Martes 16 Abril 2024

Avanza por Galicia o papabuxos, unha nova couza invasora

Varios concellos levan xa tempo tomando medidas contra a especie "Cydalima perspectalis", que xa foi detectada en varias rexións da Península

Acaba de chegar ao propio Real Jardín Botánico del CSIC en Madrid, pero xa leva varios anos na Península. A primeira cita do papabuxos (Cydalima perspectalis) foi en Galicia en 2014, cando foi detectada pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro no sur de Pontevedra. Porén, hai evidencias de que xa levaba tempo noutras zonas do norte, como Cantabria. Chegou desde o leste de Asia, e en Europa apareceu primeiro en Alemaña no ano 2006.

Esta couza, do mesmo xeito que fai outra especie que xera problemas en Galicia (a Tecia solanivora) aliméntase de tecidos vexetais. No caso do papabuxos, o seu obxectivo son, como o seu nome indica, os arbustos da familia das buxáceas, aínda que tamén hai citas noutras variedades. Pon os ovos na face e no envés das follas, de forma illada ou ben en grupos de ata 20 exemplares. Segundo explican desde a estación do Areeiro, “ao principio son de cor amarela moi pálida, difíciles de ver, pero segundo madruan desenvolven unhas manchas de cor alaranxada e, preto da eclosión, un punto negro que se corresponde coa cabeza da eiruga”.

Publicidade

Danos do papabuxos. Fonte: Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
Danos do papabuxos. Fonte: Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Estas eirugas acabadas de nacer escóndense nas follas e devóranas ata a epiderme. A partir do terceiro estado, son máis voraces, e aliméntanse de toda a folla e mesmo da cortiza das ramas novas. Os síntomas do dano nos buxos evidénciase na defoliación e nos restos de follas con fíos de seda acompañados de excrementos do papabuxos e cápsulas cefálicas das larvas.

Cando os danos chegan a ser intensos e reiterados, a planta morre. En Alemaña, segundo citan os investigadores galegos, o papabuxos foi responsable da morte dunha notable superficie natural na reserva de Grenzach-Wyhlen.

Para combater a praga, segundo o documento realizado pola E.F. Areeiro, existe unha feromona sexual sintetizada, pero que carece de rexistro en España. Neste senso, as accións realizadas en Galicia nas provincias de Pontevedra e A Coruña, as máis afectadas, usan unha combinación de praguicidas sintéticos e naturais, como parasitos do xénero Trichogramma ou a bacteria Bacillus thuringensis.

Ciclo do papabuxos

As eirugas do papabuxos destacan pola súa cabeza negra en todas as súas etapas. Porén, o resto do corpo vai mudando de cor, desde un ton amarelo ao nacer, con pelos longos respecto ao tamaño do corpo. A continuación van escurecendo ata amosar unha cor de fondo verde. Na fase de eiruga, a especie pode acadar os catro centímetros de lonxitude.

Na súa fase de crisálide, a cor muda cara ao marrón claro, e unha vez adulta, a couza presenta dous morfotipos: un máis frecuente, con ás brancas e unha banda marrón escura nos bordos; e outra, menos habitual, con ás marróns, aínda que mantén unha mancha branca na á, como se pode ver baixo estas liñas.

Dependendo do clima, pode haber entre dúas e cinco xeracións de papabuxos que se desenvolven desde a primavera ata finais do verán, segundo as investigacións realizadas en Galicia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña