Sábado 20 Abril 2024

Os nomes e as voces da represión franquista en Galicia, 81 anos despois

Un día coma hoxe, hai 81 anos, unha parte do exército español sublevouse contra o goberno da República. O golpe de Estado trouxo consigo tres anos dunha terrible Guerra Civil e outros 36 anos de ditadura franquista, con centos de miles de persoas asasinadas, encarceradas e exiliadas. Hoxe, en 2017, moitas familias aínda non poden saber onde están enterrados os seus familiares. En Galicia apenas houbo guerra, xa que o bando sublevado impúxose en poucos días. Mais o odio non se freou, e comezou un exterminio que nos seguintes anos acabou coa vida de polo menos 5.000 persoas, segundo os datos oficiais, aínda que é posible que as cifras reais sexan sensiblemente maiores.

Nos meses seguintes, alén das vítimas máis ou menos anónimas, foron asasinados decenas de políticos e cidadáns notables afectos á Segunda República. Entre eles, os rexedores de catro das sete principais cidades: Alfredo Suárez Ferrín (A Coruña), Ánxel Casal (Santiago de Compostela), Manuel Suárez Castro (Ourense) e Emilio Martínez Garrido (Vigo). E tamén foi executado Xaime Quintanilla, alcalde de Ferrol entre 1931 e 1934 e concelleiro no momento no que se produciu o golpe de Estado. Tamén foron asasinados salientables intelectuais do Partido Galeguista como Alexandre Bóveda, Camilo Díaz Baliño (pai de Isaac Díaz Pardo), ou Xohán Carballeira, naquel momento alcalde de Bueu.

Publicidade

O proxecto “Nomes e Voces” desapareceu en 2013 pola falta de axudas

A pesar do franquismo e do afán por pasar páxina, a memoria das vítimas persistiu en Galicia, como no resto do Estado, grazas á investigación de decenas de cronistas locais afanados en non esquecer, e ao labor das universidades. Así, en 2006 naceu Nomes e Voces, un proxecto das tres universidades galegas coordinado polo catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto e no que colaboraban entidades como a Xunta de Galicia, a Unión Europea e as Deputacións da Coruña e Lugo. Unha gran base de datos, mapas, informes e recursos educativos que compilaba as causas abertas contra cidadáns galegos a partir do golpe do 18 de xullo de 1936.

Porén, en 2013, os responsables de Nomes e Voces anunciaron a súa desaparición debido á falta de apoios. Segundo contaba El País en 2012, a Xunta recortara en 2010 o 90% da financiación ao proxecto. Con todo, a pesar de non ter actividade, é posible seguir consultando a base de datos e outra valiosa información.

Pola súa banda, a Deputación da Coruña impulsou neste 2017 o proxecto Xeración Perdida, no que se compila a historia das corporacións locais republicanas que se enfrontaron ao golpe militar. Un total de 300 nomes compilados polo grupo Hispona, da USC, dos que máis de 60 foron asasinados.

Nestas ligazóns podes consultar os proxectos:

Nomes e Voces

Puntos de Galicia onde se rexistraron mortes. Fonte: Nomes e Voces.
Puntos de Galicia onde se rexistraron mortes. Fonte: Nomes e Voces.

 

Xeración perdida

Concelleiros e alcaldes asasinados tras o golpe de 1936 nos concellos da provincia da Coruña. Fonte: Deputación da Coruña.
Concelleiros e alcaldes asasinados tras o golpe de 1936 nos concellos da provincia da Coruña. Fonte: Deputación da Coruña.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204