Xoves 28 Marzo 2024

Ramón Verea, o galego que inventou a máquina multiplicadora

A calculadora de Verea é un orgullo dos Estados Unidos. A súa máquina multiplicadora consérvase como unha xoia na compañía IBM en Nova York. E está exposta no Museo Nacional da Historia de América, que rexenta o prestixioso Instituto Smithsonian. Porque o galego Ramón Verea figura na historia mundial da computación, como o primeiro que foi quen de crear un trebello que multiplicaba directamente, sen necesidade de facer sumas sucesivas dándolle voltas a un manubrio.

A multiplicadora de Verea.

A máquina de Verea, que patentou en 1878, non é pouca cousa: pesaba 23 quilos e podía multiplicar e dividir números de nove cifras, admitindo ata seis díxitos no multiplicador e quince no produto. Din as crónicas que o trebello podía resolver 698.543.721 × 807.689 en vinte segundos, unha velocidade sorprendente para a súa época.

Publicidade

Malia a súa celebridade posterior, Verea non gañou co seu invento nin un céntimo nin un centavo; nin unha peseta nin un dólar. Porque, como el mesmo declaraba, ideou a máquina simplemente para demostrar que podía facelo. Que “un español podía inventar como un norteamericano”. Que un home da parroquia de Curantes, no concello da Estrada, era quen de situarse na vangarda mundial da computación.

Porque o galego Ramón Silvestre Verea Aguiar y García foi todo un personaxe. Naceu na Estrada (Pontevedra) o 11 de decembro de 1833 e finou en Bos Aires o 6 de febreiro de 1899. E a súa vida foi unha sucesión de empresas no xornalismo, a literatura e a enxeñaría.

A máquina de Verea podía multiplicar números de nove cifras en vinte segundos

O noso inventor aproveitou a súa modesta educación, coas primeiras clases na aldea a cargo dun tío crego. En 1847, trasladouse a Santiago de Compostela, onde ingresou na Facultade de Filosofía e Letras, na que foi un mal alumno, que suspendeu case todas as materias. Máis tarde, probou no seminario, que tamén abandonou, con 20 anos. E, finalmente, emigrou a Cuba, buscando unha oportunidade como mestre.

En Cuba escribiu dúas novelas (La cruz de piedra e Una mujer con dos maridos) e dirixiu o xornal El Progreso. Finalmente, en 1865, trasladaríase a Nova York, onde anos despois inventaría a súa máquina de multiplicar, que patentou o 10 de setembro de 1878.

“A máquina de Verea foi unha das primeiras que podían multiplicar un número por un díxito directamente”, destaca hoxe o Instituto Smithsonian sobre o invento, que describe o seu enxeñoso sistema de prismas e cilindros. O modelo que conservan formaba parte da colección dos Museos das Artes Pacíficas na cidade de Nova York. Cando aquel museo pechou, foi doado ao Smithsonian Institute.

Gráfico da calculadora de Verea.

O investigador Henrique Neira, na súa ‘Historia da Informática en Galicia’, destaca o invento o Verea pola novidade de que multiplica directamente, algo que se adiantou máis de vinte anos á tecnoloxía existente na súa época.

Pero o creador estradense non saca partido da súa patente. Tras rexistrar o seu invento, dedícase ao xornalismo e a difundir as súas ideas de librepensador. En 1880, adquire a imprenta El Polígloto e, en 1884, funda El Progreso, publicación primeiro mensual e despois quincenal, que tiña por obxectivo divulgar os adiantos técnicos que se producían no mundo nun momento en que Europa e América están fascinados coas novas tecnoloxías do tránsito entre o vapor e a electricidade.

Verea viviu logo en Guatemala, exiliado por enfrontarse á política colonialista dos Estados Unidos. E dende alí pasa a Bos Aires en 1897, onde reeditou El Progreso… pero dous anos máis tarde morrería empobrecido na capital arxentina, onde está enterrado.

A máquina de Ramón Verea pervive como a súa grande achega á historia da tecnoloxía. Consérvase nos depósitos da sede central de IBM, en White Plains, en Nova York. E tamén está exposta como unha alfaia no Instituto Smithsonian. Non está mal para un modesto mozo da Estrada que soñou que podía competir cos grandes inventores do mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un oficio en perigo de extinción: “O 50% dos campaneiros manuais está en Galicia”

En maio celebrarase na Estrada o Primeiro Congreso de Toque Manual de Campás tras a súa declaración como Patrimonio Inmaterial da Unesco

Google vs IBM: ‘guerra’ pola supremacía cuántica

Científicos do xigante de Internet publican en "Nature" un artigo no que anuncian un importante avance, pero IBM amosa dúbidas ao respecto

Así funciona este truco matemático para calcular porcentaxes

O matemático Ben Stephens xera milleiros de reaccións en Twitter con este sinxelo procedemento para facer cálculos doados

Arredor de 10 incendios activos en Galicia

A maioría deles producíronse na provincia de Ourense, mentres que outro lume obrigou a cortar a estrada EP-7001 entre A Estrada e Forcarei