Xoves 28 Marzo 2024

Porcoril, o fillo da irresponsabilidade

Os porcos vietnamitas, do mesmo xeito que os xabarís e os porcos domésticos, pertencen á familia dos súidos, un grupo de mamíferos omnívoros de tamaño mediano, corpo robusto e un salientable fociño. Como están emparentados, é posible o seu cruzamento, mais esta posibilidade entraña un perigo que podería comprometer o futuro do xabaril en Galicia: o porcoril.

Desde hai uns anos, púxose de moda en medio mundo ter como mascota un porco vietnamita, sobre todo despois de que o famoso actor George Clooney mercara un exemplar ao que bautizou como Max. Nun primeiro momento, ter un animal coma este na casa é relativamente cómodo, pero cando empezan a medrar, precisan un espazo e uns coidados que non sempre é doado ofrecerlles nunha vivenda particular.

Publicidade

Deste xeito, en vez de buscar un lugar mellor para estes animais ou atopar unha solución, moitos irresponsables abandonaron ás súas mascotas vietnamitas en plena natureza. Era cuestión de tempo que xabarís e porcos vietnamitas se atopasen e comezasen a procrear. Así foi como naceu o porcoril, coñecido tamén como cerdolí noutras rexións do estado español.

Xa hai estudos sobre este animal, como o realizado por dous biólogos, fillo e neto de Miguel Delibes, que seguiron o rastro do porcoril por varias zonas da península Ibérica. Hai indicios para a preocupación. Senderistas, biólogos e cazadores atopan cada vez máis híbridos, e polo de agora nin o goberno español nin as autonomías desenvolveron plans para atallar o problema. O porcoril non deixa de ser, en parte, un animal doméstico, así que a lei non permite cazalo, e a multa pode superar os 6.000 euros.

A mestura non destaca polo seu valor ecolóxico nin cinexético. “É como se mesturas unha vaca de leite e un touro de lidia: non vale nin para unha cousa nin para a outra”, di Francisco Couselo, presidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra. Nesta provincia, está constatada a presenza do porcoril nas zonas próximas a Pontevedra e Vigo. De alí, posiblemente, procedían os porcos vietnamitas abandonados.

Luis Eusebio Fidalgo, profesor de Ciencias Veterinarias na USC, advirte de que este híbrido supón un “un perigo moi importante” pola “contaminación xenética” que provoca nos xabarís. Fidalgo tamén sinala que ao ser unha especie alóctona, é difícil facer previsións sobre o impacto que pode causar no resto do especies do entorno, tanto animais como vexetais.

1 comentario

  1. Y realizar un plan de prevención no es posible? Aunque esté prohibida su caza por ” ser un animal doméstico”, buscar un plan de reubicación y de esterilización? O una colaboración por parte de cazadores para localizarlos y colocarles algún sistema de localización. Hablo desde la ignorancia, pero me gustaría saberlo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Creada a primeira base de datos sobre o impacto das plantas invasoras en Europa

Investigadores do CSIC participan na plataforma Plantimpactseurope, que inclúe información de 104 especies de 29 países europeos

Velutinas, porco vietnamita, cangrexo vermello… Así chegan a Galicia as especies invasoras

María José Servia, investigadora da UDC, augura novos exemplares “co foco poco posto nos himenópteros: avespas, formigas e abellas”

Restos de baleas atopados en Galicia corroboran a extinción de dúas especies do Atlántico

Unha investigación arqueolóxica reuniu mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII no maior estudo de Europa sobre estes cetáceos
00:03:53

Unha xornada de resistencia contra as especies invasoras

Científicos, voluntarios e curiosos danse cita no Aquarium Finisterrae da Coruña para coñecer mellor estas especies e frear a súa expansión no noso ecosistema