Xoves 28 Marzo 2024

O Reloxo da Apocalipse, a só 100 segundos da medianoite

O Boletín de Científicos Atómicos sitúa a conta atrás "máis cerca ca nunca" da hora que marca a proximidade dunha catástrofe mundial

Nunca, nin tan sequera durante as principais crises nucleares da Guerra Fría, o Reloxo da Apocalipse estivo tan preto da medianoite, que viría a marcar unha catástrofe de dimensións mundiais que podería destruír a Humanidade. Pero agora mesmo estamos a só 100 segundos de que ese momento teña lugar, se facemos caso do que anunciou este xoves o Boletín de Científicos Atómicos, a entidade que desde 1947 actualiza cada ano este simbólico reloxo para dar conta dos perigos aos que se enfronta a especie humana.

A decisión é novidosa porque por primeira vez precisa a nivel de segundos a ameaza. Ata agora, o máis próximo que estivo o reloxo á medianoite foron os dous minutos, o que vén sendo 120 segundos. Esa distancia inspirou a Iron Maiden para sacar a súa célebre canción Two minutes to midnight en 1984. Se daquela a cousa pintaba mal, agora parece que está peor, segundo advirten desde o consello de patrocinadores do Boletín, que inclúe a 13 premios Nobel. No seu momento, tomaron parte nel persoeiros como Albert Einstein, Bertrand Russell, Linus Pauling ou Robert Oppenheimer, o ‘pai’ do Proxecto Manhattan.

Publicidade

A declaración dos científicos argumenta que “a humanidade continúa enfrentando dous perigos existenciais simultáneos, a guerra nuclear e o cambio climático (incluído como factor desde 2007), agravados por unha ameaza multiplicada, como é a guerra cibernética, que socava a capacidade da sociedade para responder”. Engaden que “a situación de seguridade internacional é grave, non só por estas ameazas, senón porque os líderes mundiais permitiron que a infraestrutura política internacional para xestionalos se vexa erosionada”.

A proximidade do Reloxo da Apocalipse á medianoite acadou nos últimos catro anos un dos seus mínimos históricos, moi lonxe dos 17 minutos de 1991, cando o acordo de desarmamento entre a URSS e os Estados Unidos fixo esvaecer o risco dun conflito nuclear a gran escala.

En declaracións aos medios, Rachel Bronson, presidenta e directora executiva do Boletín, expuxo. “Agora enfrontámonos a unha verdadeira emerxencia, un estado dos asuntos mundiais absolutamente inaceptable que eliminou calquera marxe de erro ou demora”.

Por primeira vez, os membros do Boletín están aconsellados por expertos en política internacional, reunidos no grupo The Elders, fundado por Nelson Mandela en 2007 e que agora conta con representantes como Mary Robinson, expresidenta de Irlanda, e Ban-Ki-moon, exsecretario xeral da ONU. Ambos insistiron nos riscos actuais para o futuro da Humanidade.

Entre os factores que se tiveron en conta para adiantar aínda máis o reloxo, exponse o novo pulo da carreira das armas nucleares, cos conflitos de Estados Unidos con países como Irán e Corea do Norte e a falta de cooperación entre o país norteamericano e Rusia. Tamén se salienta a crecente ameaza do cambio climático, na que se critica que a “acción gobernamental está aínda moi lonxe de cumprir o desafío”, e a desinformación cibernética, unha ferramenta que está “sementando a desconfianza nas institucións e entre as nacións”.

Con todo, non faltan voces críticas fronte ao suposto alarmismo esaxerado dos impulsores do Reloxo do Apocalipse. Un antigo membro do consello do Boletín, o físico Lawrence Krauss, expuxo nun artigo no Wall Street Journal titulado “É o momento de parar o Reloxo da Apocalipse” que a actual concepción do reloxo é “acientífica”, toda vez que “os factores que establecen o seu movemento están agora dominados máis por cuestións políticas ca científicas”, advertindo de que o Reloxo podía ser máis acaído no contexto de tensión da Guerra Fría, mais non na actualidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Quedan 2 minutos para a apocalipse, di o reloxo da fin do mundo

O xa famoso Boletín de Científicos Atómicos sitúa á especie humana máis preto que nunca da súa extinción

Sitúan o Reloxo da Apocalipse máis preto ca nunca da ‘fin do mundo’

Un comité formado por científicos, entre os que están 15 premios Nobel, adianta o reloxo que marca o perigo de destrución do planeta