Xoves 28 Marzo 2024

As históricas fotos de Vigo de Rainiero Fernández, o cazador de imaxes

O Museo do Mar propón un achegamento á obra do fotógrafo vigués desde unha óptica actual coa exposición “Rainiero Fernández. O Arquivo”

Malia ser só un afeccionado, Rainiero Fernández (1909-1999) ocupa un lugar relevante na historia da fotografía do seu Vigo natal e de Galicia. Con vocación de “cazador” de instantáneas, metódico e cunha mirada propia sobre o territorio, a súa obra abarca unha ampla e variada temática que vai desde o día a día do porto do Berbés a fitos da cidade olívica como a inauguración do aeroporto; da dureza da vida rural á emigración; do sosegado costumismo a un pormenorizado catálogo de hórreos, cruceiros ou ourivaría relixiosa. Non é un documentalista aínda que a súa obra ten un gran valor testemuñal.

Exemplos desta poliédrica produción pódense ver na exposición Rainiero Fernández. O Arquivo que acolle o Museo do Mar de Vigo ata principios de xullo. Comisariada por Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón, directores do Centro de Estudos Fotográficos de Vigo (Cefvigo), persegue o achegamento á obra de Rainiero Fernández desde unha óptica actual mais contextualizándoa na súa época. 

Publicidade

Emigración. Foto: Rainiero Fernández

Para acadar este obxectivo a mostra conxuga unha selección de imaxes e documentos persoais de Rainiero cunha sección de obras de fotógrafos coetáneos como Ferrol, Losada, Rueda, Schmidt das Heras, Veiga Roel, Zamora e Terré.

“Rainiero sae á rúa para cazar imaxes, compón moi ben a foto, é moi equilibrado, incorpora á xente sen molestar”

XOSÉ LUÍS SUÁREZ CANAL, comisario da exposición

Falar de Rainiero Fernández é falar da Agrupación Fotográfica Galega de Vigo, da que foi presidente durante a década 1954-1964, o período de maior actividade. Son estas asociacións as que canalizaban a afección á fotografía, promovían debates, concursos e salóns e editaban boletíns especializados. A de Vigo era a máis dinámica de Galicia nese tempo.

A paixón pola imaxe lévalle tamén a impulsar, en 1962, o Banco de Celuloide ou Cinemateca xerme do futuro Cinema-Club de Vigo que presidiu ata o ano 1977.

Hórreo. Foto: Rainiero Fernández

O estilo de Rainiero é un “realismo poético” que o irmanda con fotógrafos como Cartier-Bresson ou Robert Doisneau. O comisario Suárez Canal explica o seu modo de traballar: “Sae á rúa para cazar imaxes —o propio Rainiero define o porto de Vigo como un “coto de caza fotográfico excepcional”—; compón moi ben a foto, tanto no encadre como despois no laboratorio, é moi equilibrado, incorpora á xente sen molestar, polo que case sempre saen de costas. Fai fotos de actividades cotiás, ou dun mesmo lugar un día e outro, e outro…”.

Ademais é moi metódico. Sempre leva un caderno no que anota de cada instantánea: lugar, data, datos técnicos (abertura do diafragma, revelador, etc). Unha pulsión organizativa e de arquivo que traslada aos negativos e ás copias de estudo. 

Rigor arquivístico

A perspectiva de arquivo reflíctese dun xeito especial nas series que fixo dos hórreos e cruceiros de Galicia, un extenso traballo que lle levou a percorrer todo o territorio. No caso dos cruceiros coa intención declarada por Rainiero Fernández de replicar en fotografía os debuxos de As cruces de pedra na Galiza de Castelao. A exposición condensa estas series en senllos polípticos de 60 hórreos e 42 cruceiros “que dan idea do seu rigor arquivístico”.

Porto de Vigo. Foto: Rainiero Fernández.

“É esta idea moi moderna de arquivo un dos fíos condutores da exposición, o outro é o debate entre unha fotografía clásica, propia das agrupacións e concursos da época e as novas propostas fotográficas representadas por Ricard Terré”, explica Xosé Luís Suárez Canal. 

Tarré explicaba, anos máis tarde, que en Galicia houbo a mediados do século XX fotógrafos que realizaron unha fotografía diferente á doutras agrupacións, “menos pomposa e menos académica”. Un grupo no que estaba Rainiero Fernández.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así varía a posición do Sol ao longo dun ano

As fotografías de David Couce permiten observar como o astro muda o lugar polo que se oculta en función do mes no que observemos o atardecer

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...

O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece visitas virtuais dos seus fondos mariños

A exposición 'O mar en 360º' ten como obxectivo mergullar os visitantes nunha experiencia única para descubrir a súa fauna e flora

Que montes ves dende a túa casa? Unha aplicación cóntacho cunha panorámica

O simulador online permite obter os nomes e ubicación das montañas do horizonte dende calquera punto do planeta