Explicación: un destes dous obxectos brillantes do ceo está a moverse. Á dereita está a famosa estrela Polaris. Aínda que está na posición 45 das estrelas máis brillantes do ceo, Polaris é famosa por parecer estacionaria. Unha vez que a atopes, aparecerá sempre na mesma dirección, toda a noite e todo o día, durante o resto da túa vida. Isto débese a que o polo setentrional de xiro da Terra, chamado o Polo Norte Celeste, apunta preto de Polaris. Á esquerda, uns dez millóns de veces máis preto, está o cometa Lovejoy, que cambia de xeito destacado a súa posición no ceo nunha hora. A imaxe publicada tirouse a semana pasada. Designado oficialmente coma C/2014 Q2 (Lovejoy), esta bola de neve en desintegración vén de visita desde o Sistema Solar máis exterior e aparecerá preto da Estrela do Norte só durante unhas poucas semanas máis. Porén, iso debería ser abondo para que os norteños poidan ollar con prismáticos ou un pequeno telescopio a coma verdecente deste fuxidío recén chegado, quizais coa axuda dun bo mapa estelar.