Venres 19 Abril 2024

Prestige: a memoria da catástrofe

Ler máis: Prestige e a ciencia, 17 anos despois

– Que foi o que provocou o accidente do Prestige?

A morte negra: máis de 100.000 aves atrapadas no chapapote 

A ciencia galega durante o ‘Prestige’, “marxinada, relegada e censurada”

– A saúde esquecida dos voluntarios: risco de cancro e danos respiratorios persistentes

Antonio Figueras: “Pedinlles, por favor, que deixaran de pasear o barco”

– O pecio no fondo do mar: dos ´fíos de plastilina’ á ‘estabilidade’, por agora

O 13 de novembro de 2002, a primeira hora da tarde, o capitán do petroleiro Prestige, Apostolos Mangouras, facía unha chamada de auxilio debido a unha fenda no deteriorado casco do buque, polo que comezaba a saír fuel en dirección ás costas galegas. Seis días despois, tras un errático rumbo, o barco partiu pola metade e afundiu no Atlántico e desatou unha catástrofe no país.

Estes días cúmprense 17 anos do desastre medioambiental e dunha histórica mobilización social, en forma de solidariedade e protesta contra a moi cuestionada xestión naqueles días. A comunidade científica, que nos primeiros días manifestou que non foi tida en conta na toma de decisións, despregou un inmenso traballo para estudar os danos da marea negra: centos de investigadores e centos de investigacións intentaron comprender e poñer remedio á catástrofe. “Saíronnos moitas canas aqueles días”, conta hoxe un dos científicos que tomou parte naquel traballo.

Publicidade

O "Prestige", visible desde a costa de Muxía na mañá do 14 de novembro de 2002. Fonte: Youtube.
O “Prestige”, visible desde a costa de Muxía na mañá do 14 de novembro de 2002. Fonte: Youtube.

Despois da chamada de auxilio, e co barco deixando xa unha estela de chapapote, comezou a incerteza. O día 14, o Prestige amenceu moi preto das costas de Muxía, que acabaría sendo a “zona cero” da marea negra, e era visible desde a punta da Barca.

Desde ese día ata o martes 19, cando o barco parte en dous, afunde e desprende milleiros de toneladas de fuel, a crónica é a dun desastre anunciado. Tras achegarse á Costa da Morte, as autoridades deciden afastar o petroleiro da costa, en contra da opinión de técnicos e expertos, que recomendaban poñelo a abrigo nalgunha ría para localizar e minimizar o dano medioambiental. Anos despois, informes da UE confirmaron que foi un “error” levalo a alta mar.

Imaxe de satélite da marea negra despois do afundimento. Fonte: ESA.
Imaxe de satélite da marea negra despois do afundimento. Fonte: ESA.

As condicións en mar aberto, con forte vento e grandes ondas, dificultaron o remolque. Puxéronse sobre a mesa todo tipo de propostas, chegándose incluso a contemplar a posibilidade de bombardear o barco para que o fuel ardese e non chegase ás costas galegas. Pola súa banda, as autoridades portuguesas tiveron que enviar efectivos á zona para asegurarse de que España non levase ao Prestige cara a súas augas.

Mentres o barco agonizaba no medio do mar, a marea negra inundaba a costa e as autoridades decretan a prohibición das actividades pesqueiras. Mariñeiros e voluntarios, en moitos casos sen equipos de protección nin ferramentas axeitadas, bótanse ao mar e ás praias para impedir que o fuel entre nas rías e destrúa unha dos principais sectores económicos do país.

O afundimento do barco liberou enormes masas de fuel que, pouco a pouco, pero irremediablemente, foron chegando á costa galega e estendéndose tamén a Portugal, a costa cantábrica e incluso Francia. Durante meses, voluntarios de medio mundo chegaron ata Galicia para colaborar no que fose posible.

Centos de investigadores analizaron as consecuencias medioambientais

As consecuencias medioambientais foron enormes. Morreron centos de miles de animais, sobre todo aves, enchoupadas en fuel. Algúns estudios detectaron problemas respiratorios, inmunolóxicos e incluso danos xenéticos temporais entre as persoas que participaron na limpeza. Con todo, pouco a pouco, grazas a estes traballos e á propia dinámica do mar, a pegada da marea negra foi desaparecendo. Hoxe en día, apenas queda pegada nos ecosistemas, segundo sinalan os expertos.

O pecio, partido en dúas partes, separadas por varios quilómetros de distancia, fica no fondo do Atlántico, a máis de 3.500 metros de profundidade. Aínda que se atopa nunha zona escarpada, con certa actividade sísmica. Non en tanto, segundo os científicos que analizaron a situación, é bastante improbable que se produzan novos vertidos, xa que o fuel está prácticamente solidificado debido ás condicións de temperatura e presión nas que se atopa o barco.

Porén, a pegada na memoria das persoas que viviron aqueles días permanece. A solidariedade e os movementos de protesta contra a xestión da catástrofe mudaron a sociedade galega. Cando se cumplen tres lustros daqueles días, como cada ano, lembramos de novo o que aconteceu.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023