o Rin e seguiron avanzando ata chegar ao noroeste da península ata constituír un reino non é doado de explicar e hai moitos factores que influíron sobre esta etapa histórica. Comparten con outros pobos considerados bárbaros, como os visigodos, a teoría de que a presión dos pobos das estepas de Asia, como os hunos, os mobilizaban cara ao sur de Europa. Tamén existe a tese de que no século V estaba a producirse un arrefriamento do clima, o que motivou o seu desprazamento para buscar zonas máis cálidas nas que vivir. Todas estas hipóteses únense á debilidade progresiva que estaba a sufrir o imperio romano. “Unha vez que entran saquean, eliminan as estruturas administrativas e provocan unha fraxilidade da que os romanos non conseguen recuperarse”, apunta Díaz.

Pese á progresiva perda da dominación romana, o imperio fora capaz de crear un “mundo cultural homoxéneo”. Por iso o catedrático da USAL non cre que os suevos impactaran demasiado sobre a cultura local, dado que tampouco hai constancia de que así o fixeran. “Non viñeron como dominadores culturais, senón buscando un lugar onde asentarse. Queren terras e rendas”, matiza o experto. Cre, ademais, que o continxente de suevos non superaba as 10.000 persoas e que, pese ás reducidas dimensións destas tropas, fixéronse rapidamente co dominio do territorio porque a poboación local non estaba armada. “Un pequeno continxente de homes armados domina un gran continxente de homes desarmados”, lembra Díaz. Aínda que ao principio a poboación local se sentía agraviada, como así deixou constancia Idacio, pronto comezan a facerse pactos cos suevos. “Non hai que presentar a imaxe tan catastrófica que dá Idacio. Os suevos chegan e, para comer, rouban. Nalgún caso matarían pero enseguida a poboación local aprende a defenderse e a negociar con eles en pouco tempo”, indica.

Malia á súa progresiva implantación no territorio, caen a mans dos visigodos no ano 585, dando por finalizado o primeiro reino medieval de Europa. Segundo Díaz, houbo moitos factores que contribuíron ao enfrontamento dos dous pobos xermanos. O primeiro deles, que os suevos mantiñan relacións diplomáticas co mundo bizantino, o gran inimigo dos visigodos no sur da península. En segundo lugar, os suevos apoiaron a rebelión de Hermenegildo, o fillo de Leovigildo que se sublevou contra o seu pai. “O rei suevo Miro dirixiu as súas tropas para apoiar o rebelde e iso sentenciou a fortuna dos suevos”, di Díaz. Con todo, a fin do reino suevo non foi cruenta, senón todo o contrario. “A presión foi tal que os suevos claudicaron e chegaron a un pacto de rendición onde eles conservaban a súa aristrocracia. Foi unha absorción pacífica”, remata Díaz. En definitiva, un final silencioso para unha historia silenciada.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os excepcionais tecidos do castelo de Pambre: así vestían os galegos na Idade Media

A arqueóloga María Martín Seijo publica un novo estudo onde analiza a vida dunha tea desde a súa creación ata o seu abandono final

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII
00:04:21

N de Nutrición: os galegos do medievo xa comían filloas e polbo (pero non á feira)

A dieta do pobo estaba restrinxida a papas, potaxes e sopas, coas castañas como principal fonte de hidratos de carbono máis alá do pan
00:03:43

G de Galegas: mulleres con poder no Reino de Galicia

É un mito a falta de documentación sobre o seu papel na Idade Media, foi a falta de consideración dos investigadores ao longo da historia o que provocou que o seu legado non se investigase