Xoves 25 Abril 2024

Patrimonio á beira do mar: coñece o proxecto ‘Arquitectura ao límite’

O Museo Virtual da Fundación María José Jove, co apoio da Deputación da Coruña, presenta unha investigación sobre a arquitectura industrial no litoral

Desde fai séculos, as sociedades que medraron á beira do Atlántico en Galicia tiveron que adaptarse aos elementos e á xeografía para acadar o seu desenvolvemento. Un dos máis destacados vestixios da súa actividade é o patrimonio arquitectónico industrial que aínda hoxe se pode ver ao longo da costa. Da man do Museo Virtual da Fundación María José Jove, e co apoio da Deputación da Coruña, preséntase o proxecto “Arquitectura ao límite. Construción industrial no bordo litoral”, no que se documenta e debate en torno ao patrimonio arquitectónico situado nos case 1000 quilómetros de litoral que corresponden á provincia da Coruña.

O proxecto percorre mediante fotografías aéreas, con cadansúa análise e a realización dalgunhas composicións en tres dimensións, as paisaxes industriais do litoral. Inclúe un inventario de bens, co obxectivo de resaltar esta selección de inmobles é facer fincapé na súa singularidade; no seu valor histórico e arquitectónico e na importancia da súa conservación e difusión, contribuindo a evitar o seu deterioro ou desaparición.

Publicidade

A perspectiva das fotografías, tomadas desde un vehículo aéreo non tripulado, reforza, cunha estética moi coidada, a idea principal do proxecto: afondar na análise das arquitecturas industriais que se sitúan no bordo costeiro, como se axeitan ao territorio, onde o mar o condiciona todo, ao tempo que se ofrece unha perspectiva novedosa de difundir o patrimonio neste tipo de proxectos culturais.

300 construcións documentadas

Nos preto de 1.000 quilómetros entre Bares e Rianxo documéntanse 300 construcións clasificadas en 8 tipoloxías: muíños, conserveiras, estaleiros, cetarias, industria acuícola, secadeiros, portos e industria baleeira.

As fotografías seleccionadas dispoñen, ademais, dunha análise acompañada dun pequeno texto. Para desenvolver “Arquitectura ao límite”, proxecto concibido como unha plataforma de revisión e debate, optouse polo emprego e combinación destas tecnoloxías para difundir e contribuír á conservación dos inmobles, algúns dos cales están en perigo de desaparecer. Son arquitecturas adaptadas ao territorio e condicionadas por un mar sempre presente, sen o cal non existirían.

Dous dos edificios recollidos no proxecto. Fonte: Arquitectura ao límite.
Dous dos edificios recollidos no proxecto. Fonte: Arquitectura ao límite.

Como parte da reflexión que se pretende abrir arredor deste patrimonio singular, o proxecto conta tamén coa participación de cinco arquitectos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC: Carlos Quintáns, que actuou ademais como coordinador científico, David García-Louzao, Elisa Gallego, Óscar Fortes e Juan Creus. As converas poderán verse a través do web da Fundación María José Jove.

Alén disto, o proxecto complétase co deseño de rutas para coñecer as distintas paisaxes industriais; varios recursos didácticos que difunden este tipo de patrimonio entre os máis pequenos e unha selección de recursos bibliográficos.

Arquitectura ao límite enmárcase no programa de proxectos singulares de especial interese cultural que contan co apoio da Deputación da Coruña. Pola súa banda o MUV, plataforma dixital e virtual pioneira para a difusión da arte e a cultura, continúa na súa promoción de novas formas de incidir na investigación e na transferencia de coñecemento, facilitando a conexión entre persoas de diferentes ámbitos e disciplinas que contribúan á produción de ideas e accións críticas en relación co contexto máis próximo: Galicia.


O proxecto “Arquitectura ao límite” pode verse ao completo nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

Coincidindo co seu 25 aniversario, o museo coruñés aproveita para remodelar a área de curación destes animais mariños

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844