Xoves 28 Marzo 2024

Os reitores esixen que non se use a universidade como “arma arreboladiza” na política

A Asemblea Xeral de CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) reuniuse este luns despois das últimas polémicas xurdidas na actualidade política e na opinión pública respecto das titulacións dalgúns dos principais líderes dos partidos españois. Neste encontro, CRUE aprobou un comunicado, subscrito tamén polos reitores da USC, a UVigo e a UDC, no que se esixe aos responsables políticos “que se ocupen das necesidades urxentes das universidades”, entre elas un maior financiamento e un pacto por unha nova Lei de Universidades.

As polémicas poñen ” irresponsablemente en perigo o prestixio” das universidades, din os reitores

O texto fai referencia directa ás noticias das últimas semanas, e nel rexéitase “rotundamente que se utilice a Universidade como arma arreboladiza na contenda política, elevando a categoría xeral casos particulares, sen dúbida absolutamente lamentables, condenables e que deben corrixirse con contundencia”.

Publicidade

Afondan os reitores que, “con isto, ponse irresponsablemente en perigo o prestixio das nosas universidades, que tanto nos costou acadar”. O mesmo documento conclúe que “unha sociedade que non confía nas súas universidades non ten futuro.

Este é o comunicado completo:

Nos últimos corenta anos, a Universidade foi un dos principais motores do crecemento económico, do desenvolvemento social e do progreso cultural de España. Sen ningún xénero de dúbida, os millóns de persoas que pasaron pola Universidade foron un dos colectivos máis importantes na profunda transformación que o noso país tivo e que veu a situalo definitivamente no noso desexado destino europeo.

Por este motivo, os reitores e reitoras, en nome da comunidade universitaria, senten plenamente lexitimados para manifestar ante a cidadanía e a opinión pública as seguintes consideracións:

1. O noso país ten en isto s momentos o mellor sistema universitario de toda a súa Historia e está situado entre os máis equitativos do mundo, sen por iso renunciar á excelencia académica que aumentou en gran medida nos últimos anos.

2. Lembramos que, nestes anos de crise profunda e de recortes, os universitarios fomos solidarios co esforzo que se nos pedía e xestionamos a Universidade con gran diminución nos nosos recursos financeiros e humanos. E, a pesar diso, e tamén grazas á achega económica extraordinaria dos estudantes e das súas familias, aumentamos a calidade do sistema aplicando os principios de Bolonia con menos recursos que outros países e aínda menos dos que tiñamos cando empezou a implantarse. Así mesmo, contribuímos decisivamente a situar o noso sistema de ciencia e tecnoloxía entre os dez primeiros do mundo.

3. As universidades cumprimos con todos aqueles requisitos que nos solicita o Estado respecto das nosas titulacións, a pesar de que algúns deles constitúen unha innecesaria burocracia que implica a unha gran parte do Profesorado e do Persoal de Administración e Servizos, impedindo unha xestión máis áxil. Seguiremos sempre mellorando os nosos procedementos internos para garantir a calidade da nosa actividade académica.

4. Rexeitamos rotundamente que se utilice á Universidade como arma arreboladiza na contenda política, elevando a categoría xeral casos particulares, sen dúbida absolutamente lamentables, condenables e que deben corrixirse con contundencia. Con iso, ponse irresponsablemente en perigo o prestixio das nosas universidades, que tanto nos custou conseguir.

As universidades teñen unha misión fundamental na sociedade do coñecemento. Por iso, esiximos aos responsables políticos que se ocupen das necesidades urxentes que teñen as nosas universidades, que acheguen máis recursos e que se poñan de acordo mediante un Pacto de Estado nunha nova Lei de Universidades. Unha Lei que sirva para que leven a cabo as melloras que todos os universitarios reivindicamos, de maneira prioritaria, para seguir ao servizo do benestar da cidadanía. Unha sociedade que non confía nas súas universidades non ten futuro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo liderado pola UDC sinala que o 22% das mulleres políticas sofre acoso sexual nas redes sociais

As participantes denuncian o enfoque persoal dos ataques, como as críticas ao aspecto físico, á vestimenta e incluso ás preferencias sexuais

Daríalle vostede un escano no Parlamento a unha intelixencia artificial?

Un 30% das 90 persoas que participaron nunha mesa redonda e posteriormente nunha enquisa votaron a favor desta proposta

Os retos do coñecemento

Artigo do reitor da Universidade de Vigo con motivo do décimo aniversario de Gciencia

Estas son as propostas de ciencia e investigación para as eleccións autonómicas do 12X

Análise do programa en materia cientifica, carreira investigadora e desenvolvemento e innovación dos principais partidos políticos