Sábado 20 Abril 2024

O plástico que flota no mar dá de comer ás bacterias

“Ata agora coñecíanse os efectos nocivos dos residuos plásticos en animais, desde os pequenos invertebrados ata as baleas, pero ignorábase como afectan aos microbios mariños, incluídas as bacterias”, explica Cristina Romera, investigadora do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona. Niso afonda un estudo no que tamén participan científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, publicado esta semana en Nature Communications, no que explican como o lixo en forma de plástico que aboia no mar chega aos niveis máis baixos da cadea trófica.

“O obxectivo do estudo – explica Xosé Antón Álvarez Salgado, profesor do CSIC no Laboratorio de Xeoquímica Orgánica do IIM-Vigo – era cuantificar canto carbono orgánico procedente dos residuos plásticos se libera ao medio mariño e que consecuencias ten para as bacterias”.

Publicidade

A degradación dos plásticos libera 23.600 toneladas métricas de carbono orgánico cada ano no mar

Para seguir o rastro destes plásticos, o equipo investigador realizou unha serie de experimentos nos que os distintos tipos de plástico que aboian na auga do mar eran expostos á radiación solar en períodos dunha semana e un mes. Empregáronse os plásticos máis abundantes no océano: polietileno de alta e baixa densidade (HDPE e LDPE) e polipropileno (PP). Estes materiais adoitan proceder dos envases de plástico e as bolsas de supermercado e outros establecementos comerciais.

Posteriormente, observouse que todos eles liberaban carbono orgánico na auga do mar, tanto os que foron expostos aos raios do sol como os que non. Os resultados, segundo explica Cristina Romera, suxiren que “tendo en conta que cada ano van ao océano ata 12 billóns de toneladas de plásticos, libéranse 23.600 toneladas métricas de carbono orgánico”. E nunha segunda fase, engadíronse bacterias á auga do mar que xa contiña os compostos liberados polo plástico. Observouse que, despois de cinco días, as bacterias consumiran xa o 60% do carbono orgánico.

Nos casos nos que non se expuxera á radiación solar, as bacterias consumiron máis carbono e creceron máis rápido. “Esto indica que a radiación solar produce cambios estruturais nos compostos liberados polo plástico, que poden inhibir o crecemento das bacterias”, explica Álvarez Salgado.

Cinco trillóns de anacos de plástico no mar

Estímase que na actualidade aboian na superficie do mar máis de cinco trillóns de trozos de plástico, e as previsións apuntan a que os residuos poderían multiplicarse por 10 na vindeira década. “Isto vai incrementar proporcionalmente a cantidade de carbono orgánico, con consecuencias para o crecemento bacteriano e, á vez, para outros organismos acuáticos e para o ciclo de carbono nos océanos”, explican os autores da investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte