Xoves 28 Marzo 2024

A ciencia responde: este é o peso que os rapaces deben levar nas mochilas e carros

Científicos de Granada e Liverpool estiman que é aconsellable non superar o 10% nas mochilas e o 20% no caso de levaren carros

Investigadores da Universidade de Granada (UGR) e a Universidade John Moores de Liverpool determinaron por primeira vez cal é o peso máximo que un neno debe transportar nun carro con rodas para ir ao colexio: un máximo do 20% do seu peso corporal. Do mesmo xeito, corroboraron que no caso das mochilas, a rapazada debe evitar cargas superiores ao 10% do seu peso.

Nun artigo publicado na revista Applied Ergonomics, os científicos estableceron por primeira vez a nivel mundial unhas recomendacións do peso adecuado que deben transportar os escolares de primaria cando utilizan un carro con rodas. Ata agora, déranse recomendacións de peso para as mochilas escolares, xa que son as máis utilizadas na contorna escolar mundial, pero en España, o uso dos carros escolares elévase a máis do 40%, e ata a data, non había estudos que estableceran recomendacións de peso para o uso do carro con rodas.

Publicidade

José Mª Heredia Jiménez e Eva Orantes González, dous dos autores do estudo. Fonte: ugr.es.
José Mª Heredia Jiménez e Eva Orantes González, dous dos autores do estudo. Fonte: ugr.es.

Este traballo levouse a cabo grazas a unha colaboración entre investigadores da Universidade de Granada, do departamento de Educación Física e Deportiva e o Laboratorio de Análise do Movemento e Comportamento Humano do campus de Ceuta (HubemaLab) e os investigadores de Liverpool

Estudo do peso máximo con escolares de Primaria

Neste estudo avaliouse a 49 escolares de Educación Primaria, aos que se lles analizou a cinemática (postura do tronco e extremidade inferior) mentres camiñaban sen peso, ou cunha mochila ou un carro escolar de rodas con diferentes cargas (10, 15 e 20% do seu peso corporal). Para a análise, utilizouse un sistema de captura de movemento óptico tridimensional, similar aos utilizados en películas de animación e videoxogos.

Ademais, en colaboración cos investigadores da John Moore, de Liverpool, os investigadores utilizaron técnicas estatísticas que permiten analizar as curvas de cinemática completa, é dicir, punto a punto.

As principais conclusións do estudo establecen que as maiores adaptacións ao usar carro ou mochila prodúcense nas extremidades proximais (cadeira e tronco) sen haber moita diferenza na cinemática das extremidades distais (xeonllo e nocello). Con todo, o uso do carro escolar produce menos cambios na cinemática e por iso, aseméllase máis á locomoción do neno sen carga, en comparación co uso da mochila, mesmo con pouco peso transportado.

Para finalizar e como conclusión xeral, o estudo corrobora que os escolares que utilizan mochilas deben evitar, como peso máximo, cargas superiores ao 10% do seu peso corporal, e establece, como novidade que, ao utilizar o carro, débese evitar un peso superior ao 20% do peso corporal do neno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación

O proxecto MEDRA fomenta a investigación en física de partículas entre o alumnado de bacharelato

O IGFAE acolleu a presentación dos traballos realizados por decenas de estudantes na súa primeira experiencia investigadora

Problemas de sono e TDAH: como se relacionan estes dous trastornos?

O trastorno por déficit de atención e hiperactividade e os problemas para durmir son alteracións frecuentes na infancia que parecen retroalimentarse

A exposición a plastificantes no embarazo asóciase con menor cociente intelectual na infancia

Unha investigación achega novas evidencias sobre os posibles efectos no desenvolvemento cerebral dos nenos e nenas de 10 anos