Xoves 28 Marzo 2024

Pedro Domingues: “Cambiamos a alimentación e sobreviviron máis do 60% dos polbos”

Os polbos destacan pola súa intelixencia pero é posible que as ‘Lourditas‘ nunca saiban que xa forman parte da historia da ciencia. Teñen preto de 100 días, pesan entre 1,5 e 2 gramos e, aínda que xa fan vida de adultos, son as primeiras crías de Octopus vulgaris criadas con éxito en catividade no IEO de Vigo. Pescanova xa se fixo coa patente para a futura comercialización, que poderá chegar en poucos anos ás peixerías. Un dos científicos que o fixo posible, Pedro Domingues, investigador do grupo de Acuicultura Mariña do Oceanográfico de Vigo, subliña que isto é “o máximo” que conseguiu na súa carreira.

– Como están as ‘Lourditas’?

Publicidade

– Non podo dicir moito máis, porque a patente xa a está usando Pescanova e estamos colaborando con eles. Xa temos varios exemplares que superaron a fase larvaria, que teñen arredor de 100 días e un peso de entre 1,5 e 2 gramos pero xa teñen  comportamento de adultos. Estamos aprendendo cada día, vendo como se desenvolven, e seguíndoas con moita atención. En verán do ano que vén, se todo vai ben, teremos os primeiros adultos.

“Era impracticable intentar a cría con ovas de centola durante 50 ou 60 días”

– Que pasaba antes para que fose imposible conseguilo?

– Arredor dos 30 días de vida morrían todas as paralarvas. Intentáronse moitas cousas, tanto desde o IEO como noutros centros de investigación, e xa se conseguiran moitos avances, pero non como ata agora. Intentouse con ovas de centola, pero a min nunca me gustou porque era impracticable a nivel comercial conseguilas durante 50 ou 60 días seguidos e facelas coincidir coa fase larvaria do polbo, e ademais nun volume importante.

– Que se intentou agora?

Había que investigar e probar a alimentación con outros organismos que fosen máis fáciles de producir. Non se pode contar moito máis, pero si podemos dicir que a nivel nutricional non usamos o protocolo que se usaba, e cambiamos, probamos cun novo. O ano pasado xa vimos o potencial deste protocolo, repetímolo este ano e logramos taxas de supervivencia todavía máis altas, bastante por riba do 60%, que nos sorprenderon a nós mesmos.

Fixemos máis probas, miramos os resultados con distintos tipos de tanques e as paralarvas asentáronse en todos os casos. E supoño que por iso Pescanova comprou os dereitos da patente, porque ten bastante potencial para producir o polbo a escala comercial.

Outro dos exemplares que conseguiu criar o equipo do IEO. Fonte: IEO.
Outro dos exemplares que conseguiu criar o equipo do IEO. Fonte: IEO.

– Queda agora a fase de engorde. Podería haber algunha complicación?

– Esperamos que sexa accesible. Eu xa traballei con outra especie, o Octopus maya, que ten un problema grande, porque é moi agresivo, territorial e caníbal, e con todo, conseguimos crialo en catividade. O Octopus vulgaris é unha especie diferente, e xa se leva engordando desde hai moito tempo na acuicultura, e esperamos que non haxa maiores complicacións.

– E cando estará no mercado?

– Aí ábrese outra porta. Temos que probar, en colaboración con empresas, como é o caso de Pescanova, os pensos e produtos que poden axudar a dar este paso. Dependendo dos recursos que se destinen a isto, podemos estar falando de poucos anos. Se o ano pasado día que menos de cinco, agora digo que menos de catro, seguramente.

 

1 comentario

  1. Enhoraboa por ese éxito, o sinto polos detractores ,pero eso é o futuro e non seguir esquilmando os mares como o de ata agora. Se non paramos có consumo descomunal e irracional estamos abocados á destrucción da nosa e outras especies, polo tanto eduquémonos no consumo . Fai un mes comin salmón de piscifactoría en Noruega e supome moi rico, non me saíron granos nin alerxias ni nada de nada, o qué é necesario é que os controis sanitarios e os avances sexan os adecuados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

Cal é o alimento que desencadea o pracer nos peixes?

Coñecer os mecanismos de motivación pola comida podería mellorar a eficiencia económica das empresas dedicadas á acuicultura

h

Un equipo galego revisa a literatura científica sobre estes eventos dende comezos do século XX ata a data

O CIM participa na creación dunha rede europea de infraestruturas de investigación

O obxectivo é mellorar os servizos en acuicultura, pesca e economía azul das institucións que forman o consorcio