Xoves 25 Abril 2024

Rafael Quintía, antropólogo: “O Entroido é o ritual máis importante da cultura galega”

A orixe da festividade é obxecto de debate e hai expertos que a vinculan con ritos ancestrais de rexeneración da terra e de fertilidade

Peliqueiros, cigarróns, mázcaras, boteiros, folións, madamas e galáns… Levántase o pano do Entroido en Galicia, unha festa na que a transgresión, a parodia, a troula e as falcatruadas son as protagonistas. Porén, é moito máis ca un encontro festivo: é cultura, patrimonio, identidade e pertenza. En palabras do antropólogo e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Rafael Quintía, celebramos “o ritual máis importante da cultura galega, cunha orixe que, aínda hoxe en día, é obxecto de debate.

Dúas grandes teorías explican o nacemento dunha festa que subverte os roles de xénero e a orde establecida. Está a tese (en retroceso) que apunta a que o Entroido xorde desde o propio cristianismo como “un tempo de licenza antes dos rigores da Coresma” e que referendan antropólogos como Xosé Ramón Mariño da Universidade de Santiago (USC). E hai a teoría que vencella o Entroido ás “mascaradas de invernía”, ritos ancestrais de rexeneración da terra, de fertilidade, etc.

Publicidade

“Para min o Entroido é a última mascarada do ciclo invernal”, subliña Quintía, quen desliga a festa do cristianismo e lembra a existencia de rituais idénticos en toda Europa: en Defuntos, arredor do solsticio de inverno, na proximidade da primavera. Un amplo calendario do que Galicia non queda á marxe: por exemplo, os folións (Manzaneda) saen o 13 de decembro e polo San Antón sae o cigarrón (Verín).

“Para min o Entroido é a última mascarada do ciclo invernal”

RAFAEL QUINTÍA, antropólogo e presidente de SAGA

Como explica o portavoz de SAGA, existen escritos da propia Igrexa —como un texto do século VII de San Isidoro— que critican e sancionan unha festa na que os homes se visten de mulleres; as mulleres de homes, que enxalza a troula e que non respecta a orde natural das cousas. Ademais, engade, as mascaradas existen en territorios non romanizados ou nos que o cristianismo non penetrou ata o século XII e máis alá como Escandinavia, Eslovenia, Bulgaria, Irak ou norte de África (Atlas).

O Entroido “é un feito social total”, subliña tamén o antropólogo Rafael Quintía. Por unha banda, ten connotacións xurídicas: “Hai unha nova normalidade: personaxes que poden traspasar límites de xénero, de propiedades, sociais”; e connotacións económicas: “Ritos de recadación (redistribución), banquetes veciñais (reparto de bens)…”. Por outra, pode ter unha lectura sagrada: “Hai unha pugna entre míticas subxacentes que chocan co cristianismo” e unha compoñente de liberación de tensións veciñais e cohesión social, nos momentos máis lúdicos e paródicos.

Festa moi popular

Ninguén dubida de que o Entroido é unha das festas máis populares e celebradas en Galicia, e recoñecidas dentro e fóra do país. O foco alumeará un ano máis e de xeito especia, á provincia de Ourense onde “gozan de moi boa saúde” as pantallas de Xinzo de Limia, os cigarróns de Verín e os peliqueiros de Laza; e tamén os boteiros de Viana do Bolo e Vilariño de Conso ou as mázcaras de Manzaneda.

Mais non só en Ourense podemos atopar entroidos con personaxes senlleiros, tamén na provincia de Pontevedra destacan figuras con identidade propia como as Madamas e Galáns de San Adriá e Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) e dacabalo das provincias da Coruña e Pontevedra (desde Santiago a Vila de Cruces), os Xenerais da Ulla.

A pervivencia do Entroido máis tradicional en Ourense ten que ver co seu carácter rural e “afastamento” da autoridade ao longo do tempo. A temperá “des-ruralización” da Galicia costeira botou a perder gran parte das tradicións vencelladas á terra e á natureza. Por contra co paso dos anos foron collendo pulo celebracións máis urbanas, que deixan de lado ritos tradicionais pero manteñen o carácter lúdico e de sátira. “Os desfiles, que poderían evocar o ir correr, non son participativos, son unha perfomance”, apunta Quintía. En calquera caso, conclúe este antropólogo, non hai que esquecer que o Entroido é cultura, e a cultura está viva e evoluciona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea