Xoves 25 Abril 2024

Portugal anticípase a Galicia ao aprobar un plan para frear novas especies invasoras

O investigador Jaime Fagúndez valor positivamente a norma lusa pero advirte de que se precisan accións reais e unha implementación firme

A proliferación de especies exóticas invasoras é unha das principais ameazas á biodiversidade. Con esta frase contundente e xa incuestionable comeza a resolución pola que o Consello de Ministros de Portugal aproba un plan de acción para evitar a entrada non intencional de novas especies invasoras. Nas súas 70 páxinas descríbense ata once vías de introdución, como o transporte marítimo, e cales son as medidas para frear a súa entrada no país. “Portugal é un bo espello no que mirarnos”, di Jaime Fagúndez, investigador da Universidade da Coruña e experto en especies invasoras. Segundo explica, en Galicia non hai ningún plan semellante ou, polo menos, con tal nivel de exhaustividade. “Temos catálogos publicados e faise referencia ás especies invasoras na lexislación, como na Lei de Biodiversidade. É dicir, temos liñas básicas por onde deberían ir as accións, pero nada tan específico como en Portugal”, sinala.

De feito, a Consellería de Medio Ambiente confirma que Galicia conta desde 2012 cun Plan estratéxico galego de xestión das especies exóticas invasoras e para o desenvolvemento dun sistema estandarizado de análise de riscos para as especies exóticas en Galicia, para o que xa está previsto unha revisión e unha actualización. Porén, a norma lusa, a diferenza da galega, fai un “diagnóstico claro” das vías de entrada de novas especies invasoras, poñendo o foco onde realmente está a problemática. “Isto responde a unha razón lóxica. Temos que evitar problemas futuros e o plan de Portugal é máis efectivo e económico que actuar sobre as especies que xa están aquí”, afirma o experto. Pon como exemplos o eucalipto e a herba da Pampa, presentes en todo o territorio galego. “Estas especies xa é moi difícil que as eliminemos e, polo tanto, temos que traballar máis no seu control. Pero hai outras que sabemos que son invasoras pero aínda non chegaron á nosa área bioxeográfica. Se aparecen, o importante é collelas a tempo para que non sobrepasen certas dimensións”, engade o investigador, en referencia á importancia de ter un plan que regule a situación.

Publicidade

“Temos que evitar problemas futuros e o plan de Portugal é máis efectivo e económico que actuar sobre as especies que xa están aquí”

JAIME FAGÚNDEZ, investigador da UDC e experto en invasoras

Pese ás loas, Fagúndez recoñece que o plan portugués tamén ten as súas limitacións. Non dubida de que o punto de partida do país veciño é bo, pero dubida do compromiso que se adquira con el. “A cuestión está en que grao de implementación se vai levar a cabo. É dicir, se o plan se traduce nunhas normas definidas sobre aspectos máis concretos, como a prohibición de determinados usos. E iso xa non o teño tan claro”, sinala o investigador galego. Malia que Fagúndez insiste en que Portugal “vai na boa dirección”, polo menos en contraposición con Galicia, sería preciso que dese un paso máis para que o seu plan fose realmente efectivo. “O realmente importante é que se materialice en accións integradas na lexislación, que teña un financiamento, que se leve é práctica”, insiste Fagúndez. Polo momento, co plan sobre a mesa e as boas expectativas, o investigador mantén as súas dúbidas: “Non sei se, polo de agora, vai supor un cambio real”.

O ideal: unha norma a escala europea

A aprobación do plan luso estivo motivada polas esixencias da Unión Europea, ao ser un dos países membros que non tiña medidas para frear o avance das especies invasoras nin para eliminar as que xa estaban asentadas no seu territorio. Pese á boa nova, Fagúndez é máis ambicioso e cre que o obxectivo, máis alá de plans estatais ou, no caso galego, autonómicos, debe chegar a escala europea. “A problemática das invasoras é global. As especies non entenden de límites administrativos nin da aplicación de diferentes normas”, apunta o investigador, xustificando un plan á maior escala posible. De feito, o risco que se corre é que non haxa unha continuidade na aplicación das normas e que as fronteiras sexan, tamén, barreiras para este tipo de políticas. “Ten que haber un plan ben harmonizado. A escala europea sería realmente o ideal”, sostén Fagúndez.

“”A problemática das invasoras é global. As especies non entenden de límites administrativos”

JAIME FAGÚNDEZ, investigador da UDC e experto en invasoras

De todas formas, un obxectivo como o que propón o investigador da UDC non é tan factible como parecería a simple vista. Unha regulación a escala europea tamén traería problemas, dado que hai especies que son invasoras nuns territorios e noutros non. “É o caso da Cortaderia selloana [coñecida como herba da Pampa], tan preocupante no sur de Europa e, pola contra, é un recurso económico do sector da flora ornamental nos países do norte”, explica Fagúndez. Segundo continúa apuntando, nesas latitudes a Cortaderia non supón un problema nin unha ameaza para a biodiversidade e por iso hai arredor dela todo un mercado. Por tanto, este pode ser un dos primeiros obstáculos para esbozar unha norma a escala europea e, por iso, de momento tan só hai unha listaxe de especies europeas invasoras que “aínda está moi incompleta”. A este respecto, Fagúndez considera que o primeiro paso sería o seguinte: “A inclusión de especies nas listas ten que estar fixada por criterios científicos, non económicos”, di en relación ao conflito do eucalipto.

As futuras ameazas

Fagúndez, experto en flora, dirixe a vista ás Illas Británicas para alertarnos de futuras invasoras. “Unha especie invasora na súa área pode selo na nosa porque compartimos bastantes características desa Europa atlántica”, apunta o investigador. Pero hai outras que están aínda máis preto, a tan só uns quilómetros de cruzar a fronteira. Fagúndez sinala algunhas especies de acacias presentes en Portugal e o Baccharis salicifolia, un arbusto que está a dar “moitísimos problemas” nas zonas de marisma de Asturias e Cantabria. Tamén menciona o xacinto de auga (Eichhornia crassipes) como ameaza. “É unha especie acuática que está presente en diferentes ríos da península, sobre todo no Guadiana. Deberiamos coñecela ben e vixiar, por se aparece nalgún momento. De ser así, seriamos capaces de responder con axilidade”, sinala.

Un dos puntos básicos para combater estas futuras ameazas e, por tanto, evitar que estas especies crucen fronteiras, sería apostar pola reciprocidade. “As actuacións nas rexións fronteirizas poden axudar á problemática no propio territorio”, di Fagúndez en relación aos beneficios que podería ter a norma portuguesa sobre Galicia. Pero, para iso, sería preciso que todo estivera ben integrado nun plan transnacional. “Un plan como o portugués debería contemplar a posibilidade de controis fronteirizos e isto non só choca coas políticas europeas, senón que pode ser implicacións legais”, engade Fagúndez, dando conta do complicado de aplicar medidas. De todas formas, se o plan luso se traduce en accións reais, o investigador galego non descarta que se lle requira reciprocidade a Galicia. “Sería lóxico”, asente, enumerando as numerosas vías de entrada, como os vehículos a motor ou as vías de alta velocidade, polas que as especies invasoras poden penetrar e romper fronteiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Como medir as estrelas para revelar os misterios da Vía Láctea

Os investigadores do CITIC Xabier Pérez e Lara Pallas participan na misión Gaia, que pretende crear o maior mapa 3D da nosa galaxia

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023