Xoves 25 Abril 2024

Praia Area dos Cans, un tesouro agochado baixo a superficie

Coa marea baixa é doado acceder a unha das mellores zonas intermareais da illa, que permite apreciar a súa gran biodiversidade mariña

Area dos Cans é unha das praias máis emblemáticas de Ons. De area branca e fina, as súas augas permiten descubrir a extraordinaria biodiversidade mariña da illa. É o areal máis próximo ao barrio de Curro. Con vistas ao peirao e á ría de Pontevedra, esta praia pouco profunda, encravada entre rochas que se afunden no mar, é un paraíso para todos aqueles que queiran gozar da riqueza submariña de Ons.

Biodiversidade mariña

Coa marea baixa é doado acceder a unha das mellores zonas intermareais da illa, que permite apreciar a gran biodiversidade de organismos mariños que agochan estas augas.

Publicidade

A pouco que nos fixemos, veremos dende mexillóns (Mytilus galloprovincialis) ata percebes (Pollicipes pollicipes), lapas (Patella sp.), caramuxos (Monodonta lineata; Gibbula cineraria; G.magus; G. pennanti; G. obliquata) e multitude de especies distintas de algas. Nas pozas que quedan nas rochas cando baixa a marea, tamén se atopan estrugas de mar (Anemonia viridis; Actinia equina; A. fragacea), camaróns de rocha (Palaemon serratus) e lorchos (Gobius cobitis).

Este areal é tamén un lugar especialmente idóneo para mergullarse no mar. A súa escasa profundidade e a nitidez das súas augas, fan que a costa rochosa, que se estende a ambos lados da praia, sexa perfecta para coñecer a riqueza da vida mariña. Veremos esponxas de mar que van dende o laranxa brillante ata o branco puro, algas de diferentes formas e cores, e unha gran variedade de peixes de distintas formas e tamaños. Prestando máis atención, pódense descubrir crustáceos como centolas (Maja squinado) ou nécoras (Necora puber), e incluso gozar do espectáculo de ver como os polbos (Octopus vulgaris) ou os chocos (Sepia officinalis) mudan de forma e cor segundo precisen.

A Laxe do Crego

Cando a marea está moi baixa, se nos adentramos polas rochas mar adentro, atoparemos a Laxe do Crego, un sarcófago antropomórfico de 1,80 metros que data da Idade Media. Algúns estudos afirman que podería tratarse da tumba dalgún monxe eremita que habitou as illas. Outras teorías sinalan que tal vez fose un sepulcro onde os monxes da illa rezaban e practicaban o ascetismo.

Sabías que?

No ano 1998 atopouse que boa parte das xestas presentes na illa de Ons amosaban diferencias morfolóxicas con Cytisus striatus, especie á que supostamente pertencían. Estas resultaron ser unha especie distinta á que lle chamaron Cytisus insularis, endémica de Ons e o illote de Vionta (Sálvora). Trátase dun arbusto leñoso, que pode acadar os dous metros de altura, de follas unifoliadas, froitos aplanados e maior número de sementes por fruto que C. striatus que se atopa fundamentalmente nas zonas de acantilados Cytisus insularis acompañando os toxos.

Descarga aquí a trixésima entrega da guía.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Praia de Melide, a importancia de conservar os sistemas dunares

Xunto co de Muxieiro, situado nas illas Cíes, constitúe un dos principais depósitos de area do parque nacional

Punta Centolo, o refuxio das aves mariñas

Este miradoiro da illa de Ons é zona de cría das aves máis emblemáticas do parque nacional

Faro de Ons, a torre que salvou vidas

Está situado a 128 metros sobre o nivel do mar e data do ano 1926

Castelo dos Mouros, o pasado celta da illa de Ons

Atópase no cumio do monte Castro, onde recentes escavacións sitúan un castro da Idade de Bronce