A pandemia da Covid-19 está a agravar as fendas da desigualdade que todos os días prexudica a miles de millóns de persoas no planeta. Mentres uns países xa acadan unha cobertura importante coas vacinas contra o coronavirus SARS-CoV-2 e comezan a ver a luz ao final do túnel, outras rexións do planeta sofren novas e grandes vagas de contaxios, con hospitais colapsados e miles de mortes diarias. Nas últimas semanas, os movementos de diversos gobernos cara á suspensión temporal das patentes que protexen a propiedade intelectual das vacinas contra a Covid-19 está a xerar un importante debate na opinión pública.
Co obxectivo de coñecer máis a fondo o funcionamento destes mecanismos, GCiencia organiza este martes 18 de maio, ás 20 horas, un encontro en directo con Xosé María Torres Bouza, farmacéutico e voceiro da ONG Farmamundi en materia de patentes. O encontro poderá seguirse a través de gciencia.gal e os perfís de GCiencia en Facebook, Youtube e Twitter.
Entre outras cuestións, Torres abordará o propio concepto das patentes, a súa orixe e regulación, a súa influencia nos prezos dos medicamentos así como algúns casos coñecidos arredor da propiedade intelectual dos fármacos, como o da penicilina, a aspirina ou o a zidovudina, o primeiro medicamento contra a sida, comercializado en 1987. Afondará ademais nas razóns e posibles solucións aos problemas do desigual acceso a fármacos no mundo.
Xosé María Torres é licenciado en Farmacia pola USC e especialista en Farmacia Industrial e Galénica. Desde 2008 é farmacéutico comunitario en Ortigueira (A Coruña). Foi vogal de Farmamundi e presidente da Coordinadora Galega de ONGD (2005-2011, e visitou proxectos de cooperación en Ecuador, Perú, Nicaragua e Alxeria (Tindouf, campamentos saharauis). Desde hai anos colabora con diversos medios de comunicación con artigos de contido social sobre cooperación ao desenvolvemento, cuestións sanitarias e de medicamentos. No eido editorial foi editor de Salud y medicamentos en países en vías de desarrollo (2003) e e coordinador de Hepatitis C: La revolución de los pacientes (2018), editados por Farmamundi.
Se queres remitir a túa pregunta, podes facelo en directo no momento da entrevista, ou a través deste formulario.