Sábado 20 Abril 2024

As pemes e grandes empresas galegas superan a media estatal no uso da intelixencia artificial

Un 14,8% das compañías dese segmento emprega algún tipo de solución baseada nas tecnoloxías intelixentes

Preto dun 15% das empresas galegas que contan con 10 ou más traballadores emprega algún tipo de solución baseada na intelixencia artificial (IA), o que supón situarse tres puntos por enriba da media española neste segmento empresarial. No caso das microempresas, a porcentaxe que emprega este tipo de tecnoloxía en Galicia sitúase no 4,6%, idéntica á da media española.

As solucións de IA máis empregadas nas pemes e grandes empresas son as relativas á automatización de fluxos de traballo e toma de decisións, así como a conversión da linguaxe falada en formato lexible por unha máquina. Nas empresas de menos de 10 persoas empregadas sobresae o seu uso para converter a linguaxe falada en formato lexible por unha máquina.

Publicidade

Trátase de datos recollidos no informe Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2022, publicado recentemente polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O informe sinala tamén a evolución positiva no uso de big data, tanto as empresas de máis de 10 persoas empregadas como nas microempresas, que acadaron un 11,4% (dous puntos máis que o ano anterior) e un 3,7%, respectivamente. Por outra banda, o emprego de robots por parte das empresas galegas xa ten valores próximos ao 8%, dato similar á media estatal. Das grandes empresas que utilizan robots, máis do 85% son robots industriais e arredor dun terzo son robots de servizo.

Talento dixital

O 20% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas contratan especialistas TIC fronte á media estatal que se sitúa no 17%. No caso das microempresas, a súa presenza é moito menor (1,3%), en termos similares aos valores que rexistra o resto do Estado (1,2%).

Ademais, medra a proporción de mulleres especialistas TIC nas empresas galegas. O 55,4% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas que contan con perfís TIC emprega mulleres para estes postos, o que supón un crecemento relativo do 5,9%. No caso das microempresas, a contratación de mulleres especialistas TIC acada o 47% fronte ao 41,7% do ano 2021, rexistrando un incremento do 12,7% e máis do 100% en dous anos

Ciberseguridade e presenza en internet

O 52% das microempresas utiliza algún tipo de sistema de seguridade e, nas grandes empresas, supérase o 88%. As medidas de seguridade TIC empregadas con maior frecuencia polas empresas galegas, tanto as grandes como as pequenas, son a copia de seguridade de datos nunha localización separada e unha autenticación mediante contrasinal forte e o control de acceso á rede.

No que se refire á presenza en internet, no 2022, un 79,5% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas teñen web propia fronte ao 77,9% da media estatal. No caso das microempresas a porcentaxe sitúase no 31%, en valores similares á media estatal (31,8%). O uso de redes sociais estabilízase, cambiando a tendencia ascendente dos anos anteriores e situándose nun 36,5% nas empresas de 0 a 9 traballadores e nun 61,2% nas empresas de 10 ou máis traballadores.

Comercio electrónico e conectividade

As cifras de venda do comercio electrónico mantéñense en porcentaxes moi similares ás do ano anterior. O cambio máis destacable é o aumento nun 36% de microempresas que venden por internet.

En canto á procedencia dos clientes das vendas por internet, a maioría corresponde ao territorio español. Non obstante, cabe salientar que o 17,3% da vendas en liña das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede na nosa Comunidade producíronse a países da Unión Europea e o 13,5% a outros países que non pertencen a UE.

Ao igual que se vén observando nos últimos anos, a contratación da internet no 2022 acada a práctica totalidade das empresas de 10 ou máis persoas empregadas e nas microempresas, sitúase no 80,3%. Respecto á velocidade contratada, as empresas de 10 ou máis traballadores con conexións de 100Mbs ou máis sitúase no 71% e as micorempresas acadan o 57,7%.

Por outra banda, o informe recolle o gasto total en TIC das empresas galegas durante o 2022 que superou os 373 millóns de euros. As microempresas destinaron o seu maior orzamento TIC ao gasto en software estándar ou a medida e bens ou servizos TIC mentres o gasto principal das pemes e grandes empresas foi o gasto en servizos e consultas tecnolóxicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo modelo de IA afina o diagnóstico e o tratamento das arritmias cardíacas

Un equipo de Barcelona deseña un método que permite fixar con exactitude o lugar de orixe desta afección do corazón

Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador

Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas