Venres 29 Marzo 2024

A Xunta volve restrinxir os encontros sociais diante do crecemento da nova vaga da pandemia

O grupo de expertos que asesora á Xunta no seguimento da pandemia analizou o crecemento de casos de coronavirus das últimas semanas

 O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia no seguimento da pandemia da Covid-19 acordou na súa reunión deste martes un paso atrás na ‘desescalada’ diante das previsións cara ás vindeiras semanas, nas que se anticipa un notable aumento de hospitalizacións e ingresos en UCI por mor do coronavirus. Deste xeito, sete concellos pasarán a estar no nivel máximo de restricións e outros 29 situaranse no nivel alto. Neles, segundo avanzou o presidente da Xunta, esixirase para acceder aos locais a documentación que acredite a vacinación completa, unha proba negativa nas últimas 72 horas ou ter pasado a infección por SARS-CoV-2.

Claves do novo modelo de restricións: así queda Galicia a partir do venres

Estas son algunhas das medidas anunciadas polo presidente da Xunta:

Publicidade

  • Limitación de encontros sociais: se o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o refrenda, prohibiranse as reunións de máis de 6 persoas no interior (ou 2 grupos de convivencia) e 10 no exterior (ou 2 grupos de convivencia).
  • Prohibición de reunións con non conviventes: se o TSXG o autoriza, non se poderán realizar entre a 1 e as 6 da madrugada en concellos en nivel máximo ou alto e entre as 3 e as 6 nos concellos de nivel medio ou medio-baixo.
  • Nivel máximo: O Barco de Valdeorras, Cambados, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Sanxenxo, Meaño e O Grove. Non haberá peche perimetral neste novo marco de restricións.
  • Nivel alto: Melide, Porto do Son, Carballo, Fisterra, Oleiros, Vimianzo, Arzúa, Ribeira, Burela, Viveiro, Cervo, Foz, Ribadeo, Ourense, Avión, Barbadás, O Carballiño, Pontevedra, Vigo, A Illa, Vilanova e Vilagarcía de Arousa, Marín, Poio, Baiona, Gondomar, Nigrán, O Rosal e Tomiño.
  • Certificado para acceder ao interior da hostalaría en nivel máximo ou alto: vacinación completa, unha proba negativa nas últimas 72 horas ou ter pasado a infección por SARS-CoV-2. Os nenos e nenas menores de 12 anos estarán exentas destas medidas.
  • Capacidade dos locais de hostalaría: non pecharán en ningún nivel. No máximo estarán ao 30% no interior e 50% no exterior, no alto e no medio, 50% e 50%; e no medio-baixo, 50% e 100%.
  • Peche dos locais de ocio nocturno nos concellos en nivel máximo ou alto. En nivel medio estarán ao 50% no interior e 75% en exterior, e no medio-baixo, ao 50% e 100%. Mantense o requerimento de presentar o certificado de vacinación completa ou ter pasado a infección, ou ben unha proba diagnóstica negativa nas 72 horas previas.

Na súa comparecencia, o presidente da Xunta puxo o acento nas desfavorables previsións que o comité clínico fai para as primeiras semanas do mes de agosto no caso de que os niveis de transmisión actual, con máis de 1.000 novos casos diarios, se manteñan. Destacou igualmente Feijoo a alta taxa de positividade detectada nos cribados e a escasa asistencia a estas convocatorias, o que incrementa o risco de que haxa cadeas de transmisión do virus fóra do foco dos servizos sanitarios.

Así, de seguir con este nivel de transmisión durante unha semana, Galicia achegaríase aos 500 ingresos en hospitais (100 deles nas UCI). Se a mesma transmisión se estende dúas semanas máis, podería chegarse na segunda semana de agosto a un pico de case 1.000 pacientes ingresados e 200 en coidados intensivos, en niveis semellantes aos da primeira onda de marzo de 2020.

Neste sentido, o presidente da Xunta advirte do risco deste incremento da transmisión, tanto para os grupos de idade máis novos como para as persoas de maior idade. “Hai netos contaxiando aos seus avós”, a pesar da alta efectividade da vacina. E destacou que oito persoas menores de 40 anos están na UCI por Covid-19 nestes momentos. É neste grupo de idade, cunha cobertura de vacinación moito menor, no que se concentran nos últimos sete días, o 80% dos casos diagnosticados.

Respecto ao avance da campaña de vacinación, Núñez Feijoo avanzou que esta semana acabará a administración da primeira dose ás persoas de 30 e 39 anos. Na vindeira semana abordarase a pauta completa do grupo de 40 a 49 anos e comezará a vacinación no grupo de 20 a 29.

Segundo os últimos datos do Sergas, entre o luns e o martes pola tarde detectáronse máis de 1.100 casos de coronavirus, que elevan a case 13.000 as persoas baixo seguimento na actualidade. Delas, 153 están ingresadas en unidades de hospitalización e outras 21, na UCI. O elevado número de casos, xunto aos cribados que se están a realizar, están incidindo de forma notable na atención primaria, xa sobrecargada por mor das limitacións de persoal nestas datas.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas