Sábado 20 Abril 2024

Procesionaria: a eiruga que pode matar teu can

A comezos de ano aparece por Galicia a procesionaria (Thaumetopoea pityocampa), un insecto que recibe este nome pola peculiar forma de desprazarse que teñen os seus individuos cando abandonan as árbores despois da fase larvaria e se dirixen baixo terra para formar o seu casulo na etapa de crisálide. En fila de un, as eirugas forman ringleiras que ás veces chaman a atención dos humanos e outros animais.

Unha curiosidade que, ás veces, pode resultar perigosa. Alén dos danos que causa nos piñeiros e nos cedros, a procesionaria pode ser letal para os cans e daniña para os máis cativos. A razón está nos seus pelos urticantes, que poden desprenderse e aboiar no aire, e que posúen unha toxina chamada thaumatopina. En contacto coa pel pode provocar reaccións alérxicas e irritacións nas mucosas que, nos casos graves, chegan ás naúseas, a visión borrosa e a dificultade para respirar. Nas persoas máis sensibles, chegan a causar reaccións anafilácticas que poden ser graves. Nos cans, ao estar máis próximos ao chan, non é preciso sequera que entren en contacto directo co insecto, debido á que procesionaria pode liberar os seus pelos urticantes en caso de se ver ameazada.

Publicidade

Así, se as mascotas amosan síntomas como salivación excesiva, inquedanza, inflamación da lingua, a cara ou os ollos, ou vómitos, cómpre actuar e levar ao animal a un veterinario. Se a lesión avanza, pode producirse unha necrose na lingua ou algunha hemorraxia interna que acabe causando a morte.

Parasito de piñeiros e cedros

Non en tanto, durante a súa fase de larva, a procesionaria tamén causa serios problemas nos piñeiros e os cedros. Aliméntanse das acículas – o nome que reciben as follas en forma de agulla dos piñeiros – e chuchan a resina das árbores, debilitando moitos destes exemplares. A súa presenza é notoria debido aos seus niños, semellantes a tea de araña. Unha vez chuchada á árbore, van na busca dunha nova vítima.

A praga da procesionaria preocupa estes días en varias zonas de Galicia. Varios piñeirais de Ares, Cabanas, A Coruña ou Vigo aparecen xa con numerosos casulos e no seu entorno víronse ringleiras de procesionaria.

O ano pasado, tamén en Vigo, os técnicos retiraran nun mes, só na zona do Castro, máis de 200 niños. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu naquel tempo un aviso para alertar da elevada actividade da procesionaria nos piñeiros da provincia.

O seu ciclo dá comezo cada verán, cando os adultos poñen os ovos nas follas do piñeiro. Ao ir medrando, á altura do inverno, xa son visibles os niños nas ponlas das árbores afectadas pola praga.

2 COMENTÁRIOS

  1. “Carroceiro” ou “arrieiro” som também nomes comúns em Galiza para o termo espanhol “procesionaria”.

  2. Só comentar unha cousa, polo menos na zona de Morrazo, se coñecen como rapacús, o de procesionaria oinno por primera vez en Madrid. Unha aperta

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atracción fatal ou confusión? Este é o verdadeiro motivo polo que os insectos voan arredor das bombillas

Estes animais non se dirixen ao foco luminoso, senón que se inclinan cara a el, desvíanse e modifican de forma errática a súa traxectoria

O can de palleiro: a raza galega que busca ser excepción na Lei de Benestar Animal

A normativa prohíbe a cría a particulares, o que exclúe ás asociacións que traballan sin ánimo de lucro para dar continuidade ás especies autóctonas

A chegada do mosquito tigre a Galicia, unha visita que a comunidade científica esperaba

O aumento das temperaturas favorece a proliferación deste tipo de especies que pode criar nas contornas das casas
00:01:01

A dramática escena dunha nai delfín que nada xunto a súa cría morta na ría de Vigo

O pequeno arroaz apareceu posteriormente varado na enseada de Cangas e foi retirado para a realización dunha necropsia