Xoves 18 Abril 2024

Rubén Nogueiras: “Faremos cousas que serían imposibles sen este financiamento”

Non é habitual que en Galicia ou España un científico poida traballar coa tranquilidade suficiente para desenvolver proxectos ambiciosos. Investigacións innovadoras, nas fronteiras do que a ciencia puido descubrir ata agora, que requiren moito investimento pero que poden ofrecer á sociedade un retorno que marque un antes e un despois. A axuda Sinergy Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) de 10 millóns de euros recibida polo grupo do CiMUS de Santiago que dirixe o investigador Rubén Nogueiras Pozo (Vigo, 1977) permitiralle traballar durante seis anos xunto a científicos de referencia mundial de Francia e Alemaña.

O proxecto WATCH (Well-Aging and the Tanycytic Control of Health) estudará os tanicitos, unhas células do sistema nervioso das que aínda se sabe bastante pouco, e que poderían ter un papel chave na relación entre dous dos problemas máis importantes para a saúde pública no século XXI: a obesidade e as doenzas neurodexenerativas, como o Alzheimer.

Publicidade

– En que pensa un científico cando recibe este respaldo?

“A Sinergy Grant vai darnos moita visibilidade internacional, e iso vainos enriquecer moito”

– Sentes alegría e acougo. É unha satisfacción enorme, porque poderemos facer cousas que tiñamos na mente, pero que na realidade parecían imposibles de facer sen un financiamento desta envergadura, polos recursos que supoñen, e que non tiñamos. Sempre andamos axustando orzamentos, prazos e proxectos, e isto é un cambio total.

Unha das premisas das Sinergy Grant é o high risk, high gain (alto risco, alta ganancia). O investimento que require un proxecto como Watch é grande, pero o retorno que isto pode ter é igualmente grande, porque son investigacións de fronteira, en campos case descoñecidos.

– Que vai significar WATCH para o CiMUS e para a Universidade de Santiago?

– O escenario vai mudar totalmente. A Sinergy Grant fará que teñamos moita máis visibilidade internacional; coñecerannos fóra, virá xente ata Santiago para ampliar e compartir coñecementos, e iso vainos enriquecer moito.

“Esperamos que algúns estudantes da USC poidan comezar a súa carreira investigadora no CiMUS”

E por outra banda, temos que ser honestos con nós mesmos. Somos unha cidade pequena, nun recuncho da Península, cun clima non moi bondadoso, e o Sinergy Grant vainos facer máis atractivos para que investigadores estranxeiros altamente competitivos veñan traballar aquí. Recibir este impulso vai axudar a superar estes obstáculos.

Ao ser un proxecto grande e ambicioso, imos precisar investigadores tanto na etapa predoutoral como posdoutoral. Está previsto que entre os tres grupos que participamos neste proxecto se contrate a máis dunha decena de científicos. Polo tanto, esperamos que algúns estudantes da USC poidan comezar a súa carrera investigadora no CIMUS.

– Que innovacións propón o proxecto Watch?

– Imos estudar unhas células, chamadas tanicitos, que lles proporcionan ás neuronas todo o que precisan e participan tamén no transporte de substancias entre o cerebro e o resto do órganos. Este transporte é fundamental para manter un equilibrio interno, e inflúe, entre outras cousas, no peso corporal.

“Queremos saber se os cambios nos tanicitos e no peso corporal gardan relación co Alzheimer”

E o que propoñemos nós é que as modificacións no movemento destas subtancias a través dos tanicitos poderían modificar tamén o peso corporal. E queremos saber se, tal e como apuntan algúns estudos anatómicos, os mecanismos que ocorren dentron dos tanicitos e, por tanto, as variacións no peso corporal -como a obesidade- gardan relación coa aparición do Alzheimer e outras enfermidades neurodexenerativas.

– Por que se estudaron tan pouco os tanicitos?

– É algo curioso. Caracterizáronse anatómicamente, pero sábese moi pouco das súas funcións. Quizais é porque son moito menos numerosos que as neuronas; hai só uns miles, fronte a millóns de neuronas. Ademais, hai tantas neuronas distintas que debuxan un escenario moi complexo do sistema nervioso; isto require moito esforzo investigador que apartou un pouco do foco aos tanicitos.

Con todo, os equipos cos que traballo (dirixidos Vincent Prévot, de Lille, en Francia; e Markus Schwaninger, de Lübeck, Alemaña) son dos maiores expertos mundiais no estudo dos tanicitos, así que imos aprender moito neste proxecto.

– Que se sabe agora?

– As únicas pistas que temos son datos anatómicos. Ao estudar as células e o tecido cerebral de persoas con idade avanzada que padecían enfermidades neurodexenerativas, viuse que os tanicitos teñen unha anatomía distinta da habitual. E o mesmo sucede en ratos de idade avanzada.

– E de que se vai encargar o CiMUS no proxecto?

– Desde Santiago imos estudar como os tanicitos inflúen no resto de órganos e tecidos do corpo, ver que sinais producen e como é esa relación en función delas, tendo especialmente en conta a influencia no peso corporal.

Desde Santiago imos estudar como os tanicitos inflúen no resto de órganos e tecidos do corpo, e ver que sinais producen; así como coñecer a forma en que algunhas hormonas liberadas por outros órganos precisan dos tanicitos para realizar as suas funcións. En definitiva, estudaremos  como é a relación entre os tanicitos e o resto do corpo, tendo especialmente en conta a influencia no peso corporal e no envellecemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático