Venres 29 Marzo 2024

Dez lugares para ver as Perseidas desde Galicia

As Perseidas de 2016 prometen. A IMO (International Meteor Organization) apunta a que a chuvia de estrelas pode ser “a mellor dos últimos anos”, grazas a varios factores, como unha fase lunar favorable, a influencia de Xúpiter e a cercanía ao Sol do cometa Swift-Tuttle, do que se desprenden os meteoroides. En Galicia, as condicións serán óptimas, con ceos despexados en toda o territorio.

Todos os anos, entre finais de xullo e finais de agosto, a Terra cruza os restos do cometa Swift-Tuttle, o que provoca que multitude de partículas, denominadas meteoroides, choquen contra a atmosfera e desprendan unha estela de luz debido ao rozamento. Conforme o noso planeta se vai internando nesta nube de meteoroides a actividade das Perseidas -denominadas así porque parecen irradiar da constelación de Perseo– aumenta.

Publicidade

Este ano, a fase lunar, e a influencia de Xúpiter e o Sol favorecen o fenómeno

Pero ademais da propicia fase lunar, este ano poderemos ver unha maior actividade debido a outros dous factores. En primeiro lugar, a influencia do planeta Xúpiter, o máis grande do sistema solar, na órbita do Swift-Tuttle provoca unha perturbación que desencadena un maior número de meteoros. Tendo en conta que Xúpiter e o cometa acadaron a súa mínima distancia en novembro de 2014 e que os meteoros precisan algo menos de dous anos para achegarse á órbita terrestre, estamos ante o ano idóneo para observar ese aumento de actividade.

Por outra banda, atopámonos aínda preto do último perihelio (máximo achegamento ao Sol) do Swift-Tuttle, que se produciu en 1992 e non se repetirá ata 2126. Deste xeito, a calor solar provoca aínda un importante desprendemento de meteoros do corpo do cometa.

O mellor, entre as 12 e as 6 da madrugada, mirando a Pegaso.

Así, os modelos de predición, como os da IMO ou o do astrofísico Alejandro Sánchez, apuntan a que os mellores momentos para ver as Perseidas serán as noites do 11 ao 12 e do 12 ao 13 de agosto entre as 12 da noite e as 6 da madrugada. Poderanse chegar a ver entre 150 e ata 500 meteoros por hora. Desde a Federación de Asociacións Astronómicas de España ofrecen varios consellos: tumbados no chan nun saco de durmir, cos pés apuntando cara o noreste. Unha boa referencia para fixar a mirada é a constelación de Pegaso. Como é lóxico, é conveniente escapar da contaminación lumínica das principais cidades e vilas. Deste xeito, desde GCiencia imos propoñervos dez recunchos de Galicia onde se poderán seguir as Perseidas con todo o seu esplendor. Agora só vos queda pedir un desexo:

Os dez lugares para ver as Perseidas en Galicia

Observatorio de Forcarei: a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura organiza, en colaboración co grupo de Aficionados á Astronomía do Observatorio de Forcarei e a asociación Astrovigo unha xornada de portas abertas con varias actividades divulgativas que comezará o venres 12 ás 21.30 horas.

Punta Nariga (Malpica): o entorno deste faro, situado ao oeste da vila de Malpica, é un recuncho moi prezado para os amantes da astronomía e a astrofotografía debido á ausencia de contaminación lumínica na zona.

Chandebrito (Nigrán): o concello de Nigrán organiza en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos unha ruta polo castro de Chandebrito que rematará coa observación astronómica. Será o venres 12 a partir das 19.30 horas.

Alto de Fontefría (A Cañiza): este monte acollerá o xoves 11 a partir das 23 horas unha saída de observación dirixida pola agrupación astronómica Rías Baixas.

A Veiga: o concello ourensán estrea o seu recoñecemento como destino Starlight (caracterizado por ceos libres de contaminación lumínica) cunha celebración que terá lugar o sábado 13. Haberá cea, charlas, música e observación das estrelas.

Illas Atlánticas: O Parque Nacional é, xunto á Veiga, o único destino Starlight de Galicia. Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes son lugares idóneos para contemplar as Perseidas. O xoves 11, a navieira Nabia organiza unha travesía ata as Illas Cíes saíndo desde Vigo ás 23.30 horas.

Area de San Xoán (Guitiriz): A este municipio lucense, situado nunha zona separada de grandes focos de contaminación lumínica, desprazaranse máis dun cento de persoas da man da Agrupación Astronómica Ío, con base na Coruña. Aínda quedan prazas vacantes, e tamén é posible desprazarse á zona por medios propios. O autocar sairá o venres 12 ás 23.30 horas da Coruña e pódese reservar praza neste enlace.

Oia: o concello, A Agrupación Astronómica Rías Baixas e a asociación Costa dos Castros organizan unha xornada de astronomía e arqueoloxía o xoves 11. Ás 23.30 visitaranse os petróglifos da Pedreira e a continuación terá lugar a observación das Perseidas desde o Curro da Valga. Máis información, neste enlace.

Lobios: o sábado 13 á noite, a agrupación Rías Baixas tamén ten prevista unha observación na Capela do Xurés, neste concello ourensán, tamén alonxado da contaminación lumínica.

Monte Gaiás (Santiago de Compostela): o observatorio Ramón María Aller da USC organiza o venres 12 unha visita astronómica na Cidade da Cultura, no Monte Gaiás, onde haberá charlas sobre este fenómeno.

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.