Venres 29 Marzo 2024

PCR no ocio nocturno e ‘guerra’ ao botellón: medidas para unha nova etapa pandémica

O maior número de positivos desde finais de febreiro (366 casos en 24 horas) leva á Xunta a poñer o foco na mocidade para conter o 'estourido' na incidencia

Poucas horas despois de que o comité clínico anunciase a extensión das restricións de nivel alto ou medio a 15 municipios galegos, as cifras achegadas polo Sergas na mañá do mércores constatan o rápido aumento da transmisión do SARS-CoV-2 que se está a producir nas últimas semanas no territorio: os 366 casos confirmados entre a tarde do luns 5 e o martes 6 (á espera do axuste que requiren estes datos) son o meirande número desde febreiro, cando descendía a fatídica terceira onda.

“A desescalada está en perigo” foi unha das primeiras frases do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na comparecencia deste mércores, na que anunciou unha nova serie de medidas, centradas en conter o ‘estourido’ da transmisión entre as persoas menores de 40 anos, grupos nos que se concentran as meirandes incidencias da nova onda da pandemia en Galicia.

Publicidade

Un escenario moi distinto, mais non sen riscos

O perfil de afectados é moi distinto, en gran medida, por mor da cobertura vacinal nos colectivos de maior idade: a transmisión dispárase na xente nova, o que conleva a unha menor proporción de casos graves de Covid-19. E, por tanto, a situación nos hospitais non se agrava da forma que o fixo nas vagas previas á vacinación masiva. Con todo, e segundo advirten as autoridades sanitarias, esta maior transmisión, mesmo en persoas asintomáticas, incrementa as probabilidades de que se produza casos graves mesmo en persoas vacinadas, a pesar da alta efectividade das vacinas, ou que xente nova e sen patoloxías de risco poida ver agravada a súa infección. Así, os responsables de Sanidade apuntaron que entre as preto de 60 persoas ingresadas pola Covid-19 en Galicia, unha parte delas é xente nova, tanto en unidades de hospitalización como nas UCIs.

A fenda xeracional observada nesta nova fase está a levar ás autoridades a actuar pola vía dos feitos: así, accións que non se contemplaban ata o momento (acceso a determinados espazos cunha proba negativa ou un certificado de vacinación) aplicaranse a partir dos vindeiros días en Galicia.

Do mesmo xeito, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, advertiu da baixa participación nos cribados que se están a realizar en áreas e colectivos onde se detecta transmisión. Nas convocatorias da semana pasada, apuntou, só acudiu o 46,8% das 20.000 persoas convocadas.

Novas medidas

Neste sentido, o departamento sanitario avanzou varias das decisións acordadas polo comité clínico. Segundo expuxo Pedro Rascado, médico intensivista no CHUS e membro do grupo de expertos que asesora á Xunta, “temos que dar respostas diferentes” diante do novo escenario pandémico. Estas son algunhas das propostas:

  • Os concellos en nivel medio (serán a partir do venres Culleredo, Ribadavia, Ourense, Barbadás, Caldas de Reis, Poio, Pontevedra, Marín, Redondela e Salceda de Caselas) poderán abrir o ocio nocturno, pero será preciso unha proba diagnóstica negativa (PCR ou antíxenos) ou certificado de vacinación para poder acceder.
  • Máis cribados, en especial a poboación entre 18 e 35 anos. Para impulsar a asistencia a estas probas, ademais da cita previa, será posible nalgúns casos que a xente acuda voluntariamente a facer os tests diagnósticos de maneira voluntaria. Ademais, segue habilitada a posibilidade de facela nas farmacias.
  • Peche de espazos onde poidan producirse aglomeracións en horario nocturno, a partir da medianoite, como parques, praias e prazas onde adoitan celebrarse botellóns.

Transmisión en máis concellos

Ademais dos citados concellos en nivel medio, o comité clínico acordou o martes que, a partir da medianoite do venres ao sábado, se manteña no nivel alto o concello de Sarria, e se incorporen a este rango de restricións catro municipios da contorna de Arousa: Cambados, A Illa, Vilanova e Vilagarcía, onde preocupan as decenas de casos detectados na última semana. Xa hai máis de 30 concellos que suman, polo menos, unha decena de diagnósticos na última semana, despois de manterse durante semanas por baixo deste limiar.

Do mesmo xeito, cada vez son menos os municipios ‘libres’ de SARS-CoV-2. Se hai apenas unha semana a cifra estaba por riba dos 210, os últimos datos amosan que xa son menos de 140.

En practicamente todos os casos, os brotes concéntranse en reunións sociais de xente menor de 30 anos. A incidencia destes grupos respecto a media (xa preto de 300 casos/100.000 habitantes a 14 días), triplica á do conxunto da poboación (98,05 segundo os últimos datos de Sanidad), e multiplica por 15 á das persoas maiores de 70 anos (por baixo de 20), nos que a vacinación está case que completada.

Aquí pode verse o mapa da incidencia acumulada nos concellos galegos na última semana e a tendencia respecto á cifra a 14 días. A transmisión aumenta notablemente en cidades como Vigo, Ourense, Lugo ou Santiago e en varias localidades cunha poboación maior de 10.000 habitantes, o que supón un número considerable de infeccións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.