Na década de 1930, o tranvía que une Vigo e Baiona é empregado nos días de verán por máis de 6000 persoas que realizan o traxecto de ida e volta ás praias, mentres que cidades como Barcelona ou Madrid contan xa con máis dunha trintena de axencias de viaxes e aspectos como os grandes eventos, as festas ou o deporte comezan a abordarse como elementos capaces de atraer viaxeiros. “A comezos do século XX, comeza a apostarse en España polo que se chama entón a industria dos forasteiros”, sinala o profesor Rafael Vallejo, que sitúa no primeiro terzo do século XX a época onde comezan a sentarse as bases do que sería décadas despois unha importante industria no país, o turismo. Afondar desde múltiples perspectivas nesas décadas “nas que se está a configurar un sistema turístico” é nese senso o propósito central do I Congreso de Historia del Turismo. Los orígenes del turismo en España 1900-1939. El nacimiento de un país de turismo, que en xuño de 2017 reunirá no Mosteiro de San Xoán de Poio a preto dunha trintena de especialistas en diferentes disciplinas co propósito de trazar a “aproximación máis completa e máis precisa que se ten feito ata o de agora” ás décadas nas que se asentan as “pezas básicas” do modelo turístico español.
Coordinado por este profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o investigador da Universidad de Granada Carlos Larrinaga, xunto coas docentes da Universidade da Coruña Elvira Lindoso, Margarita Vilar e a profesora da UCAM Beatriz Correyero, este simposio insírese nun proxecto de investigación do grupo Turhis, coordinado por Larrinaga e financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad. Esta iniciativa ten como obxectivo analizar a historia do turismo en España ao longo do século XX e dela forma parte á súa vez un segundo proxecto, coordinado por Vallejo, dirixido a elaborar a primeira historia do turismo en Galicia.